Santuario de Santo André de Teixido
Santo André de Teixido | |
---|---|
Santuario de Santo André de Teixido | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Capela |
Advocación | Santo André Apóstolo |
Localización | Teixido (Cedeira) |
Coordenadas | 43°42′18″N 7°57′24″O / 43.705, -7.9568 |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Mondoñedo-Ferrol |
Arquitectura | |
Construción | Século XII |
Estilo | Gótico de tipoloxía mariñeira |
[ editar datos en Wikidata ] |
O santuario de Santo André de Teixido é unha capela situada na parroquia de Teixido, no leste do concello de Cedeira, e preto de cabo Ortegal. É un famoso lugar de peregrinación, ao que, segundo o dito popular "vai de morto quen non foi de vivo". A romaría principal ten lugar o 8 de setembro, aínda que ao longo do ano se celebran outras menos concorridas, como a do 30 de novembro, Santo André, máis litúrxica. Cargado de forte significación antropolóxica; dende o punto de vista artístico, o máis notable é o retablo barroco.[1]
Considérase que a peregrinación a este lugar vén xa dende a Idade de Ferro, porén o primeiro rexistro do que hai constancia é do ano 1391. Tamén foi citada polo Padre Sarmiento no seu libro Viaxe a Galicia (1754-1755), despois de visitalo. Ó longo de todos estes séculos varias tradicións forxáronse ó redor deste culto, e forman parte xa da súa lenda.
Lenda do santuario
[editar | editar a fonte]Hai unha lenda de clara orixe popular que explica as orixes do santuario. A lenda parte sempre da chegada do apóstolo Santo André ou dos seus restos a este punto de xeografía galega. Nunha primeira versión, Santo André queixase ao Noso Señor do afastado e montesío do sitio que vai facer que ningún romeiro se achegue ata tan lonxe,[2] ao que Cristo responde: Quédate eiquí, San Andrés,/que de mortos ou de vivos/todos te virán ver. Noutra versión, Santo André compárase co seu compañeiro de apostolado, Santiago, que ten templo grande, camiño de sona e miles de romeiros, mentres que el apenas ten fieis que lle recen. Tamén neste caso o Señor promete compensarlle o suposto aldraxe asegurándolle que han de ir de mortos os que non foron de vivos.[3]
Peregrinación
[editar | editar a fonte]Os romeiros tiñan o costume de botar unha pedra nos amilladoiros situados a ambos os dous lados do camiño (cóntanse ata 20 amilladoiros entre o lugar de Veriño de Abaixo e Teixido). As pedras do amilladoiro di a lenda que "falarán" no Xuízo Final para dicir quen cumpriu coa promesa de ir a Santo André.
A peregrinación a Teixido considérase que se deu xa a partir da Idade de Ferro, cando a cultura castrexa.[4] Porén, o primeiro rexistro da existencia de peregrinación dáse no ano 1391, no testamento dunha señora de Viveiro, que di "Iten mando yr por min en romaria a Santo Andre de Teixido, porque llo tenno prometudo, et que le ponnan enno seu altar hua candea commo he hua muller de meu estado".[5][6]
Na zona do Cotobade chámaselle Camiño de Santo André á Vía Láctea e dise que remata enriba da capela do santuario.[7]
No santuario do San Andrés non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra.Ramón Otero Pedrayo: Pelerinaxes I (1929)
O templo
[editar | editar a fonte]Historia
[editar | editar a fonte]A capela atópase situada na serra da Capelada, preto dos cantís sobre o mar, a escasos quilómetros de cabo Ortegal. O santuario foi estudado por primeira vez de forma científica por Federico Maciñeira e Pardo de Lama, historiador ortigueirés, no libro "San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones", publicado en 1921[8] e reeditada de forma facsimilar en dúas ocasións. A segunda obra fundamental no estudo do santuario é "El Santuario de San Andrés de Teixido"[9], editada en 1972 por Rafael Usero, actual cronista oficial de Cedeira. En ambos traballos dáse conta de que o culto ou interese polo lugar é anterior á chegada do cristianismo á zona.
O Padre Sarmiento visitou esta igrexa o sábado 14 de xuño de 1755 e referiuse a ela como pequena, vella e indigna, na que, agás o retablo, non existía adorno algún.[10]
[...] A beira non ten areal algún, todo é penedos. Xunto á ermida vai un regato, e preto hai unha fonte de mala auga.
A igrexa é pequena, vella, indigna, e excepto o retabliño novo, sen adorno ningún. [...] É infinito o concurso de Romeiros que ven aquí por agosto. E é vergonza o pouco que se utilizan as esmolas en favor da Igrexa.
