Content-Length: 136369 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Esp%C3%ADrito_Santo

Espírito Santo - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Espírito Santo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación do Espírito Santo na igrexa de Nosa Señora dos Remedios de Santiago de Compostela

O Espírito Santo é, para a maioría de confesións cristiás, a terceira persoa da Santa Trindade. Verdade fundamental do cristianismo, contido dun dogma apuntado xa no Concilio de Nicea e definido definitivamente polo primeiro concilio de Constantinopla. Recóllese, xa que logo, no chamado símbolo niceno-constantinopolitano ou Credo. Os cristiáns que non aceptan esta doutrina chámanse non trinitarios.

Segundo esta doutrina Deus, na súa Unidade, é Amor e, xa que logo, Comuñón interpersoal. A expresión difusiva e gratuíta dese Amor é o Espírito, que fai experimentar ao crente a entraña da divindade. O Home, en canto criatura feita a imaxe e semellanza de Deus, arela unha comuñón plena cos seus irmáns e con Deus no Espírito. O cumprimento desa arela é a Salvación.

O Espírito na Escritura

[editar | editar a fonte]

No Antigo Testamento, o Espírito é a forza vivificadora de Deus nas súas criaturas e no Universo enteiro. É a enerxía inspiradora das palabras dos Profetas (Is 61, 1-2). Forma parte das promesas de Deus a Israel: Dareivos un corazón novo e infundireivos un Espírito novo; arrincareivos o corazón de pedra, e dareivos un corazón de carne. Infundirei o meu Espírito en vós (Ez 36 26-27).

O termo hebreo é ruah, que significa alento. É unha palabra en feminino que expresa a atmosfera divina na que a súa palabra é pronunciada é a súa acción é realizada.

Xesús de Nazaret emprégaa nese mesmo sentido ao comezo da súa predicación: O Espírito de Deus está sobre min (Lc 4, 18-19). No seu bautismo por Xoán Bautista, acada á plena conciencia da súa misión e recibe o impulso para anunciar a boa noticia (evangelion) do Reino de Deus.

Nos evanxeos a palabra tradúcese ao grego como pneuma. No evanxeo de Xoán, Xesús promete, antes da súa morte, o Espírito como Paráclito, é dicir, como consolador e fonte de alegría, que dará a entender os ditos e feitos de Xesús. Segundo os Feitos dos Apóstolos, trala resurrección, os discípulos terán unha experiencia inefable que os impulsa a proclamar a salvación en todas as linguas. É a vivencia da Pentecoste.

Evolución da crenza

[editar | editar a fonte]

Cristianismo primitivo

[editar | editar a fonte]

Xa as primeiros cristiáns bautizaban no nome do Pai, do Fillo e do Espírito Santo entendendo que o facían por mandato de Xesús mesmo tal como se recolle nos evanxeos. Nun texto do século II composto en Siria, denominado a Didaqué, dáse testemuño deste rito. Segundo a Tradición Apostólica de Hipólito de Roma, de comezos do século III, a terceira inmersión na auga realizábase trala confesión de fe no Espírito Santo. No cristianismo primitivo era a forza do Espírito a que perdoaba os pecados e transfiguraba ao crente para unha vida nova. Nos primeiros textos, fálase como dunha primicia de Vida Eterna que arrinca da escravitude do pecado para unha vida plena no amor e permite superar o medo á morte ata o mesmo martirio. Onde está o Espírito de Señor hai liberdade (2 Cor 3,17).

Definición dogmática

[editar | editar a fonte]

Serán os Pais da Igrexa os que sacarán as consecuencias desta experiencia. Para Ireneo de Lión o Espírito é quen constantemente rexuvenece a fe e á comunidade dos crentes. Na súa polémica contra Ario e o arianismo, Atanasio de Alexandría atribuíu xa ao Espírito unha actividade e uns froitos propios de Deus mesmo. Isto será desenvolvido polo Pai da Capadocia Basilio o Grande no seu Tratado Sobre o Espírito Santo: toda graza e toda forza, o senso moral, o consolo, a transformación que conduce á inmortalidade, o paso á liberdade e todos os demais bens son tamén obra do Espírito. Isto abrirá paso á profesión de fe no Espírito Santo, Señor e vivificante, que procede do Pai, e co Pai e co Fillo, recibe a mesma adoración e Gloria. do primeiro Concilio de Constantinopla no ano 381.

