Content-Length: 102483 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Anatasa

Anatasa - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Anatasa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anatasa
Fórmula químicaTiO2
ClaseÓxido
Sistema cristalinoTetragonal - Ditetragonal Dipiramidal
CorMarrón, anil, negro, verdoso, lila clara, gris
BrilloAdamantino, metálico
Dureza5,5 a 6 - (escala de Mohs)
FracturaSub-concoide
ExfoliaciónPerfecta segundo {001} e {011}
RaiaDe branca a marela pálida
Densidade3,9 g/cm3

A anatasa —tamén coñecida como octaedrita— é unha das cinco formas minerais do óxido de titanio (IV) ou dióxido de titanio (TiO2). A verba anatasa procede do grego ἀνάτασις anátasis ("extensión"), en alusión á lonxitude das caras piramidais, máis longas en relación ás súas bases que as doutros minerais tetragonais.

Propiedades físicas e químicas

[editar | editar a fonte]

A anatasa pode ter cores moi variados, dende a marrón marelada até a anil e negra. A súa raia é clara, de cor branca ou branca-marelada. Como principais impurezas pode conter ferro, estaño, vanadio e niobio.

É insoluble en ácidos, polo que se pode limpar con ácidos diluídos. É infusible e cando se quenta por encima de 915 °C, a anatasa transfórmase en rútilo —outra forma mineral de TiO2—, o que deriva nun aumento da súa densidade até 4,1 g/cm3.

Propiedades cristalográficas

[editar | editar a fonte]
Estrutura cristalina da anatasa.

Ao igual que o rútilo, a anatasa cristaliza no sistema tetragonal. Aínda que o grao de simetría sexa o mesmo para ambas especies, non hai ningunha relación entre os ángulos interfaciais dos dous minerais, excepto na zona do prisma. A pirámide habitual da anatasa, paralela ás caras que teñen exfoliación perfecta, presenta un ángulo sobre o bordo polar de 82°9', moito maior que o correspondente ángulo do rútilo (56°52 ½'). O carácter alongado da pirámide foi o que inspirou ao mineraloxista René Just Haüyle para outorgarlle o nome de anatasa —"extensión" en grego— a este mineral en 1801. Ademais, existen importantes diferenzas físicas entre ambas especies minerais; a anatasa non é tan dura e é menos densa que o rútilo, e o seu brillo é máis adamantino.

Cristais de anatasa de Minas Gerais (Brasil).

A anatasa presenta dous tipos de hábitos cristalinos. O máis común consiste en dobres pirámides agudas simples de cor anil e brillo aceirado. O segundo tipo caracterízase pola existencia de numerosas caras piramidais, adoitando ser máis planas e ás veces prismáticas. Neste caso a coloración vai desde a marelo mel até a marrón. Ditos cristais teñen un aspecto moi similar aos de xenotima e, de feito, durante moito tempo considerouse que pertencían a esta especie. Esta clase de cristais abundan en Bourg-d'Oisans (Rhône-Alpes, Francia), depósito tipo da anatasa, onde se atopan asociados a cristais de rochas, feldespato e axinita en físgoas de granitos e micas-xistos.

Depósitos

[editar | editar a fonte]

Polo xeral a anatasa é un mineral secundario, proveniente doutros minerais portadores de titanio. Pódese encontrar en filóns alpinos, en rochas ígneas e metamórficas, así como en pegmatitas. Tamén é un mineral detrítico común.

Entre os principais depósitos cabe destacar os existentes nos Alpes, no val de Binn (Suíza) e en Rauris (Austria). Tamén hai diversos depósitos no estado de Minas Gerais (Brasil).

Aplicacións

[editar | editar a fonte]

No laboratorio pódense preparar cristais de anatasa mediante procesos sol-xel. Como exemplos, cabe citar a hidrólise controlada de tetracloruro de titanio (TiCl4) ou de alcóxidos de titanio. Estas anatasas sintéticas son de interese considerable para a fotocatálise e para celas solares Graetzel dentro da enerxía fotovoltaica.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Anatasa

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy