José Sellier
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de agosto de 1850 Givors, Francia |
Morte | 21 de novembro de 1922 (72 anos) A Coruña, España |
Actividade | |
Ocupación | fotógrafo, director de cinema |
Familia | |
Irmáns | Luis Sellier Loup |
José Sellier Loup, nado en Givors o 13 de agosto de 1850 e finado na Coruña o 21 de novembro de 1922,[1] foi un fotógrafo galego de orixe francesa, pioneiro do cinema en Galicia.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]José Sellier residiu en Lión, onde casou con Maria Farge Michelat. O seu irmán, o tamén fotógrafo Louis Sellier, nado en 1837, trasladárase a Galicia con quince anos, probablemente porque os seus pais viviran algún tempo na Coruña.[2]
José chegou á Coruña coa súa dona en novembro de 1886, establecéndose no número 86 da rúa Real e compartindo o estudio que tiña o seu irmán no número 37 da mesma rúa.[2] Pouco tempo despois da súa chegada, Louis traspasoulle o negocio e os clientes por mor de querer volver a Francia. En 1894 trasladouse ao número 9 da rúa de Santo André, onde estableceu o seu nome estudio fotográfico co que superou a sona do seu irmán.[3] Estaba interesado nos avances que estaba realizando a fotografía neses anos de fin de século e era un cliente habitual dos irmáns Lumière. Tras ser posiblemente espectador da primeira exhibición de cinema en Galicia,[3] en 1897 mercou aos Lumière un cinematógrafo e coincidindo coa estadía na cidade dun operador portugués que estaba realizando unha xira por Galicia con outro aparello semellante, José Sellier organizou a primeira exhibición do cinematógrafo na cidade o 23 de maio.
Tras serlle desestimada a solicitude de instalar un pavillón nos xardíns de Méndez Núñez,[4] en outubro acondiciona o seu estudio para realizar exhibicións cinematográficas. Nese local, ademais de exhibir filmes estranxeiros mostra películas filmadas por el que son os primeiros filmes realizados en Galicia. Así, o primeiro programa, anunciado para o 17 de outubro de 1897 inclúe Entierro del General Sánchez Bregua, Fábrica de gas, Plaza de Mina e Orzán, oleaje.[5] O único destes filmes do que se coñece a data de rodaxe é Entierro del General Sánchez Bregua, xa que foi rodado o 20 de xuño de 1897. Outras cintas rodadas por el ou o seu equipo foron entre 1897 e 1898 San Jorge, salida de misa, Fábrica de carbón, Matadero, salida de operarios, Desembarco de los heridos de Cuba en nuestro puerto ou Temporal en Riazor. En outubro de 1898 trasladou o espectáculo ao Circo Coruñés.[6]
Entre 1898 e 1900, Sellier levou o seu aparello por outras cidades galegas: Vigo (novembro de 1898), Ferrol (xaneiro de 1900) e Santiago, na que realiza a primeira exhibición cinematográfica na cidade o 22 de xaneiro de 1900.[7] Pouco tempo despois Sellier abandonou a súa actividade cinematográfica e volveu dedicarse en exclusiva á fotografía ata pouco antes da súa morte.[7]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O concello da Coruña adicoulle unha praza en xullo de 2013.[8]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
O Obelisco do Cantón Grande da Coruña.
-
Imaxe do enterro de Sánchez Bregua na Coruña.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Castro de Paz, José Luis; Folgar, José María. "José Sellier, pionero cineasta gallego". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Castro de Paz 1996, p. 41
- ↑ 3,0 3,1 Castro de Paz 1996, p. 42
- ↑ Castro de Paz 1996, p. 43
- ↑ Castro de Paz 1996, p. 44
- ↑ Castro de Paz 1996, p. 47
- ↑ 7,0 7,1 Castro de Paz 1996, p. 48
- ↑ "Jose Séllier en A Coruña, los comienzos del cine español". Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2015. Consultado o 12 de maio de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Sellier |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Castro de Paz, José Luis, ed. (1996). Historia do cine en Galicia. Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-22-6.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- José Sellier, pionero cineasta gallego Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine., de José Luis Castro de Paz.
- Os pioneiros (1897-1904), en Historia do cine galego (1896-1979) (AVG).
- Los pioneros radioyentes de Galicia y la radiofonía española
- La exhibición cinematográfica primitiva: el caso gallego (1896-1906/8), de José Luis Castro de Paz (Universidade de Vigo) e José María Folgar de la Calle (USC).