Alfred Russel Wallace
Alfred Russel Wallace, nado en Usk (Monmouthshire) o 8 de xaneiro de 1823 e finado en Broadstone (Dorset) o 7 de novembro de 1913, foi un naturalista explorador e biólogo, xeógrafo e antropólogo galés e inglés. Wallace é coñecido sobre todo por desenvolver el só o concepto de evolución por selección natural, central na teoría biolóxica da evolución, e publicalo en conxunto con Charles Darwin en 1858.[1] Foi pioneiro na bioxeografía evolutiva.[2]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1855 Wallace publicou un artigo titulado «Sobre da lei que regulou a introdución de novas especies»[3] onde achega probas de que as especies orixínanse a partir doutras veciñas semellantes, cuestión que xa formulara anos atrás a partir das súas observacións dos monos suramericanos, pero que agora resolvía con multitude de probas na coñecida como lei de Sarawak por redactala nesa illa; un principio fundamental na nova ciencia da bioxeografía. A pesar disto, non se atreveu daquela a propoñer ningún mecanismo que explique como as especies cambian. Sobre iso escribe tres anos máis tarde nun novo ensaio de Ternate, «Sobre a tendencia das variedades a apartarse indefinidamente do tipo orixinal»[4], no que destaca a "presión ambiental" como causa de que unicamente sobrevivan as "variedades superiores" baixo as "circunstancias favorables", mentres que as "feblemente organizadas" sofren a extinción[5]. A equivalencia co mecanismo explicativo da transmutación das especies nomeado "selección natural" por Darwin é evidente. Asemade, ambos autores empregan o termo "loita pola vida" e, aínda que con distinta profundidade, ambos comparan o mecanismo coa cría de animais domésticos. Wallace remitiu o artigo a Darwin para a súa revisión. Cando este o leu atopouse co que cualificou de mellor resumo imaxinable das ideas que el mesmo levaba xestando traballosamente desde había máis de vinte anos. Tras consultar con Charles Lyell e o propio Wallace, Darwin realizou unha presentación pública ante a Sociedade Linneana de Londres, acreditando a Wallace como codescubridor.
Wallace naceu no seo dunha familia acomodada. Aínda que puido asistir a unha boa escola na infancia, de seguida tivo que traballar para axudar á súa familia. Inicialmente traballou coma supervisor topográfico, labor que lle permitía o contacto coa natureza. Iniciando así o seu interese pola botánica. Ademais completaba a súa formación por medio da lectura autodidacta.
Wallace foi un naturalista viaxeiro, como moitos na súa época. Na súa primeira viaxe acompañou ao seu coñecido Henry Bates á Amazonia. Henry Bates era un afeccionado á entomoloxía, e coñeceu a Wallace no 1844, cando se trasladara a Leicester para traballar coma profesor. Ambos viron a oportunidade de gañarse a vida mediante a venda de animais e plantas a institucións e coleccións privadas da época. Así no 1848 iniciaron o seu percorrido por Suramericano, percorrendo o Río Amazonas e o Río Negro. Simultaneamente comezaba as súas observacións e traballos coma naturalista.
Entre 1854 e 1862, época do achado da selección natural, viaxou por Insulindia, o arquipélago Malaio, recollendo espécimes. Wallace recolleu as súas experiencias no libro O archipelago de Malaia[6][7], publicado en 1869. Unha achega sinalada e duradeira deste período é o estabelecemento da que logo se coñeceu como liña de Wallace, un límite bioxeográfico moi preciso que separa as rexións bioxeográficas Australiana e Oriental asiática, moi diferenciadas, e que pasa entre as illas da Sonda, Nova Guinea e as Célebes, por unha banda, e Xava, Borneo e Filipinas por outra. A Wallace considérase como un dos principais fundadores da bioxeografía.
Wallace desenvolveu co tempo unha tendencia mística que condicionou a súa interpretación do proceso evolutivo, sobre todo no referente á evolución humana, interesándose cada vez máis polo espiritismo. Así, a pesar dunha férrea defensa da selección natural, sen tantas concesións coma o propio Darwin, non compartía con este a idea da selección sexual por considerarse que xogara un importante papel na evolución humana e tampouco aceptaría que a selección natural afectase ao sistema nervioso central.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wallace, Alfred. "On the Tendency of Varieties to Depart Indefinitely From the Original Type". The Alfred Russel Wallace Page, Western Kentucky University. Arquivado dende o orixinal o 29 de abril de 2007.
- ↑ "The Alfred Russel Wallace Website".
- ↑ En inglés, "On the law which has regulated the introduction of new species".
- ↑ En inglés "On the tendency of varieties to depart indefinitely from the original type".
- ↑ Darwin, Charles R.; Wallace, Alfred R. (1858). On the tendency of species to form varieties; and on the perpetuation of varieties and species by natural means of selection. Journal of the Proceedings of the Linnean Society of London. Zoology 3 (20 August): 45-50.
- ↑ Wallace, Alfred Russel (1869). Harper and Brothers, Publishers, ed. The Malay Archipelago [O Arquipélago Malaio] (en inglés). New York. Consultado o 31 de maio de 2013.
- ↑ "Wallace Online". wallace-online.org. Consultado o 2015-11-24.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alfred Russel Wallace |