Billete de 10.000 dólares estadounidenses
O billete de 10.000 dólares estadounidenses foi un billete con ese valor facial emitido nos Estados Unidos entre 1878 e 1969. Trátase do billete estadounidense co valor nominal máis ato destinado á circulación ordinaria. Aínda que estes billetes seguen a ser de curso legal, polo que poden ser cambiados polo seu valor en calquera banco, son moi apreciados polos coleccionistas numismáticos e no mercado do coleccionismo alcanzan prezos moi superiores.[1]
Malia ser o billete de maior facial dos de uso ordinario, existiu un aínda maior, o de 100.000 dólares, que se utilizou unicamente para transferencias interbancarias,[2][3] e cuxa posesión por particulares é ilegal.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Billetes do dólar estadounidense.
O billete de 10.000 dólares apareceu por primeira vez na serie papel moeda de curso legal de 1878. Emitiuse novamente nas series de 1914 e de 1918, e logo nas de 1928 e 1934.[1] Inicialmente emitiuse en papel moeda de gran tamaño, coñecido domo Horse Blanket, cunhas medidas de 187 mm por 81 mm, e a partir da serie de 1928 reduciuse o seu tamaño a 156 mm por 66 mm.[5][6]
Orixinalmente emitiuse como un certificado de ouro, mais a Orde executiva 6102 de 1933 limitou a propiedade de moeda de ouro, polo que o billete se redeseñou e volveu emitirse como un billete da Reserva Federal.[1] A Oficina de Gravado e Impresión dos Estados Unidos continuou emitindo os billetes ata 1969, aínda que estes non circularon moito entre a poboación, porque a súa finalidade principal foi a de facilitar as transaccións entre bancos. O 14 de xullo de 1969, o Departamento do Tesouro anunciou que se deixarían de emitir todos os billetes con valores faciais superiores a 100 dólares, e que todos os bancos debían enviar ao Tesouro todos os billetes de 10.000 dólares para a súa destrución, o que provocou que atopar un exemplar fose cada vez máis difícil.[7][8]
Coleccionismo
[editar | editar a fonte]Esta escaseza levou a que no ámbito do coleccionismo chegasen a pagarse máis de 200.000 dólares por espécimes particularmente escasos e en graos de conservación excelentes.[9]
O empresario de casinos Benny Binion exhibiu un centenar de billetes de 10.000 dólares no seu casino, Binion's Gambling Hall and Hotel. A familia Binion vendeunos en 2016 por cantidades entre 112.500 e 188.000 dólares cada exemplar.[10]
En 2023, un billete de 10.000 dólares de 1934 sen mostras de circulación e certificado pola compañía Paper Money Guarantee (PMG) superou o medio millón de dólares nunha poxa numismática da compañía Heritage Auctions en Texas.[11]
Galería
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Gilkes, P. (2016). "When the United States printed $100,000 notes". En Coin World. 15 de xullo.
- ↑ Walrath-Holdridge, M. (2023). "Talk about inflation: a $10,000 Great Depression-era bill just sold for $480,000". En USA Today Money. 21 de setembro.
- ↑ "$10,000 Bill". Museum of American Finance (www.moaf.org).
- ↑ "$100,000 Gold Certificate". The Bureau of Engraving and Printing (www.BEP.gov).
- ↑ "All Kinds Of U.S Large-Size Paper Money - Large Bills Currency". CollectiblesCurrency.com
- ↑ Miller, Z. (2028). "How the dollar has changed over the years". BusinessInsider.com. 17 de outubro.
- ↑ "Historical Currency". The Bureau of Engraving and Printing (www.BEP.gov).
- ↑ "Federal Reserve Notes". Board of Governors of the Federal Reserve System (Federalreserve.gov).
- ↑ "PMG-graded High-Dollar Notes in the Spotlight at January Heritage Sale". Paper Money Guaranty (PGMnotes.com).
- ↑ Brean, H. (2016). "Someone wants to spend $188,000 for $10,000 cash". En Las Vegas Review-Journal. 7 de xaneiro.
- ↑ Czachor, E. M. (2023). "$10,000 bill sells for nearly half a million dollars at Texas auction — and 1899 coin sells for almost as much". En CBS News. 27 de setembro.
- ↑ "10 000 Dollars Gold Certificate (1928)". Numista.com
- ↑ "10 000 Dollars Gold Certificate (1934)". Numista.com
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Krause, C. L.; Lemke, R. F. (2002). Standard Catalog of United States Paper Money. Krause Publications. ISBN 0-8734-9490-3
- Friedberg, A. L.; Friedberg Krause, I. S. (1989). A Guide Book of United States Paper Money. Withman Publications. ISBN 0-8734-9490-3
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Dólar estadounidense
- Billetes do dólar estadounidense
- Billete de 500 dólares estadounidenses
- Billete de 1.000 dólares estadounidenses
- Billete de 5.000 dólares estadounidenses
- Billete de 100.000 dólares estadounidenses
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Estados Unidos: la increíble historia de los billetes de 10.000 y 100.000 dólares". En Clarín. 2 de setembro de 2019