O templo ten a súa orixe nun mosteiro do que se ten constancia da súa existencia desde o século XII, baixo a protección dos condes de Trava. En 1196 entregárono a orde de San Xoán de Xerusalén, que tiñan a súa base en Portomarín. Tempo máis tarde o templo pasou a mans dos Andrade de San Sadurniño, familia da que se conservan os seus escudos na fábrica, xunto coa cruz dos cabaleiros de Xerusalén e a lenda "D SAN IVAN".[11]
Esta dupla dependencia do santuario configurouse como unha fonte de conflitos para o control das ganancias romeiras, como o longo litixio polos décimos entre os Andrade e o priorado de Portomarín. Contraditoriamente esta inestabilidade coincidiu cunha bonanza económica do santuario materializada na construción do retablo barroco en 1624,[12] chegando á reedificación do presbiterio no 1665 e a nave en 1785.
Descrición
[editar | editar a fonte]Atendendo a súa estrutura trátase dun templo gótico de tipoloxía mariñeira.[12] O elemento que conserva máis antigo é o arco triunfal, de tipo apuntado.
As partes máis antigas corresponden á época dos Andrade: a ábsida que era inicialmente abovedada e a porta lateral composta por un arco conopial de tipo isabelino, propio do gótico tardío, e que debeu de servir de porta principal do templo desde o século XV ao XVIII.
Este deseño foi complementado coa construción da nova fachada e a torre campanario, rematada no 1781 grazas ao aumento dos beneficios produto da auxe romeira da época.[12]
No ano 1970 descubríronse pinturas murais coa representación do martirio de Santo André.
Lendas e tradicións
[editar | editar a fonte]Ademais da lenda xa citada sobre a orixe da peregrinación, vivo ou morto, á Santo André, poden citarse outras lendas e tradicións.
A alma do morto levada por familiares
[editar | editar a fonte]O que se ofreceu a Santo André e non foi de vivo, debe ir de morto, e para iso un xeito de cumprir coa romaría é coa axuda dos seus familiares vivos (normalmente dous) acompañando á alma do morto.[13] Antes de comezar a peregrinación, os parentes van o cemiterio onde se encontra a tumba do defunto, para convidar ao espírito do morto a facer a viaxe con eles.
O pan de Santo André
[editar | editar a fonte]Co miolo do pan fanse "sanandresiños", figuras representativas da romaría. Inicialmente había 3 figuras: un home, unha muller e unha pomba. Hoxe en día son 5 as figuras representadas e son:
- A man: protección para o amor, as boas compañías e a amizade.
- O peixe: protección para o traballo e o sustento.
- A barca: protección para as viaxes, a casa e os negocios.
- O santo: protección para a saúde física e mental e a boa convivencia.
- O pensamento: protección para os estudos, as probas e o sentidiño. Eficaz contra a envexa e o mal de ollo.
A fonte dos tres canos
[editar | editar a fonte]Á fonte dos tres canos, ou "fonte do santo", consultábanlle sobre se Santo André concedería ou non o que se lle pedía. Para iso, botábase un faragullo de pan. Se flotaba, era porque o santo atendería a súplica. Se asolagaba, non había esperanza.
Segundo outra versión, se o faragullo de pan flotaba, o interesado volvería de novo a Santo André.
A herba de namorar
[editar | editar a fonte]A herba de namorar (Armeria pubigera) dáse nos arredores de Teixido, e dise boa para resolver os problemas de amores. É tradición volver da romaxe a San Andrés cun ramo da herba de namorar, que se colga nas ventás das casas como testemuña pública de ter feito a romaxe, como lembra Maciñeira[14]. A herba ten uns talos leñosos que se conservan secos durante moito tempo.
O ramo
[editar | editar a fonte]Unha das tradicións consiste en volver da romaría co ramo de Santo André. O ramo consiste nunha vara de abeleira e, atadas nela, varias poliñas de teixo. Ao ramo tamén se lle pon algo de "herba de namorar".
Cantigueiro ó Santo André
[editar | editar a fonte]- A San Andrés de Teixido/ fun coa cesta na cabeza,/ fun por mar e vin por terra/ o santiño mo agradeza.
- Fun ó santo San Andrés/ alá no cabo do mundo;/ sólo por te ver, meu santo,/ tres días hai que non durmo.
- Fun ó santo San Andrés,/ fun alá e hei volver,/ quedoume a ñima mantilla/ no seu altar por coller.
- Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada.
- Indo para San Andrés/ seica me veu un agoiro,/ non puiden levar a pedra/ ó primeiro amilladoiro.
- Meu divino San Andrés/ este ano alá non vou,/ pola falta de diñeiro/ moita xente se quedou.
- Meu divino San Andrés,/ tellas do voso tellado,/ elas de lonxe parecen/ ouro fino amartelado.
- Meu señor San Andresiño/ que está na alta ribeira,/ véñolle pedir, meu santo,/ a salvación verdadeira.
- Meu Señor San Andresiño/ póñano-lo vento en popa/ que sómo-los de Cariño/ traémo-la vela rota.[15]
- Meu señor San Andresiño/ que estás na alta montaña,/ este ano vin, solteira,/ pro o que vén virei casada.
- O divino San Andrés/ mandou empedrar o mar/ para que os seus romeiriños/ o foran a visitar.
- O Divino San Andrés/ ten a sardiña no cinto/ que lla deu un mariñeiro/ que andaba no mar perdido.[16]
- O San Andrés de Teixido/ está dereito na porta/ mirando para os romeiros/ como lle baixan a costa.
- Pasei a ponte do Porco,/ paseille a man polo lombo,/ meu divino San Andrés/ o voso camiño é longo.[b]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Entrada ao santuario.
-
Panorámica.
-
Interior da igrexa.
-
Baixando aos cantís en Santo André.
-
O lugar.
-
Santuario.
-
Cruceiro no adro.
-
Detalle dunha cruz.
-
Santo André de Teixido.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tradución ao galego do orixinal: [...] La orilla no tiene arenal alguno, todo es peñascos. Por junto la hermita va un arroyo, y cerca ay una fuente de mala agua. La iglesia es pequeña, vieja, indigna, y excepto el retablito nuevo, sin adorno alguno. [...] Es infinito el concurso de Romeros que viene aquí por agosto. Y es vergüenza lo poco que se utilizan las limosnas en favor de la Iglesia.
- ↑ Fai referencia á ponte do Porco, en Miño, sobre o río Lambre, que mandara construír Fernán Peres de Andrade o Boo e no que había a figura dun xabaril.
- Referencias
- ↑ Cegarra, Basilio (1999). Guía e rutas da arte. A Coruña. Guías Galaxia. Vigo: Editorial Galaxia. p. 21. ISBN 84-8288-326-7.
- ↑ Fraguas 1988.
- ↑ González Reboredo, Xosé Manuel (1983). Lendas galegas de tradición oral. Galaxia. p. 117.
- ↑ Armada Pita, Xosé Lois: "Cultos ancestrais e peregrinacións a Teixido", en Aulas no Camiño. Rutas Atlánticas (J. Leira ed.), Universidade da Coruña, 1997.
- ↑ La diócesis en imágenes (en castelán)
- ↑ Cal Pardo, Enrique (1991). "De Viveiro en la Edad Media". Estudios Mindonienses 7: 11–226. ISSN 0213-4357.
- ↑ Alonso Romero, F. (1991). Santos e barcos de pedra. Vigo: Xerais. p. 123.
- ↑ Maciñeira e Pardo de Lama, Federico (1921). San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. A Coruña.
- ↑ Usero, Rafel (1972). El Santuario de San Andrés de Teixido. Santiago de Compostela.
- ↑ 10,0 10,1 Álamo, Mateo del e Pérez de Urbel, Justo (transcrición): Viaje a Galicia de Fr. M. Sarmiento (1754-1755), p. 55-56, Sánchez Cantón e Pita Andrade (ed.), Santiago de Compostela, Cuadernos de Estudios Gallegos, IEGPS, 1950.
- ↑ Soraluce Blond 1999, p. 124.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Soraluce Blond 1999, p. 125.
- ↑ Fraguas Fraguas 1998, p. 338.
- ↑ Maciñeira e Pardo de Lama, Federico (1921). San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones. A Coruña.
- ↑ González Pérez 1998, p. 289.
- ↑ Fraguas 1988, p. 43.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Santuario de Santo André de Teixido |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- AAVV (1998). Antropoloxía mariñeira: actas do Simpósio Internacional in memoriam Xosé Filgueira Valverde. CCG. ISBN 84-87172-37-7. Artigos:
- Fraguas Fraguas, Antonio (1998). "Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar". Antropoloxía mariñeira…. pp. 335–348.
- Fuentes Alende, Xosé (1998). "Os exvotos de tema mariñeiro en Galicia". Antropoloxía mariñeira…. pp. 315–334.
- González Pérez, Clodio (1998). "Devocións mariñeiras: Do Corpo Santo á Virxe do Carme". Antropoloxía mariñeira…. pp. 283–313.
- Fraguas, Antón (1988). Romerías e santuarios de Galicia. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-602-7.
- González Reboredo, X. M. (1997). Guía de festas populares de Galicia. Guías Galaxia. Galaxia. ISBN 84-8288-130-2.
- Maciñeira Pardo-de-Lama, Federico (1921). San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones (en castelán). Litografía e Imprenta Roel.
- Pena Graña, Andrés (2006). Santo Andrés de Teixido. O camiño máxico dos celtas. Equona Deseño Editorial. ISBN 84-6112-570-3.
- Risco, V. (1962). "Etnografía: cultura espiritual". Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. pp. 255–777. (dirixida por Otero Pedrayo). Reed.: Akal, Madrid, 1979.
- Soraluce Blond, J. R. (1999). Guía da arquitectura galega. Guías Galaxia. Vigo: Editorial Galaxia. pp. 124–127. ISBN 84-8288-186-8.
- Usero González, Rafael (1972). El Santuario de San Andrés de Teixido (en castelán). Santiago de Compostela: Fundación Villabrille. Imprenta Paredes.
- —————— (1992). El santuario de San Andrés de Teixido (en castelán) (2.ª ed.). Cedeira: Fundación Villabrille. ISBN 84-604-3965-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Camiño a Santo André de Teixido Asociación Cultural y Recreativa Camino a San Andrés de Teixido.
- Cancioneiro de Santo Andrés