Coroa austrohúngara
- Para outras moedas coa denominación de "coroa", véxase a páxina de homónimos Coroa (moeda).
Coroa austrohúngara † | |
---|---|
Osztrák–magyar korona (húngaro) | |
Ámbito: | Imperio Austrohúngaro |
Fracción: | Filler/heller. |
Moedas: | - 1, 2, 10, 20 filler/heller. - 1, 2, 5, 10, 20 coroas. |
Billetes: | 1, 2, 10, 20, 25, 50, 100, 200, 1.000, 10.000 coroas. |
Emisor: | Banco Austrohúngaro |
A coroa austrohúngara (alemán: Krone; húngaro: korona) foi a moeda oficial do Imperio Austrohúngaro desde 1892 (cando substituíu o florín ao se adoptar o padrón ouro) ata a disolución do imperio en 1918. A moeda divisionaria era o heller na parte austríaca e fillér na parte húngara do imperio (ademais de halier en Eslovaquia e haléř en Chequia), todas elas equivalentes á centésima parte da coroa.[1]
Denominación
[editar | editar a fonte]A denominación oficial da moeda era Krone (plural Kronen) en Austria e Osztrák–magyar korona en Hungría. A forma latina Corona (plural Coronæ), abreviada como Cor. nas moedas de menor tamaño, utilizábase nas cuñaxes da parte do imperio maiormente de fala alemá, coñecida como Cisleithania. As denominacións da moeda no resto das linguas dos territorios onde circulaba tamén tiña recoñecemento e mesmo aparece nos billetes:[1]
- osztrák-magyar korona (húngaro).
- corona Austro-Hungarica (latín).
- rakousko-uherská koruna (checo).
- korona austro-węgierska (polaco).
- австро-угорська корона (ucraíno).
- corona austro-ungarica (italiano).
- avstro-ogrska krona (esloveno).
- austro-ugarska kruna (serbocoroata).
- coroană austro-ungară (romanés).
- rakúsko-uhorská korun (eslovaco).
O símbolo oficial da coroa austrohúngara era a abreviatura K. ou, ás veces, Kr.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Introdución da coroa
[editar | editar a fonte]Logo de varias tentativas anteriores, o Imperio Austrohúngaro adoptou o padrón ouro en 1892, de acordo cun plan elaborado polo ministro de Facenda, Sándor Wekerle. Este plan incluía a introdución da coroa como nova moeda, dividida en 100 Heller (Austria) ou Fillér (Hungría).[2] O tipo de cambio da nova moeda con respecto á anterior, que se baseaba no padrón prata, fixouse en 2 coroas = 1 florín ou gulden. A partir de 1900, os billetes coa súa denominación en coroas foron os únicos de curso legal no imperio.[3][4]
I Guerra Mundial
[editar | editar a fonte]A coroa austrohúngara desvalorizouse moi fortemente como resultado da I Guerra Mundial, que foi financiada principalmente mediante a emisión de bonos de guerra, no canto de recorrer aos impostos. Os prezos ao consumidor aumentaron ata dezaseis veces durante a contenda, xa que o Goberno non dubidou en pór en funcionamento as prensas do Banco Austrohúngaro para pagar as súas contas, e isto provocou unha taxa de inflación máis alta que noutros países combatentes.[3][4]
Despois da guerra
[editar | editar a fonte]Concluída a guerra, inicialmente esperábase que a coroa puidese continuar sendo a moeda común dos estados sucesores do Imperio Austrohúngaro, mais en 1919 o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (posteriormente Iugoslavia) converteuse no primeiro destes estados en contramarcar os billetes do Banco Austrohúngaro, para limitar a súa validez ao seu propio territorio. Checoslovaquia fixo o mesmo en febreiro de 1919 e, o 12 de marzo do mesmo ano, a nova República de Austria reselou os billetes que circulaban no seu territorio coa inscrición DEUTSCHÖSTERREICH".[3]
Hungría comezou tamén contraestampando os billetes do Imperio Austrohúngaro, aínda que de camiño adoptou a coroa húngara como moeda oficial, continuadora da imperial e cunha taxa de cambio á par. Mais a nova coroa húngara sufriu unha grande desvalorización pola inflación, debido ás consecuencias da guerra e ao tratado de Trianon, e finalmente foi substituída polo pengő o 21 de xaneiro de 1927, a razón de 12.500 coroas por cada pengő.[4][5]
En Austria, pola súa banda, a economía austríaca non se estabilizou ao finalizar a guerra e tamén seguiu un período de hiperinflación: a oferta monetaria aumentou de 12.000 a 30.000 millóns de coroas en 1920, e a arredor de 147.000 millóns de coroas en 1921. En agosto de 1922 os prezos ao consumidor eran 14.000 veces maiores que antes do comezo da guerra. O billete de maior valor foi o de 500.000 coroas, emitido en 1922. A confianza na moeda perdérase e a poboación gastaba os cartos tan axiña como lle era posible.
En outubro de 1922, Austria acadou da Liga das Nacións un préstamo por valor de 650 millóns de coroas de ouro, coa contrapartida dunha supervisión das finanzas do país por parte desa institución. Esta medida estabilizou a moeda nunha taxa de 14.400 coroas de papel por unha coroa de ouro. O 2 de xaneiro de 1923 comezou as súas operacións o Banco Nacional de Austria (Österreichische Nationalbank) asumindo o control da moeda do Banco Austrohúngaro, que entrara en liquidación.
En decembro de 1923, o Parlamento de Austria autorizou ao Goberno a emisión de moedas de prata de 5.000, 10.000 e 20.000 coroas que pasarían a designarse como medio xilin (schilling) xilin e dobre xilin. Deste xeito, o xilin converteuse na moeda oficial de Austria o 20 de decembro de 1924, cunha taxa de cambio de 10.000 coroas por un xilin.
Moedas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Moedas da coroa austrohúngara.
As moedas da coroa austrohúngara correspondentes á parte austríaca cuñáronse en Viena a partir de 1892, coas denominacións de 1, 2, 10 e 20 heller, en metais non nobres; de 1, 2 e 5 coroas, en prata; e de 10, 20 e 100 coroas, en ouro. A forma utilizada para a súa impresión nas moedas foi a latina corona. A moeda de 100 coroas segue a cuñarse hoxe en día con data inmobilizada de 1915 como moeda de investimento.[6][7]
Pola súa banda, as moedas da parte húngara cuñáronse na ceca de Körmöcbánya (actual Kremnica, en Eslovaquia), tamén a partir de 1892. Os valores son os mesmos, coa única diferenza da denominación fillér para a moeda divisionaria e korona para a unidade.[7]
Billetes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Billetes da coroa austrohúngara.
Os billetes da coroa austrohúngara deseñáronse e imprimíronse en Viena a partir de 1900 e utilizáronse durante toda a monarquía. Emitíronse, en distintas etapas, billetes de 1, 2, 10, 20, 25, 50, 100, 200, 1.000 e 10.000 coroas.[7][8][9]
Todos eles tiñan as súas inscricións bilingües, en alemán e en húngaro, e a expresión do seu valor tamén se indicaba noutros idiomas da área abranguida polo Imperio. Ata a I Guerra Mundial, os billetes tiñan unha face en alemán e a outra en húngaro, mais durante a contenda imprimíronse algúns billetes con versión bilingüe en ambos os lados.[8]
O gravador responsable dos billetes foi Ferdinand Schirnböck e entre os seus deseños incluíu personaxes como Koloman Moser, Rudolf Rössler, Josef Pfeiffer e László Hegedűs.[8]
Billetes contramarcados
[editar | editar a fonte]Logo da disolución do Imperio, os estados xurdidos da descomposición do Imperio Austroúngaro contramarcaron os billetes da coroa austrohúngara para limitar o seu uso ás novas fronteiras, en tanto que non se creaban as novas moedas nacionais:[3]
Austria
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Coroa austríaca.
Consonte o Tratado de Saint-Germain-en-Laye, a República de Austria, do mesmo xeito que os demais novos estados, adquiriu o compromiso de sobreimprimir provisionalmente o papel moeda imperial que circulaba no seu territorio.[10]
En cumprimento deste compromiso, en 1919 sobreestampáronse os billetes do Imperio Austrohúngaro en circulación coa inscrición DEUTSCHÖSTERREICH e emitíronse novos billetes que os reproducían exactamente.[11][12]
A partir de 1920, apareceu nos billetes un novo reselo: «Ausgegeben nach dem 4. Oktober 1920» ("Expedido despois do 4 de outubro de 1920").[11][12]
Hungría
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Billetes da coroa húngara.
Hungría foi o derradeiro dos novos estados en sobreestampar os anteriores billetes do Imperio Austrohúngaro, para os dotar validez no seu territorio. O goberno de Károlyi planeara comezar a reestampaxe o 21 de marzo de 1919, mais o establecemento da República Soviética modificou o calendario previsto e pospuxo os plans. Finalmente, os billetes (con valores faciais desde as 10 ás 10.000 coroas) comezaron a reestamparse o 18 de marzo de 1920. O motivo co que Hungría reestampou estes billetes consistiu nun selo redondo de cor vermella.[13][14]
Checoslovaquia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Billetes da coroa checoslovaca (1919).
A primeira República de Checoslovaquia utilizou uns selos adhesivos colocados sobre os billetes austrohúngaros como primeira versión da coroa checoslovaca, ata que o 15 de abril de 1919 creou oficialmente a coroa checoslovaca cunha equivalencia á par coa antiga coroa do Imperio. Hoxe a coroa (koruna) segue a ser a unidade monetaria oficial da República Checa e foino tamén de Eslovaquia ata a adopción do euro.
Fiume
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Coroa de Fiume.
No Estado Libre de Fiume (na actual Croacia), a autoridade do Consello Nacional Italiano, que gobernaba a cidade, acordou o 18 de abril de 1819 a creación da coroa de Fiume ou corona fiumana (abreviada Cor. ou FiuK). Con tal propósito, reestampáronse en 1919 e 1921 billetes de unha e de dúas coroas austrohúngaras, e en 1920 os valores de 2, 10, 20, 50, 100 e 1.000 coroas. Estes billetes contramarcados estiveron en circulación ata febreiro de 1921 e, xa antes, en setembro de 1920, introducírase no territorio a lira italiana como moeda oficial, cunha taxa de cambio de 0,40 liras por coroa.[15][16][17][18]
Croacia, Eslovenia e Bosnia e Herzegovina
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Coroa iugoslava.
Nestes territorios, que se converteron en parte do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos en 1918 (máis tarde Iugoslavia), as novas autoridades reestamparon os billetes do imperio para seren usados coa denominación de coroa serbia, croata e eslovena, moeda que en 1920 foi substituída polo dinar, cunha taxa de cambio de 1 dinar = 4 coroas.[19]
Romanía
[editar | editar a fonte]En Romanía houbo dúas emisións de billetes mediante a estampaxe de billetes austrohúngaros, ambas en 1919: a primeira destas emisións provisionais consistiu na colocación dun selo na face austríaca dos billetes, en tanto que na segunda se colocou na face húngara. Os valores reestampados foron 10, 20, 50, 100, 1.000 e 10.000 coroas das emisións de coroa austrohúngara de 1902 a 1918.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Information about currency: Austro-Hungarian Krone". Online Coin Club.
- ↑ Roman, E. (2003). Austria-Hungary & the Succesor States. Facts On File. Páxina 205. ISBN 0-8160-4537-2
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Roberts, R. (2011). "A stable currency in search of a stable Empire? The Austro-Hungarian experience of monetary union". En History and Policy. 1 de outubro.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "Austro-Hungarian krone". History of hungarian currency. 2 de setembro de 2014.
- ↑ "Pengo". En Alfaro Asins, C. et al. (2009).
- ↑ "Austrian Corona Gold Coins". Coininvest.com
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Leányfalusi Károly, Nagy Ádám. (2006).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 Rádóczy Gyula, Tasnádi Géza (1992).
- ↑ "A korona pénzrendszer (1892-1925)". Papírpénz.hu
- ↑ "Treaty of Peace between the Allied and Associated Powers and Austria". Australian Treaty Series.
- ↑ 11,0 11,1 "Austria - Oesterreichisch-ungarische Bank".Banknotes.ws
- ↑ 12,0 12,1 "Liste der österreichischen Kronen-Banknoten". Austria-Forum.
- ↑ Cuhaj G. S. (2008). Páxinas 683-684.
- ↑ Rádóczy, G. (1984). 20, 26, 27, 42, 44, 46, 48, 49, 51, 52, 54, 55, 57, 58 e 62-64
- ↑ Cuhaj, G. S. (2009). Páxinas 592-593.
- ↑ Emoroso, O. (2015). "Il caos valutario del periodo interalleato: dalla corona ungherese a quella fiumana". En FiumeFil. 29 de outubro.
- ↑ Emoroso, O. (2017). "La riforma monetaria del periodo dannunziano a Fiume". En FiumeFil. 17 de novembro.
- ↑ "Fiume Rijeka banknotes". World Paper Money Catalog and History (ATSnotes.com).
- ↑ "Yugoslavia banknotes". World Paper Money Catalog and History (ATSnotes.com)
- ↑ Cuhaj, G. S. (2009). Páxina 939.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Coroa (moeda)
- Moedas da coroa austrohúngara
- Billetes da coroa austrohúngara
- Casa da Moeda de Austria
- Casa da Moeda de Hungría
- Imperio Austrohúngaro
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Adamovszky István. (2006). A koronarendszer 1892-1925. Budapest (2006). ISBN 963-060-464-7
- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Books, L. L. C. (2010). Currencies of Austria-Hungary: Austro-Hungarian Krone, Austro-Hungarian Gulden, Banknotes of the Austro-Hungarian Krone. General Books LLC. ISBN 9781158262533
- Cuhaj G. S. (2008). Standard Catalog of World Paper Money. General Issues 1368-1960. Krause Publications. ISBN 978-0-89689-730-4
- Cuhaj, G. S. (2009). Standard Catalog of World Paper Money Specialized Issues (11 ed.). Krause. ISBN 978-1-4402-0450-0.
- Cuhaj, G. S. (2010). Standard Catalog of World Paper Money General Issues (1368-1960) (13 ed.). Krause. ISBN 978-1-4402-1293-2.
- Leányfalusi Károly, Nagy Ádám. (2006). A korona-fillér pénzrendszer – Magyarország fém- és papírpénzei 1892-1925. Magyar Éremgyűjtők Egyesülete. Budapest. ISBN 963-229-523-4
- Rádóczy, G. (1984). A legújabb kori magyar pénzek (1892-1981). Budapest. Corvina. ISBN 963-13-1528-2
- Rádóczy Gyula, Tasnádi Géza (1992). Magyar papírpénzek 1848-1992. Danubius Kódex Kiadói Kft. ISBN 963-7434-11-9