Panait Istrati
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de agosto de 1884 Brăila, Romanía (pt) |
Morte | 16 de abril de 1935 (50 anos) Bucarest, Romanía |
Causa da morte | tuberculose |
Lugar de sepultura | Cemitério Bellu (pt) Central cemetery of Chișinău (en) |
Relixión | Igrexa ortodoxa e ateísmo |
Actividade | |
Ocupación | escritor, fotógrafo, pintor, novelista, xornalista, valet (pt) |
Partido político | Partido Comunista Romanés |
Xénero artístico | Prosa |
Influencias | |
Pseudónimo literario | Marele Gorki din Balcani |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Panait Istrati ou Panaït Istrati, nado o 10 de agosto do 1884 e finado o 16 de abril do 1935, foi un escritor romanés de clase traballadora, alcumado "o Maxim Gorki dos balcáns". Está considerado o primeiro autor romanés en retratar a homosexualidade nos seus traballos.[1] Foi publicado en galego por Irmás Cartoné.[2]
Traxectoria
Primeiros anos
Istrati naceu en Brăila no 1884, fillo da lavandeira Joita Istrate e do comerciante de tabaco grego Georgios Valsamis, orixinario da vila de Faraklata (Cefalonia).[3][4] Estudou a primaria durante seis anos en Baldovinești, e logo traballou coma aprendiz nunha taberna, coma pasteleiro e coma vendedor ambulante.[3][5]
Comezou a escribir contra o 1906, enviando textos aos xornais socialistas do país. O seu primeiro artigo, Hotel Regina, foi publicado na Romnânia Muncitoare.[5] Nesta mesma revista aparecerían os seus primeiros relatos: Mântuitorul ("O redentor"), Calui lui Bălan ("O cabalo de Bălan"), Familia noastră ("A nosa familia") e 1 Mai ("O primeiro de maio").[5] Tamén sacou pezas noutros xornais de esquerdas, coma Dimineața, Adevărul e Viața Socială.[5]
No 1910, participou na organización dunha folga en Brăila.[5] Posteriormente, estivo en Bucarest, Istambul, O Cairo, Nápoles, París (1913-1914) e Suíza, onde permaneceu para intentar curar a súa tuberculose.[3][6] Estas viaxes víronse afectadas por dous matrimonios infelices, un breve regreso a Romanía no 1915 (durante o que sobreviviu coma granxeiro), e longos períodos de vagabundaxe.[3]
Durante a súa estancia en Suíza, trabou amizade co escritor sionista xudeu ruso-suízo Josué Jéhouda, quen lle ensinou francés.[3]
Empuxado pola miseria, a doenza e a depresión, intentou suicidarse no 1921 de camiño a Niza, pero foi rescatado a tempo.[3][4] Pouco tempo despois, tentou contactar co escritor francés Romain Rolland, a quen admiraba; este recibiu a súa misiva pola policía, e respondeulle de inmediato.[3][4][6] No 1923, Istrati publicou a novela Kyra Kyralina, cun prefacio do propio Rolland.[3][6] Trátase da primeira obra do ciclo de Adrien Zograffi.[6] Fascinado pola vida do romanés, Rolland instouno a escribir máis, e editouno en Clarté, a revista que posuía xunto con Henri Barbusse.[5] O seguinte libro de importancia de Istrati foi Codine.
Pamfil Șeicaru tildou a Istrati de "poeta miserento de cús desflorados", xa que Kyra Kyralina foi a primeira novela romanesa cunha personaxe homosexual.[1]
Relación co comunismo
Istrati compartiu os ideais esquerdistas de Rolland e, coma o seu mentor, tiña as súas esperanzas postas na visión bolxevique.[3] No 1927, visitou a Unión Soviética co gallo do aniversario da revolución de outubro, xunto con Christian Rakovsky, embaixador soviético en París.[3] Istrati viaxou por gran parte das rexións europeas do país, incluídas Moscova e Kíiv. En Moscova, coñeceu ao seu futuro amigo Nikos Kazantzakis; tamén tivo un encontro con Victor Serge, manifestando o seu desexo de converterse en cidadán soviético.[3] Istrati e Kazantzakis escribiron unha carta de felicitación a Iosif Stalin, quen nunca respondeu.
Entre o 1928 e o 1929, tras unha tumultuosa estadía en Grecia, durante a que mantivo encontros violentos coa policía, regresou á Unión Soviética.[3] Nesta ocasión, visitou tamén lugares máis remotos, como Moldavia (onde se encontrou coa súa amiga Ecaterina Arbore), Nizhnii Novgorod, Bakú e Batumi. A través destas experiencias, coñeceu os padecementos do réxime de Stalin, que serviron de base ao seu libro As confesións dun perdedor, sendo o primeiro dunha serie de intelectuais desencantados, coma Arthur Koestler ou André Gide.[3] Istrati foi vítima da persecución contra os vellos bolxeviques.
A partir de entón, sufriu unha crise de conciencia agravada polas acusacións de trotskista ou, incluso, fascista, proclamadas polos seus antigos amigos comunistas, o máis violento dos cales foi Henri Barbusse.[3] Rolland, pola súa banda, preferiu absterse da controversia. Istrati volveu a Romanía doente e desmoralizado e, tras tratar a tuberculose en Niza, asentouse en Bucarest.[3]
Últimos anos
As opinións políticas de Istrati expresadas tras a súa ruptura co bolxevismo foron ambiguas. Seguiu vixiado pola policía secreta romanesa (Siguranța Statului) e, o 8 de abril do 1933, saíu do prelo un artigo seu na revista Les Nouvelles littéraires titulado L'homme qui n'adhère à rien ("O home que non se adhire a ren").
Ao mesmo tempo, comezou a publicar en Cruciada Românismului ("A cruzada do romanismo"), o xornal dunha escisión de tendencias esquerdistas da organización da ultradereitista Garda de Ferro.[4] Istrati estivo relacionado co líder deste grupo, Mihai Stelescu, elixido membro do parlamento pola Garda de Ferro no 1933, por cuxa disidencia foi brutalmente asasinado polo Decemviri no 1936.[7] O propio Istrati foi vítima de múltiples ataques.
Illado e desprotexido, Panait Istrati faleceu nun sanatorio de Bucarest no 1935.[3] Foi soterrado no cemiterio de Bellu.
Traducións
- Kyra Kyralina (2022). Tradución directa do francés de Celia Recarey Rendo. Irmás Cartoné.[2]
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Homosexualitatea în România: de la „Mandruli pederastu“, la corecţii fizice şi suicid de ruşine". adevarul.ro (en romanés). 2013-04-20. Consultado o 2024-02-24.
- ↑ 2,0 2,1 "Kyra Kyralina, de Panait Istrati – Irmás Cartoné". Consultado o 2024-02-24.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 3,13 3,14 3,15 "Panait Istrati". The Modern Novel (en inglés). Consultado o 2024-02-24.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 "Panait Istrati - Biography". www.marxists.org. Consultado o 24-02-2024.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 "Panait Istrati - Ciulinii Baraganului, Mos Anghel, Chira Chiralina, Capitan Mavromati, Codin, Domnita din Snagov". www.panaitistrati.eu. Consultado o 2024-02-24.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 "Association des Amis de Panaït Istrati". Institut Mémoires de l’édition contemporaine (en francés). Consultado o 2024-02-24.
- ↑ "Asasinarea lui Mihai Stelescu, criticată în „Cruciada Românismului”". historia.ro (en romanés). Consultado o 2024-02-24.