Emma Goldman, nada en Kaunas, o 27 de xuño de 1869 e finada en Toronto o 14 de maio de 1940, foi unha anarquista de orixe lituana-asquenací que foi coñecida polos seus textos e discursos feministas e polos seus testemuños sobre a Revolución Rusa. Tivo un papel fundamental no desenvolvemento da filosofía anarquista da primeira metade do século XX en América do Norte e Europa e introduciu ideas feministas no pensamento anarquista. De orixe lituana, en 1885 emigrou a Nova York onde coñeceu o anarquismo, o que adoptou como ideoloxía trala revolta de Haymarket. En Nova York, Goldman converteuse nunha ensaísta e escritora de sona da filosofía anarquista e anticapitalista e redactou artigos sobre a emancipación da muller, os problemas sociais e a loita sindical. Ela mais o tamén escritor anarquista Alexander Berkman, o seu amante e compañeiro de toda a vida, planearon o asasinato de Henry Clay Frick como un acto de propaganda polo feito. Aínda que Frick sobreviviu ó ataque, Berkman foi condenado a vinte anos de cadea. Goldman foi arrestada varias veces por "alentar motíns" e pola distribución ilegal de información sobre a contracepción. En 1906, Goldman fundou o xornal anarquista Mother Earth. En 1917, Goldman e Berkman foron condenados a dous anos de prisión por conspirar para "inducir as persoas a fuxir" do servizo militar obrigatorio, que se establecera había pouco tempo nos Estados Unidos. Tras ser liberados da prisión, foron detidos de novo xunto con centos doutros progresistas e, a seguir, Emma foi deportada a Rusia durante a Revolución rusa. Inicialmente, simpatizou coa revolución bolxevique, mais decontado expresou a súa oposición ó uso da violencia por parte dos soviets e a represión das voces independentes. En 1919, expulsada de novo dos Estados Unidos pola súa intensa actividade política retornou a Rusia, mais volveu abandonar o país por disentir do rumbo autoritario tomado polo goberno bolxevique. En 1923, escribiu sobre as súas experiencias entre os bolxeviques, que forman o libro My Disillusionment in Russia. Pasou uns anos en Inglaterra, Canadá e o sur de Francia , onde escribiu a súa autobiografía Living My Life. Ao comezo da Guerra Civil española, en 1936, con máis de 60 anos, viaxou a España para apoiar a revolución anarquista. Os seus escritos e conferencias abranguen unha gran variedade de temas, incluíndo o sistema penal, o ateísmo, a liberdade de expresión, o militarismo, o capitalismo, o matrimonio e a emancipación da muller. Ademais, desenvolveu novas maneiras de incorporar políticas de xénero no anarquismo.
A Wikipedia é unha enciclopedia universal en liña multilingüe, colaborativa e gratuíta. O propósito da Wikipedia é fornecer un contido libre, obxectivo e verificable que todas as persoas poidan editar e mellorar.
O proxecto está baseado en cinco principios básicos, todo o contido está dispoñible baixo a licenza Creative Commons BY-SA e pode ser copiado e reutilizado baixo esta mesma licenza.
De acordo coas nosas estatísticas, temos un total de 153 363 contas de usuario rexistradas na Galipedia, e entre elas 265 estiveron activas durante o último mes. Todas as persoas que editan a Galipedia son voluntarias, integrando unha comunidade colaborativa e coordinando os esforzos por medio de proxectos temáticos e diversos espazos de conversa.