Saltar ao contido

Escribidor pequeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Emberiza pusilla»)

O escribidor pequeno[2] (Emberiza pusilla) é unha ave paseriforme que pertence á familia Emberizidae. É asiática e algunhas aves errantes poden chegar a Europa, incluída Galicia.[3]

En galego ténselle dado a esta ave na literatura zoolóxica os nomes de escribenta pigmea[4] e escribenta anana,[3] pero o dicionario da Academia non acepta a palabra escribenta para os paxaros emberícidos, senón escribente (feminino)[5] ou escribidora[6]. No dicionario DiGalego só se acepta escribente (masculino).[7]

O nome do xénero Emberiza vén da palabra do alemán antigo Embritz, que era o nome que se lle daba alí a estas aves.[8] O nome específico pusilla en latín significa 'moi pequeno'.[8]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Foi descrita inicialmente por Peter Simon Pallas en 1776 e é unha especie monotípica,[9] sen variacións ao longo da súa extensa área de distribución eurasiática.[10]

Descrición

[editar | editar a fonte]

É un pequeno emberícido, que mide só de 12 a 14 cm de lonxitude.[9] Ten un dorso marrón moi veteado e partes inferiores brancas cun fino veteado negro. Pola súa face castaña e banda malar branca, lembra unha pequena femia de escribente das canaveiras, pero diferénciano as bandas negras do píleo, o anel ocular branco e a beira fina negra da parte posterior das meixelas castañas. Os sexos son similares.

A chamada é un distintivo zik, e a canción é un vibrante siru-sir-sir-siru.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Esta ave cría na taiga do extremo norte de Europa e norte de Asia. É unha ave migratoria, que inverna nos subtrópicos no norte da India, sur da China e parte norte do sueste asiático.[10] As aves permanecen nos seus cuarteis de inverno durante moito tempo; recolléronse exeplares en Yunnan a finais de marzo.[11] Aparece como ave errante rara no oeste de Europa,[10] e en Galicia está considerada como unha ave accidental rara.[3] Esta especie é adaptable; nas montañas de Bután por exemplo, onde inverna un pequeno número delas, atópase normalmente en hábitats agrícolas, maiormente entre os 1000 e 2000 m de altura.[12]

Reprodúcese en bosques de coníferas abertos, a miúdo con algúns bidueiros ou salgueiros. Poñen de catro a seis ovos nun niño feito nas árbores. A súa comida natural consiste en sementes ou, cando están alimentando as crías, insectos.

E. pusilla.

A especie é común e ten unha ampla área de distribución, polo que non é considerada especie ameazada na Lista Vermella da IUCN.[1]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2012). "Emberiza pusilla". Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-05. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Penas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
  4. Conde Teira, M. A. (1999). "Nomes galegos para as aves ibéricas: lista completa e comentada" (PDF). Chioglossa (A Coruña) 1: 121–138. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de marzo de 2016. Consultado o 28 de setembro de 2016. 
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribente.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escribidora.
  7. Definición de Escribidor pequeno no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  8. 8,0 8,1 Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London, United Kingdom: Christopher Helm. p. 145. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  9. 9,0 9,1 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 154.
  10. 10,0 10,1 10,2 Byers, Olsson & Curson (1995), p. 156.
  11. Bangs, Outram (1932). "Birds of western China obtained by the Kelley-Roosevelts expedition". Field Mus. Nat. Hist. Zool. Ser. 18 (11): 343–379. 
  12. Inskipp, Carol; Inskipp, Tim; Sherub (2000). "The ornithological importance of Thrumshingla National Park, Bhutan" (PDF). Forktail 16: 147–162. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de agosto de 2014. Consultado o 23 de febreiro de 2020. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliogaría

[editar | editar a fonte]
  • Byers, Clive; Olsson, Urban; Curson, Jon (1995). Buntings and Sparrows: A Guide to the Buntings and North American Sparrows. Mountfield, East Sussex, UK: Pica Press. ISBN 1-873403-19-4. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy