Saltar ao contido

Análise do ciclo de vida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A análise do ciclo de vida ou avaliación do ciclo de vida (ACV) (en inglés: life cycle assessment; LCA) é unha ferramenta metodolóxica que avalía os impactos ambientais dun produto, servizo ou proceso durante todas as etapas do seu ciclo de vida: extracción das materias primas, produción, distribución, uso e fin de vida (reutilización, reciclaxe, valorización, eliminación/disposición e non xestión dos residuos).

A ACV estuda os impactos potenciais sobre o ambiente ao longo do ciclo de vida mediante a cuantificación do uso de recursos ("entradas" como enerxía, materias primas, auga) e emisións ambientais ("saídas" ao aire, auga e solo) asociadas ao sistema a avaliar.

Os documentos marco para a elaboración normalizada dun ACV son as normas internacionais ISO 14040 (principios e marco de referencia para o ACV) e ISO 14044 (requisitos e directrices para o ACV), adoptadas en España por AENOR como UNE-EN ISO 14040[1] e UNE-EN ISOO 14044.[2]

Unha ACV típica ten en conta a subministración das materias primas necesarias, o transporte ata o centro de produción, a fabricación de intermedios e do propio produto, incluíndo envase, uso e residuos xerados, ademais do fin de vida (xestionado ou non xestionado). O ciclo de vida dun produto ou actividade está formado por varios sistemas interrelacionados que os avaliadores ambientais deben considerar.

Debido á complexidade do proceso de deseño, manufactura, promoción e uso dun produto, que implica múltiples materias primas, enerxía, transporte e disposición, a identificación dos aspectos ambientais clave ao longo do ciclo de vida convértese nun proceso complexo. É por iso que se precisa unha ferramenta sistemática como o ACV para levar a cabo unha avaliación integral dos aspectos ambientais.

O ACV diferénciase polo uso de métodos cuantitativos para identificar os aspectos ambientais chave e cuantificar os seus impactos potenciais. A metodoloxía inclúe a cuantificación das emisións, aínda que o impacto real destas depende de cando, onde e como se liberen no ambiente. O ACV utilízase para avaliar produtos, envases e procesos, e é esencial para a elaboración de Declaracións Ambientais de Produto[3] ou pegadas ambientais (principalmente de carbono[4] ou auga).[5]

O ACV naceu para darlle resposta a preguntas específicas do tipo:

  • Que diferenzas existen entre dous procesos de fabricación do mesmo produto en termos de utilización de recursos e emisións?
  • Que diferenzas hai entre unha ventá de aluminio, madeira ou PVC en termos de utilización de recursos e emisións?
  • Cal é a contribución relativa das diferentes etapas do ciclo de vida dun produto ás emisións totais?
  • Que diferenzas existen entre o impacto ambiental dun produto novo e outros produtos xa existentes no mercado?

Fases da análise do ciclo de vida

[editar | editar a fonte]

Seguindo as normas internacionais ISO 14040 e 14044, todo ACV debe constar de 4 fases que xeralmente están interrelavionadas. A continuación descríbense cada unha delas:

Definición do obxectivo e alcance

A primeira das etapas é esencial xa que se establece o propósito do estudo e se delimitan os seus límites. Defínense as razóns polas que se realiza o ACV, quen utilizará os resultados e que información específica se necesita. Tamén se determina que procesos e actividades serán incluídos na análise, onde comeza e remata o sistema a estudar (os límites do sistema), que aspectos se considerarán ou ignorarán (criterios de corte), e cal será a unidade de medida usada para comparar diferentes opcións (unidade funcional). En resumo, esta fase é crucial para que o estudo sexa claro e útil, permitindo que os resultados sexan facilmente comprendidos e aplicados polos destinatarios.

Inventario do ciclo de vida

A fase de inventario do ciclo de vida consiste en recompilar e cuantificar todos os fluxos de entrada e saída dun sistema ao longo do seu ciclo de vida. Isto inclúe a recompilación de datos sobre os materiais, enerxía e emisións asociadas a cada etapa do proceso, dende a extracción de materias primas ata a disposición final do produto. Durante esta fase, detállanse todos os recursos empregados (como auga, enerxía e materiais) e todos os residuos e emisións xeradas (como gases de efecto invernadoiro e residuos sólidos).

Avaliación do impacto do ciclo de vida

A fase de avaliación do impacto do ciclo de vida consiste en transformar os datos de inventario en impactos ambientais concretos. Isto implica asociar os fluxos de entrada e saída (recursos e emisións) en diferentes categorías de impacto ambiental, tales como o cambio climático, a acidificación, a eutrofización ou a toxicidade para humanos e ecosistemas. Estes datos son despois modelados para entender a súa contribución a problemas ambientais, e cuantifícanse para determinar a magnitude de cada impacto. Esta fase é esencial para identificar cales son os efectos ambientais máis significativos do sistema analizado e proporciona a base para tomar decisións que minimicen eses impactos.

Interpretación dos resultados

A fase de interpretación dos resultados é o proceso final onde se analizan e valoran os resultados das fases anteriores (inventario e avaliación de impactos) para sacar conclusións significativas e tomar decisións. Durante esta fase, compróbase a coherencia e a integridade dos datos, identifícanse as limitacións e as incertezas, e interprétanse os impactos ambientais en función dos obxectivos definidos inicialmente. O obxectivo é ofrecer unha visión clara e comprensible dos resultados, permitindo aos tomadores de decisións comprender os principais puntos críticos e áreas de mellora, así como formular estratexias efectivas para reducir o impacto ambiental do sistema analizado.

Softwares empregados

Existen varios programas de software utilizados para realizar un ACV, cada un con características e funcionalidades propias. Entre eles pódense diferenciar entre os de código aberto, como OpenLCA,[6] e os de código pechado, como SimaPro e Gabi.

  1. "UNE-EN ISO 14040:2006". UNE Normalización Española. 
  2. "UNE-EN ISO 14044:2006". UNE Normalización Española. 
  3. "Declaración ambientl de producto (DAP)". AENOR. Consultado o 01/07/2024. 
  4. "Calculadora de pegada de carbono". Ministerio para la transformación ecológica y el reto demográfico. Consultado o 01/07/2024. 
  5. "Cal é a túa pegada hídrica?". Water footprint calculator. Consultado o 01/07/2024. 
  6. "OpenLCA". OpenLCA. Consultado o 01/07/2024. 
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy