Igrexa de Santa María de Castrelos
Igrexa de Santa María de Castrelos | |
---|---|
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Igrexa parroquial |
Advocación | Santa María |
Localización | Castrelos, Vigo |
Coordenadas | 42°12′38″N 8°43′33″O / 42.21052778, -8.72575 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Tui-Vigo |
Arquitectura | |
Construción | século XIII |
Estilo | Románico |
[ editar datos en Wikidata ] |
Igrexa de Santa María de Castrelos é un templo románico do século XIII, sede da parroquia homónima, que pertenceu á Encomenda de Beade da Orde Militar de San Xoán de Malta.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]As referencias históricas desta igrexa son escasas. A parroquia denominábase no século XII "Castreliis", topónimo indicativo do poboado castrexo nun monte próximo. Comécemos dúas referencias documentais:
“ | «á la obla de Santa Maria de Castrello dejó manda, en 1305, María Eans Gibarra (Cuveiro, Habla, 75), y que para ajuda desta iglesia de Santa María de Castrelos dejó huun tonel cheo de vjnno, en 1497, Ramona Gómez, moller de Fernán Núñez Capote, escudeiro. (Arch. Hist. Nac., cartulario de Santo Domingo de Pontevedra, 172 vuelto.)».[2] | ” |
Unha inscrición á esquerda do arco triunfal indica o ano 1216, sen que saibamos con seguridade se se refire ó inicio das obras, consagración ou finalización. En todo caso atopámonos ó final do período románico, en plena etapa progótica. Isto maniféstase con claridade na súa fachada principal, onde convive o arco de medio punto na ventá e o apuntado na porta, ou o que é o mesmo, o ocaso da arte románica e o comezo das formas protogóticas.
Representa esta igrexa o exemplo mellor conservado do románico vigués, xunto coas de Santiago de Bembrive e San Salvador de Coruxo. Ten unha planta dunha soa nave con ábsida semicircular, cunhas medidas de 20 x 7 metros.
Chama especialmente a atención o tratamento decorativo do muro sur, cunha porta de arco apuntado con catro columnas e tímpano decorado coa cruz de Malta. A ámbolos dous lados da porta hai dúas ventás completas coa mesma decoración de billetes e flores cá porta. Contrasta tanta decoración coa sobriedade do muro norte, cunha porta semellante pero só con dúas sinxelas seteiras. Puidera isto significar que a entrada sur sería a destinada ós fieis, e a norte ós monxes que atendían ó hospital e ás dependencias monacais hoxe desaparecidas.
Os óculos
[editar | editar a fonte]Este elemento de iluminación é de moi rara presenza no románico galego e no románico en xeral. A igrexa de Castrelos presenta tres óculos no tramo semicircular da ábsida, un deles oculto trala moderna sancristía.
Ventá interior de arquiños de ferradura
[editar | editar a fonte]Este motivo nas ventás interiores consiste nun deseño dunha grosa moldura semicircular no arco, abrazado por pequenos arcos de ferradura. Este motivo aparece en Galicia no piso superior do Pórtico da Gloria, da catedral de Santiago de Compostela e de aí estenderase a portas e ventás das igrexas de Galicia.
Motivo castrexo
[editar | editar a fonte]A carón do capitel esquerdo da ventá da fachada principal, podemos ver un símbolo denominado por Alfonso Rodríguez Castelao como "esvástica do Miño",[3] motivo tomado seguindo un modelo da decoración castrexa, feito nada estraño se temos en conta o contacto visual directo co castro próximo (Piricoto) xa destruído, e que vén amosar a supervivencia na Idade Media de decoracións propias de períodos moi anteriores que deixaron forte raizame.
Canzorros, capiteis, flores e cruces de Malta
[editar | editar a fonte]Case todos os capiteis presentan unha decoración floral moi sinxela. O que máis chama a atención é a presenza esaxerada de flores con botón central resaltado, que cobren as arquivoltas de ventás e portas, feito que só se produce en cronoloxías moi serodiamente tardorománicas en Galicia. Os canzorros son sinxelos, a maioría "de proa", agás algún floral e con cabeza de bóvido. As cruces de Malta aparecen en todos os tímpanos da igrexa como consecuencia da súa pertenza a dita orde dependente da encomenda de Beade.
Interior
[editar | editar a fonte]Do interior destaca o arco triunfal apuntado, decorado con flores hexafolias, aliñadas, a decoración dos capiteis, a ábsida cos tres óculos, as portas e as ventás.
Pinturas
[editar | editar a fonte]Son salientables as pinturas murais (restauradas en 1995) pertencentes ós finais dos séculos XIV e XV, restos do que debeu ser unha decoración presente en todos os muros interiores da igrexa, perdida co desencalado realizado a mediados do século XX. Os retablos son os restos dos existentes no altar maior, datables no século XVIII.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ramón Otero Pedrayo: "La Encomienda de Beade de la Orden de Malta" en Cuadernos de Estudios Gallegos, 1963, p. 62-81.
- ↑ Villa-amil y Castro, José (facsímile: 2005) 1904. Imprenta de San Francisco de Sales (facsímile: Ed. Órbigo, A Coruña), ed. Iglesias gallegas de la Edad Media, colección de artículos publicados por (en castelán). Madrid. p. 410. ISBN 84-934081-5-8. Páx. 259.
- ↑ "Imaxe da esvástica do Miño na fachada de Santa María de Castrelos". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2014. Consultado o 23 de agosto de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santa María de Castrelos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bangos Torviso, Isidro: "Iglesias Románicas en el Municipio de Vigo", 1978, Madrid, en Vigo en su Historia, 1980, Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo. p. 141-148. ISBN 84-7231-494-4.
- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario Monumental y Artístico de Galicia (Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia) (2ª ed.). A Coruña: Fundación Barrié. pp. 106–107. ISBN 84-85728-62-9.
- Costas Goberna, Fernando Javier (coordinador) (2016). 800 aniversario. La iglesia románica de Santa María de Castrelos. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN 978-84-89599-64-2.
- Ocaña Eiroa, Francisco Xabier: Itinerario escolar polas igrexas románicas de Vigo, 1995, Vigo, Concello de Vigo, Patrimonio Histórico e Medio Ambiente. ISBN 84-87637-20-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Igrexa de Santa María de Castrelos en Turgalicia
- Concello de Vigo
- Igrexa Románica de Castrelos en Turismodevigo.org
- Ficha en Románico Digital (en castelán)