A Igrexa Católica afastaríase das demais Igrexas ao engadir a expresión latina: filioque. A concepción do Espírito como procedente do Pai pero tamén do Fillo, deriva do pensamento cristiá latino, que concibe a xeración do Fillo primariamente como un acto de coñecemento do Pai do seu propio Verbo (en grego Logos), onde o coñecer precede e posibilita o amar. Do amor recíproco entre o Pai e o Fillo procede o Espírito.

Co gallo deste engadido, Constantinopla e Roma cruzáronse anatemas e deron lugar ao Gran Cisma de Oriente (1054), que chega aos nosos días. As Igrexas ortodoxas consideraron o termo filioque como unha traizón aos concilios da Igrexa indivisa. Puña en cuestión a monarquía do Pai como creador dende toda a eternidade; o Fillo e o Espírito participan plenamente da omnipotencia divina dada antes de tódolos séculos pola orixe paterna. Se Deus é Amor, o Pai, na entrega que fai de si mesmo no seo da Trindade, doa o seu Amor, xa que logo, o Espírito procede del. Hoxe en día, as xerarquías das Igrexas católica e ortodoxa teñen afirmado que esta diversidade terminolóxica non manifesta unha fe diferente, máxime cando, como afirman os teólogos de ámbalas confesións, na vida divina non é concibible un antes e un despois temporal.

Nas Igrexas ortodoxas a vida cristiá é, ante todo, unha vida no Espírito. Isto desenvolveuse en maior grao que no catolicismo, onde se veu insistindo máis no cumprimento de preceptos morais en orde a gañar a Vida Eterna. Na ortodoxia, xa dende autores medievais como Nicolás Cabasilas ou Gregorio Palamas ten un papel central a recepción das enerxías divinas a través da oración do corazón. Elas son expresión da acción do Espírito que nos fai vivir, xa neste mundo, a divinohumanidade como manifestación do don gratuíto da salvación.

Para o protestantismo, dende o propio Martiño Lutero, o gran don do Espírito é a Fe en Xesús. Ela soa, por pura Graza, regálanos a salvación sen necesidade das boas obras e sen mediación eclesiástica a través do falso sacramento da orde sacerdotal. A xustificación pola Fe será a afirmación central que o leve a romper con Roma e dar comezo á Reforma.

Teoloxía contemporánea

[editar | editar a fonte]

Son moitos e moi importantes os teólogos contemporáneos que estudaron a crenza no Espírito; no eido do protestantismo evanxélico salienta Jürgen Moltmann que concibe ao Espírito Santo como o Espírito da vida real do home concreto aberto a acción de Deus pola fe en Xesucristo.Para el o si total e sen reservas á vida e o amor total e sen reservas a todo o que vive son as primeiras experiencias do Espírito de Deus. Dende o ámbito ortodoxo, salienta Pavl Evdokimov que ve no Espírito o impulsor das idades da vida espiritual do crente que ten o seu comezo na humildade. Dende a teoloxía católica, debe mencionarse a Yves Congar que ve nel a forza que dinamiza toda a existencia cristiá e, en canto Persoa, é o Visitante que arela o corazón baleiro do home.Karl Rahner chegou a desenvolver unha teoría da acción do Espírito noutras relixións e mesmo nos non crentes, os cristiáns anónimos. A visión da teoloxía contemporánea, se cadra pode resumirse nestas palabras de Hans Urs von Balthasar: O máis íntimo de Deus ¿non é o Amor?, polo tanto ¿non está presente o Espírito onde iso máis íntimo acontece?

Acción do Espírito

[editar | editar a fonte]

Xa en San Paulo, descríbese ao Espírito como a acción do Amor de Deus que sondea os corazóns e nos da un sentido de fillos que nos permite chamalo con confianza, como Xesús: Abba, en arameo, papá (Gal 4,6). De feito ninguén pode afirmar con fe que Xesús é o Señor senón por influxo do Espírito (1 Co 12,3)

No evanxeo de Xoán aparece como un don misterioso de Deus que sopra onde quere, oes o seu rumor, pero non sabes de onde vén e a onde vai (Xn 3,8). Expresa a soberana liberdade da acción salvadora de Deus, da que ninguén pode apropiarse nin someter a manipulación.

A acción non é evanescente senón que se traduce en froitos concretos, estes son: o amor, a alegría, a paz, a paciencia, a afabilidade, a bondade, a fidelidade, a mansedume, a temperanza (Ga 22-23).

O Espírito na vida das Igrexas maniféstase de diversos modos:

  • No entendemento das Escrituras que El inspirou.
  • Na Tradición que el conduce, especialmente a través dos Pais da Igrexa.
  • Na liturxia que El vivifica.
  • Na oración onde se une ao máis íntimo do corazón do crente.
  • Nos carismas e ministerios que se poñen ao servizo do Pobo de Deus.

Na liturxia sacramental existen determinados símbolos que expresan a súa acción:

  • A auga que limpa a sucidade e é fonte de vida.
  • O aceite que alivia as feridas e co cal se unxe ao crente como novo sacerdote, profeta e rei.
  • O lume que fai arder os corazóns no amor de Deus.
  • A imposición das mans como doazón, acollida e bendición.

Na teoloxía ortodoxa, insístese en que a acción do Espírito afirma a liberdade e a pluralidade; segundo Berdiaev, o Espírito da a cada cristián unha xenialidade que lle é propia. Para Olivier Clément o Espírito innova en cada un unha existencia persoal afirmando, en e pola comuñón, unha novidade sen precedentes. Fálase da ilimitada diversidade do Espírito.

Na ortodoxia tamén ten un lugar importante, como acción do Espírito, a creación da Beleza. A Igrexa ortodoxa rusa concibe o seu nacemento como unha subxugación da Beleza manifestada na liturxia bizantina. Así o Espírito inspira ao músico e leva a man do artista. Para Pavel Florenskii a beleza transcendente e esencializada dunha icona pode ser vehículo da enerxía vivificante e sandadora do Espírito.

Representacións

[editar | editar a fonte]

A máis frecuente é como unha pomba. Símbolo dunha vida nova rescatada das augas da morte. No antigo testamento tras o Diluvio, Noé solta unha pomba que volta cunha pola de oliveira, signo dunha vida renacida. Esta simboloxía exprésase tamén nos evanxeos para visualizar a compracencia de Deus en Xesús, no seu bautismo por Xoán no río Xordán.

As linguas de lume ou chamas, expresan a experiencia de Pentecoste, que impulsa aos primeiros discípulos á saír á luz e proclamar a salvación en Xesús crucificado, morto e resucitado. O Espírito é un fogo devorador que se difunde por toda a terra para transfigurala no amor de Deus. Nas igrexas de Oriente, onde os fieis comungan o sangue de Cristo, botan no viño unha pinga de auga quente, símbolo do lume do Espírito Santo.

Himnoloxía

[editar | editar a fonte]

Debido a que a crenza no Espírito concíbese como unha experiencia de exultación inefable, para achegarse ao seu sentido místico, resulta imprescindible coñecer como se expresa nos himnos das diferentes Igrexas. O sistema hímnico de Bizancio é como unha enciclopedia poética de espiritualidade e teoloxía. Así, nos himnos poéticos de Simeón o Novo Teólogo fálase do Espírito con frases como:

  • alimento indicible que agroma abundantemente das fontes do corazón
  • vestidura esplendente que cobre e protexe
  • día sen crepúsculo
  • sol sen solpor.

Pola súa parte, o cristianismo occidental, expresou experiencias análogas a través do canto gregoriano. Así, no himno de Pentecoste Veni Creator Spiritus, do século IX, encontramos frases como:

  • fonte viva, lume, amor
  • dedo da destra do Pai
  • acende a luz dos sentidos
  • infunde amor aos corazóns

Noutro canto titulado Veni Sancte Spiritus, do século XIII, interprétanse sentenzas como:

  • pai dos pobres
  • doador espléndido
  • luz dos corazóns
  • Consolador óptimo
  • doce hóspede da alma
  • doce refrixerio
  • descanso no traballo
  • calor de vida no xeo
  • auga no árido
  • lume no frío

Probablemente, sexa nestes himnos onde mellor se poida captar o significado dunha crenza alén do frío siloxismo especulativo escolástico, da teoloxía sistemática ou da fenomenoloxía das relixións.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Esp%C3%ADrito_Santo

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy