Saltar ao contido

Gaivota patiamarela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaivota patiamarela
Larus michahellis

Gaivota patiamarela en Roma, Italia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Laridae
Xénero: Larus
Especie: L. michahellis
Nome binomial
Larus michahellis
Naumann, 1840
Sinonimia

Larus argentatus michahellis Naumann, 1840
Larus cachinnans michahellis Naumann, 1840
Larus cachinnans atlantis
Larus cachinnans lusitanius

A gaivota patiamarela[2][3] (Larus michahellis) é unha gaivota grande de Europa, Oriente Medio e África do norte. Foi considerada por algúns autores a mesma especie que a gaivota do Caspio, coa que formaría a especie Larus cachinnans.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Subespecie L. m. michahellis, Illa de Elba

Os adultos son semellantes á gaivota arxéntea (Larus argentatus), pero teñen as patas amarelas. Teñen o lombo gris, máis escuro que a gaivota arxéntea. Os adultos teñen unha penca vermella no bico. En outono a cabeza é moito máis branca que a da gaivota arxéntea e o negro das puntas das ás, máis extenso. Ó redor de cada ollo teñen un anel vermello.

Os exemplares de primeiro ano teñen a cabeza e a zona inferior máis pálidos que os da Larus argentatus. O bico e os ollos son máis escuros, as patas son de cor gris rosada e teñen unha banda negra ben definida na cola. No segundo inverno son semellantes ós adultos, aínda que manteñen algunhas diferenzas no deseño das plumas exteriores das ás.

A chamada e unha especie de gargallada máis forte e nasal cá da gaivota arxéntea.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

A taxonomía da especie é complexa. O grupo Larus está distribuído ó redor do hemisferio norte e as diferenzas entre especies adxacentes son moi pequenas. Actualmente acéptase que a gaivota patiamarela é unha especie independente, pero ata non hai moito as discrepancias eran importantes. Algunhas clasificacións considerábana unha subespecie da gaivota arxéntea (Larus argentatus), mentres que outras a separaban desta para incluíla, coa gaivota do Caspio, noutra especie. Estudos recentes sobre o seu ADN amosan que a gaivota do Caspio non pertence ó mesmo grupo que a patiamarela.

Hai dúas subespecies:

  • Larus m. michahellis que cría no mar Mediterráneo.
  • Larus m. atlantis das costas atlánticas próximas ó Mediterráneo.

Os exemplares que crían en Portugal e Galicia son ás veces considerados unha terceira subespecie (Larus m. lusitanus).

As formas atlánticas teñen as ás e o lombo máis escuros cás mediterráneas.

Distribución

[editar | editar a fonte]
Gaivota adulta con xoves

A área de cría está centrada no mar Mediterráneo. No norte de África en común en Marrocos, Alxeria e Tunisia. Recentemente comezou a reproducirse en Libia e Exipto. Cría en pequenas cantidades en Israel e Siria e máis abundantemente en Chipre e Turquía. En Europa hai colonias todo ó longo da costa mediterránea e cría tamén no lado oeste do mar Negro, onde se solapa coa gaivota do Caspio da que a separa o hábitat, escollendo a gaivota patiamarela os cantís mariños. Nas derradeiras décadas están a espallarse cara á Europa central. En 1995 detectouse a súa presenza como ave de cría na Gran Bretaña. É común tamén nas illas Canarias, Madeira e as illas Azores.

Moitos exemplares son sedentarios, pero outros emigran en inverno cara ás áreas máis mornas do oeste de Europa ou cara a África, onde chegan ó Senegal, Gambia e ó mar Vermello. Exemplares errantes foron detectados en Norteamérica e Nixeria.

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Son omnívoras como as demais gaivotas do xénero Larus e buscan alimento nas moreas de lixo, presas pequenas na costa ou nos campos e mesmo rouban as súas presas a outras aves.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Crían en colonias. Os niños son a miúdo unhas poucas plantas que poñen no chan ou nun cantil. Nalgunhas áreas están a afacerse a criar nos tellados dos edificios, constituíndo unha praga urbana. Poñen os ovos, uns 3, entre mediados de marzo e primeiros de maio e deféndenos con forza de calquera inimigo. Chocan os ovos entre 27 e 31 días e os polos poden voar despois de 35 ou 40 días de naceren.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • "National Geographic": Field Guide to the Birds of North America, ISBN 0-7922-6877-6
  • Peter Harrison (1983). Seabirds, an Identification Guide, ISBN 0-7470-1410-8
  • Handbook of the Birds of the World Vol 3, Josep del Hoyo editor, ISBN 84-87334-10-5
  • "National Audubon Society": The Sibley Guide to Birds, by David Allen Sibley, ISBN 0-679-45122-6
  • D.W. Snow e C.M. Perrins (1998): The Birds of the Western Palearctic, Concise Edition (Vol. 1), Oxford University Press, Oxford.
  • Alan Harris, Laurel Tucker e Keith Vinicombe (1994): The Macmillan Field Guide to Bird Identification, Macmillan Press.
  • Lars Svensson e Peter J. Grant (1999): Collins Bird Guide, HarperCollins, Londres.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy