Content-Length: 96250 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Clorofluorocarbonos

Clorofluorocarbonos - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Clorofluorocarbonos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Moléculas de CFC

Coñécense como clorofluorocarbonos (CFCs) a todo un grupo de compostos orgánicos sintéticos derivados do metano ou do etano, nos que os átomos de hidróxeno foron substituídos, parcial ou totalmente, por átomos de flúor, cloro ou bromo. Este grupo inclúe os seguintes: CFC-11, CFC-12, CFC-113, CFC-114, CFC-115 e moitas formas de freón. Son incoloros, inodoros, inocuos e estables cando se emiten. Poden durar máis de cen anos na estratosfera.

Características

[editar | editar a fonte]

Son compostos de orixe artificial, que se emiten á atmosfera principalmente a través de fugas nos procesos de fabricación, así como dos elementos dos que forman parte por dexeneración dos materiais que conforman.

Son unhas substancias moi estables (alta estabilidade físico-química e nula toxicidade), o que estendeu a súa aplicación como refrixerantes, illantes, propelentes, emulsionantes e limpadores. Foron introducidos a principios dos trinta por enxeñeiros de General Motors para substituír a materiais perigosos como o dióxido de sulfuro e o amoníaco. Prohibiuse a súa produción o 31 de decembro de 1995 nos Estados Unidos debido a que destrúen a capa de ozono. Agora só poden empregarse, de forma limitada, os CFCs reciclados e almacenados.

Tamén son uns gases con efecto invernadoiro porque absorben a calor da atmosfera, envían parte da calor absorbida de regreso á superficie do planeta e contribúen ó seu quentamento.

A exposición directa a algúns tipos de CFC pode causar perda de coñecemento, dificultade respiratoria e irregularidade dos latidos do corazón. Tamén pode causar confusión, mareo, tose, dor de garganta, dificultade respiratoria e dor nos ollos. En contacto coa pel, algúns poden causar queimaduras por frío ou sequidade da pel.

Repercusión sobre a capa de ozono

[editar | editar a fonte]

O mecanismo a través do cal atacan á capa de ozono é unha reacción fotoquímica: ó incidir a radiación UV sobre a molécula de CFC, libérase un átomo de cloro cun electrón libre (denominado radical cloro), moi reactivo e con grande afinidade polas moléculas de ozono, ás cales rompe. Estímase que un só átomo de cloro é capaz de destruír ata 100.000 moléculas de ozono. Este proceso de destrución do ozono pode durar cen anos.

O descubridor desta ameaza foi o científico mexicano Mario J. Molina (1943), quen o 11 de outubro de 1995 recibiu o Premio Nobel de Química, en recoñecemento das súas investigacións neste campo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Clorofluorocarbonos

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy