Content-Length: 156969 | pFad | https://gl.wikipedia.org/wiki/Forzas_armadas

Forzas armadas - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Forzas armadas

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Forzas armadas
Compoñente naval das forzas armadas.
Compoñente naval das forzas armadas.
Compoñente terrestre das forzas armadas.
Compoñente terrestre das forzas armadas.
Compoñente aéreo das forzas armadas.
Compoñente aéreo das forzas armadas.

As forzas armadas dun país son o conxunto de institucións oficiais e permanentes encargadas de aplicar as políticas de defensa nacional, así como a política exterior pola vía militar. Adoitan estar divididas nunha serie de ramas que agrupan os recursos militares do Estado en terra (Exército), mar (Armada) e aire (Forza aérea).

A organización das forzas armadas baséase na xerarquía e na disciplina. Polo xeral, as forzas armadas son exclusivamente militares, aínda que en certos países considérase como parte delas a un corpo de xendarmería. Algúns países posúen forzas armadas irregulares, coñecidos como grupos paramilitares.

O estudo do emprego das forzas armadas coñécese como ciencia militar. En termos xerais, implica a consideración de ataque e defensa en tres niveis: estratexia, arte operativo e táctica. Cada un destes niveis estuda o uso da forza para alcanzar uns determinados obxectivos.

Recreación do aspecto dun lexionario romano con pilum, lorica e escudo (s. II).
Artigo principal: Historia militar.

Considérase con frecuencia a historia militar coma a historia da guerra, pero non son a mesma. Mentres que a primeira se centra na historia das xentes e institucións que fan ou preveñen a guerra, a segunda focalízase na evolución dos conflitos bélicos en si, considerando aspectos coma a tecnoloxía cambiante, os mandos e a influencia da xeografía.

A historia militar ten múltiples facetas. A principal é aprender dos logros e erros do pasado para facer a guerra máis eficaz no futuro. Outros aspectos importantes son o de crear un sentido de tradición militar, que se usa para producir unhas forzas armadas cohesionadas, e aprender a previr guerras dun xeito máis efectivo.

O coñecemento humano sobre a historia militar está baseado principalmente tanto nos rexistros coma na historia oral de conflitos militares, así como nos exércitos, armadas e, máis recentemente, forzas aéreas participantes[1].

O primeiro exército profesional estable foi o exército romano, que se constituíu na Antiga Roma. Até aquel momento, os exércitos eran inestables, formábanse para campañas particulares, e non había militares profesionais, senón persoas recrutadas voluntariamente ou á forza, que despois do final da campaña eran retidas ou eran soltadas. Daquela época provén o termo castrense, do latín "castrum" (campamento). O seu plural castra orum significaba "campamento fortificado do exército", e co paso do tempo o singular adoptou o significado do plural, derivando desta maneira o termo castrense para referirse a todo o relacionado co exército.

Organización

[editar | editar a fonte]

As forzas armadas dun país divídense en ramas. Na maioría dos casos existen tres ramas dentro das forzas armadas: un exército de terra, unha mariña de guerra e unha forza aérea. En países pequenos ou con forzas armadas de escasa entidade esta división das forzas armadas non existe, estando a totalidade dos recursos militares agrupados nunha única institución. Noutros casos existe algunha rama adicional a estas tres, ben pola importancia da súa función ou por tradición histórica. É o caso, por exemplo, da Infantaría de Mariña dos Estados Unidos ou as Tropas de Mísiles Estratéxicos de Rusia. Ademais, poden existir outras ramas das forzas armadas que non sexan estritamente militares, como o caso dos corpos policiais militarizados, por exemplo a Garda Civil española, a Xendarmería francesa ou os Carabinieri italianos.

En cada rama das forzas armadas existen corpos que dividen aos seus membros segundo a súa especialización. Así, atopamos corpos de infantaría, cabalaría, artillaría, enxeñaría militar, sanidade, loxística, intendencia ou música.

Cada rama divídese, ademais, en unidades organizativas menores. Por exemplo, o exército de terra divide aos seus efectivos en divisións, brigadas, rexementos etc. Estas unidades poden incluír persoal dunha única especialidade ou ben ser unidades conxuntas, agrupando ás diversas especialidades que precisa para levar a cabo a súa misión.

Compoñente humano

[editar | editar a fonte]
Soldados romaneses facendo o servizo militar obrigatorio.

Segundo as circunstancias históricas e a contorna cultural e social, cada estado organiza o compoñente humano das súas forzas armadas, e entre elas o exército, de diferente forma:

Na maioría de estados componse a partir dos cidadáns que son alistados en base dun servizo militar obrigatorio de diferente duración; aínda así, na maioría dos estados occidentais actualmente a participación no exército é voluntaria. En moitos estados onde está en vigor, o servizo militar obrigatorio pode ser substituído por un servizo civil por razóns de conciencia.

Os exércitos teñen unha estrutura xerárquica estrita, baseada en unidades militares baixo un mando. O comandando supremo adoita ser a cabeza do Estado ou a persoa en quen delegue; a partir del os mandos son responsables de unidades de entidade cada vez menor, e con menor número de persoas.

Os militares profesionais fórmanse en diferentes academias militares; sáese co grao de subtenente ou equivalente, en caso de tratarse dunha academia de oficiais, ou de cabo no caso de que se trate dunha academia de suboficiais. As academias navais militares xeralmente inclúen un periplo nun barco escola, e sáese coa gradación de alférez de navío ou gardamariña.

Clasificación e tipos

[editar | editar a fonte]

Segundo o grao de profesionalización dos membros que compoñen as forzas armadas, estas pódense dividir en tres tipos:

  • Exército irregular: tamén chamado milicia. Trátase de cidadáns que habitualmente desempeñan outros oficios e que reciben instrución militar de forma ocasional. En caso de conflito bélico son mobilizados e levados ao combate. Este tipo de tropa, se ben era o habitual na antigüidade, actualmente emprégase como complemento a forzas máis preparadas.
  • Exército profesional: o persoal das forzas armadas ten como profesión o servizo militar e, polo tanto, están en constante preparación para o combate. É o modelo máis habitual na actualidade.
  • Exército de leva: é un caso intermedio entre os dous anteriores. Nesta ocasión, existe un corpo de oficiais e suboficiais profesionais e unha tropa formada por recrutas, que cumpren un período de servizo militar, e reservistas, que xa cumpriron dito servizo. Polo tanto, a maior parte do persoal é temporal e ten outro oficio. Para o goberno, é unha opción económica de manter unhas forzas armadas de gran tamaño.
Artigo principal: Unidades militares.

O exército articúlase operativamente nunha estrutura xerárquica de unidades militares. Por exemplo, hai unidades como os rexementos que se agrupan en brigadas, e estas en divisións, e así sucesivamente. As unidades poden pertencer a unha arma, corpo ou servizo, e así hai unidades de infantaría, de artillaría, de sanidade etc.; tamén hai unidades que combinan varias armas.

Cada unidade, polo menos dunha certa envergadura (por exemplo, de rexemento arriba), conta con emblema propio; xeralmente os membros da unidade levan este emblema na parte superior do brazo.

Países sen exército

[editar | editar a fonte]

Por diferentes razóns, algúns países carecen de exército permanente, é dicir, non teñen exército, limitándose a ter unha forza de policía con armas lixeiras que, en caso necesario, pode aumentarse con armas pesadas. Algúns deses países son Andorra, Costa Rica e Liechtenstein. En Haití, os tres exércitos foron desmovilizados polo seu prezo, aínda que constitucionalmente, e sobre o papel, aínda existen. Ao contrario do que se pensa, Suíza si ten un exército permanente, aínda que hai moito tempo que non o utilizou durante unha guerra, preferindo manterse neutral.

Panamá é outra nación que non posúe exército, debido á súa abolición no ano 1990, cando se crea a entidade de seguridade "la Fuerza Pública" como ente regulatorio da seguridade e protección despois de case 13 anos de ditadura do xeneral Manuel Antonio Noriega, con todo, conta cun servizo especializado denominado SENAFRONT, altamente militarizado e armado, que cumpre a función de defender a fronteira con Colombia de incursións das FARC e delincuentes comúns, este á súa vez ten forzas especiais chamadas Unidad de reconocimiento y combate (RECOM) encargadas de coordinar accións militares nas fronteiras de Panamá e ademais tamén conta co SENAN, que conta con helicópteros e avións militares para combater o crime organizado e tamén conta con varias bases aeronavais equipadas con radares e outros equipos militares.

Islandia carece de exército dende o século XIII. A defensa de Islandia foi proporcionada por forzas dos Estados Unidos asentadas nas instalacións militares de Keflavík, porén ditas forzas retiráronse o 30 de setembro de 2006.

  1. Morillo, Stephen; Pavkovic, Michael F. (2006). What is Military History? (en inglés) (1 ed.). Cambridge: Polity Press. pp. 2, 6–7. ISBN 0-7456-3390-0. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]








ApplySandwichStrip

pFad - (p)hone/(F)rame/(a)nonymizer/(d)eclutterfier!      Saves Data!


--- a PPN by Garber Painting Akron. With Image Size Reduction included!

Fetched URL: https://gl.wikipedia.org/wiki/Forzas_armadas

Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy