Alien Ant Farm
Alien Ant Farm | |
---|---|
Orixe | Riverside (California), Estados Unidos |
Período | 1996 - presente |
Xénero(s) | metal alternativo, rock alternativo, post-grunge |
Selo(s) discográfico(s) | Universal Records |
Membros | Dryden Mitchell Mike Cosgrove Tim Peugh Terry Corso Justin Jessop |
Antigos membros | Joe Hill Alex Barreto Tye Zamora |
Na rede | |
alienantfarm.com | |
Alien Ant Farm é unha banda de rock alternativo estadounidense formada en Riverside (California) en 1996. Está composta por Dryden Mitchell (voz e guitarra), Terry Corso (guitarra e coros), Tye Zamora (baixo, piano, calimba e coros) e Mike Cosgrove (batería e percusión). A banda leva vendidas ao redor dun millón de copias de discos en todo o mundo dos seus 4 álbums editados.
Historia
[editar | editar a fonte]A finais dos 90, a banda editou o seu álbum de debut, Greatest Hits. O álbum chegou a gañar o premio a mellor álbum independente nos L.A. Music Awards.
No 2000, despois de trabar amizade coa banda de post-hardcore Papa Roach, Alien Ant Farm asinou un contrato coa DreamWorks SKG para o seu primeiro álbum de estudio ANThology.
A banda comezou unha xira no 2001. Nese ano, a súa versión da canción de Michael Jackson "Smooth Criminal" foi o sinxelo número 1 en Australia e Nova Celanda, número 3 no Reino Unido e número 1 na lista estadounidense de Modern Rock. O vídeo musical inclúe numerosas homenaxes a Michael Jackson e os seus vídeos. O seu seguinte sinxelo, "Movies", foi Top 5 no Reino Unido e Top 20 en Nova Celanda. A banda comezaría entón unha xira promocional do álbum.
Na primavera do ano 2002, a banda contribuíu co tema "Bug Bytes" á primeira película de Spiderman, e en maio dese ano tiveron un accidente de autobús mentres estaban de xira por España. O condutor morreu no mesmo, e o vocalista Dryden Mitchell rompeu unha das vértebras cervicais.
Alien Ant Farm retornaría cedo ao estudio para traballar no seu seguinte álbum, truANT, que foi editado no ano 2003 e producido polos membros de Stone Temple Pilots Robert e Dean DeLeo. Dous meses despois da edición do álbum o seu selo pecharía as portas.
En outubro do 2003, o guitarrista Terry Corso deixou a banda alegando "diferenzas irreconciliables". Pouco despois, uniuse Powerman 5000 durante un tempo. Victor Camacho (un vello amigo da banda e guitarrista) uniuse inmediatamente á banda e completou a xira de truANT. Joe Hill foi presentado como novo guitarrista no ano 2005.
No 2004, a banda gravou a canción "Dark in Here" para o videoxogo Punisher. Desafortunadamente a banda tivo que agardar polo permiso da Geffen para poder gravar outro álbum (despois de que Universal Music mercase DreamWorks e os asignase ao selo Geffen Records).
No ano 2005 o grupo gravou co produtor Jim Wirt (que gravara o seu debut Greatest Hits) planeando editar un álbum durante o verán. Así e todo, Geffen deixou de lado o álbum e negáronlle os dereitos para que o editasen eles mesmos. A banda botouse á estrada e fixo bootlegs do material do álbum dispoñibles para todos os seus seguidores. Estas edicións non oficiais foron bautizadas 3rd Draft polos fans.
A finais dese ano a Geffen finalmente accedeu a editar o álbum a través doutro selo da Universal, Universal Music Enterprises. O 4 de maio do 2006 chegaron a aparecer as primeiras informacións sobre as datas de edición do novo álbum; e a banda tamén informou o lanzamento dun DVD para o mesmo día. O 30 de maio o novo álbum, Up in the Attic, foi editado dixitalmente en iTunes. O primeiro sinxelo soi "Forgive and Forget", unha das cancións engadidas a 3rd Draft.
En abril do 2006 o baixista Tye Zamora deixou a banda e decidiu ir á universidade. Foi substituído por Alex Barreto (antigo membro das bandas Chain of Strength, Hardstance e Inside Out). O 29 de xuño a banda tocou no programa Attack of the Show, e o 18 de xullo, Up In The Attic foi editado en todo o mundo xunto con BUSted: The Definitive DVD. Este último incluía os videoclips de "Forgive and Forget", "Around the Block" e "She's Only Evil".
Dende a edición de Up in the Attic, considerado un fracaso comercial, poucas noticias máis apareceron da banda. A súa web estivo sen actualizarse dende novembro do 2006 ata abril do 2007.
Membros
[editar | editar a fonte]Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Greatest Hits | 1999 | Chick Music Records |
ANThology | 2001 | DreamWorks Records |
truANT | 2003 | DreamWorks Records |
Up in the Attic | 2006 | Universal Music Group |
Always and Forever | 2015 | Executive Music Group |
Mantras | 2024 | autoeditado |
EPs
[editar | editar a fonte]- Singles: $100 EP - 1996 (auto-editado)
- Love Songs EP - 1998 (auto-editado)