Bartolomeu García de Nodal
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1574 (Gregoriano) Pontevedra, España |
Morte | 1622 (47/48 anos) Mar Caribe |
Causa da morte | morte accidental |
Actividade | |
Ocupación | explorador |
Familia | |
Irmáns | Gonzalo García de Nodal |
Bartolomeu García de Nodal[1] ou Bartolomé García de Nodal, nado en Pontevedra en 1574 e finado no mar Caribe o 5 de setembro de 1622, foi un navegante galego, que canda seu irmán Gonzalo García de Nodal, chamados os irmáns Nodales ou Los Nodales, foi enviado por Filipe III a recoñecer o estreito de Magallanes e o novo estreito descuberto pola expedición de Jacob Le Maire e Willem Schouten.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Construíronse e armáronse as carabelas Nuestra Señora de Atocha e Nuestra Señora del Buen Suceso, de 80 toneladas e 40 tripulantes cada unha. A primeira ía como capitá baixo o mando de Bartolomé, e a outra como almiranta ó mando de Gonzalo.
Saíron de Lisboa o 27 de setembro de 1618. A mediados de xaneiro de 1619 tiveron coñecemento do cabo das Virxes, cerca do cal viron flotar os restos dun navío que naufragara. Seguindo o seu rumbo ó longo da costa oriental da Terra do Fogo, o 22 de xaneiro adentráronse no estreito de Le Maire, denominándoo estreito de San Vicente, nome que aínda conserva un dos cabos da costa occidental da Terra do Fogo.
O 10 de febreiro descubriron no sueste do cabo de Fornos as illas Diego Ramírez, chamadas así en honra a Diego Ramírez de Arellano, cosmógrafo e piloto da expedición. Seguidamente os irmáns Nodales remontaron cara ao norte, entrando no estreito de Magallanes, chegando ó extremo oposto e, logo de daren a volta á Terra do Fogo, tomaron o camiño de regreso a Europa.
Fondearon o 7 de xullo cerca de Lagos, e desde alí foron a dar conta da súa expedición ó rei, que se encontraba en Lisboa. Os dous irmáns publicaron o diario da súa expedición co título: Relación del viaje hecho por los capitanes Bartolomé García de Nodal y Gonzalo de Nodal, hermanos, naturales de Pontevedra, para el descubrimiento del nuevo estrecho, Madrid, 1621, un tomo co seu mapa.
Bartolomé faleceu o 5 de setembro de 1622 nos caios de Matacumbé e la Tortuga, a 30 leguas da Habana, no naufraxio do galeón Nuestra Señora de Atocha.
En memoria de Bartolomé é Gonzalo, foi bautizado o buque de salvamento e apoio Irmáns García Nodal, do servizo de gardacostas da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.
Notas
- ↑ "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-18.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Pousada, A. D. (2012). "Os devanceiros dos irmáns Nodal: historia dunha peregriñaxe". Estudios de Genealogía, Heráldica y Nobiliaria de Galicia (10): 445–456.
- Knox-Johnston, R. (1994). Cape Horn. A Maritime History. Londres: Hodder & Stoughton. ISBN 0-340-41527-4.
- Oyarzun, J. (1976). Expediciones españolas al Estrecho de Magallanes y Tierra de Fuego. Madrid: Ediciones Cultura Hispánica. ISBN 84-7232-130-4.
- Rodríguez Couto, D. (2018). "El poder está en el mar. La expedición de los hermanos Nodal (1618-1619)". Obradoiro de Historia Moderna (27): 293–320.
- Sanmartín Bastida, D. (2003): La expedición de los hermanos Nodal al Estrecho de Magallanes y Tierra de Fuego, 1618-1619. Tesiña para o Diploma de Estudios Avanzados del Doctorado (DEA), presentada ante Tribunal e aprobada o 30 de setembro de 2003. Departamento de Historia de América I, Facultade de Xeografía e Historia, Universidade Complutense de Madrid.