Louise Brooks
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Mary Louise Brooks 14 de novembro de 1906 Cherryvale, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 8 de agosto de 1985 (78 anos) Rochester, Estados Unidos de América |
Causa da morte | infarto agudo de miocardio |
Lugar de sepultura | Holy Sepulchre Cemetery (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Filme |
Ocupación | actriz, actriz de cinema, autobiógrafa, bailarina, modelo |
Período de actividade | 1925 - 1938 |
Familia | |
Cónxuxe | Edward Sutherland (1926–1928) Deering Davis |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Mary Louise Brooks, Cherryvale (Kansas) o 14 de novembro de 1906 e finada en Rochester (Nova York) o 8 de agosto de 1985, foi unha actriz e escritora estadounidense que se converteu nunha das caras máis famosas do cinema mudo. Foi coñecida principalmente polos seus papeis en filmes mudos durante a última metade da década de 1920 nos Estados Unidos e sobre todo por tres filmes realizados en Europa entre 1929 e 1930.
Na súa carreira cinematográfica, que comezou en 1925 e rematou en 1938, participou en vinte e catro filmes, dous dos cales foron considerados pola revista The New Yorker como obras mestras:[1] Die Büchse der Pandora e Tagebuch einer Verlorenen, ambas realizadas en Berlín polo director alemán Georg Wilhelm Pabst.
O seu corte de cabelo é o trazo máis distintivo da súa imaxe, que inspirou mesmo personaxes de banda deseñada como Valentina (1965).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Louise Brooks, filla dunha pianista de talento, naceu en Kansas en 1906. Os seus pais inculcáronlle dende pequena unha gran paixón polos libros e a música. Aos nove anos sufriu abusos sexuais e aos catorce xa bebía alcohol.[2]
Carreira cinematográfica
[editar | editar a fonte]Brooks comezou a súa carreira no mundo do espectáculo como bailarina na compañía de danza moderna da escola de danza Denishaw, con Martha Graham, Ruth St. Denis e Ted Shaw, mais a súa teima provocou a súa marcha da compañía. Baixo a protección de amigos influentes, conseguiu entrar como bailarina en Ziegfeld Follies de Broadway onde foi descuberta pola Paramount, os estudios cinematográficos para os que rodou a maioría dos seus filmes estadounidenses. Debutou en 1925 en The Street Of Forgotten Men e pouco despois comezou a interpretar papeis protagonistas en diferentes comedias, unha das cales, dirixida por Howard Hawks, A Girl In Every Port (1928), en que facía de vampiresa, axudouna a ser coñecida en Europa.
A súa mellor interpretación nun filme estadounidense adoita ser considerada a de Beggars Of Life (1928),[3] en que interpreta unha moza rural da que abusaran sexualmente, que escapa con dous vagabundos, Richard Arlen e Wallace Beery, que atopa nun tren. Nese momento da súa vida movíase nos círculos da alta sociedade e era unha convidada habitual das festas na mansión de William Randolph Hearst. O seu peiteado creara estilo e moitas mulleres cortaban o seu cabelo imitándoa.
Período europeo
[editar | editar a fonte]Cando o cinema sonoro entrou en escena, e despois de negarse a facer unha versión sonora do seu filme The Canary Murder Case, Brooks decidiu marchar a Europa para rodar baixo as ordes do director expresionista Georg Wilhelm Pabst. En Alemaña protagonizou o filme de Pabst Die Büchse der Pandora (1928), no que interpreta a Lulu, unha vampiresa sexual que acaba sendo asasinada tras arrastrar todos os seus amantes á perdición. Foi o filme que converteu a Brooks nun mito e resulta interesante polo moderno tratamento que fai da sexualidade, introducindo por vez primeira o lesbianismo na pantalla.
A continuación, rodou o drama social Diary Of A Lost Girl (1929) e Prix de Beauté (1930), este último rodado en Francia. Os tres filmes foron enormemente censurados debido a que o seu contido se considerou demasiado "adulto" e o escándalo provocado polo tratamento aberto da sexualidade, xunto coa súa forte crítica social. Pasaron desapercibidas para o público porque coincidiu coa eclosión do cinema sonoro, perdendo o cinema mudo o seu atractivo.
Cando decidiu regresar a Hollywood, trala súa aventura europea, atopouse con que os estudios a incluíran nas súas listas negras, así que non volveu gozar do éxito que tivera anteriormente e en 1938 retirouse definitivamente.
Vida posterior
[editar | editar a fonte]Tras finalizar a súa carreira cinematográfica, optou por volver a Wichita (Kansas), onde crecra, mais deseguido decidiu establecerse en Nova York, cidade en que traballou como vendedora en Saks Fifth Avenue e, máis adiante, de acompañante de homes ricos.[1]
A principios da década de 1950, os historiadores de cine franceses redescubriron a figura de Brooks nunha retrospectiva sobre o cinema mudo na Filmoteca Francesa e proclamaron que era unha icona cinematográfica. Este renovado interese pola súa figura fixo que se levasen a cabo diversas retrospectivas que conseguiron rehabilitar a súa situación nos Estados Unidos. Brooks trasladouse a Rochester (Nova York) en 1956, invitada pola George Eastman House, que conserva a maior colección dos seus filmes.[1] Coa súa axuda, comezou unha máis que notoria e prestixiosa carreira como cronista da época do cinema mudo.
Escribiu un libro titulado Lulu in Hollywood (1982), en que fala de Pabst e da rodaxe e alude varias veces a Frank Wedekind.
Tivo problemas co alcohol a maior parte da súa vida. Tras vivir soa moitos anos, faleceu o 8 de agosto de 1985 dun ataque ao corazón á idade de 78 anos, despois de sufrir artrite e enfisema durante os seus últimos anos.
Filmografía
[editar | editar a fonte]Ano | Título | Personaxe | Notas |
---|---|---|---|
1925 | The Street of Forgotten Men | A Moll | Incompleto (perdido o rolo 7) |
1926 | The American Venus | Miss Bayport | Filme perdido. A finais da década de 1990 atopáronse algúns fragmentos tanto en branco e negro como en cor en Australia.[4] En 2018 descubriuse un test de pantalla en technicolor de tres seguntos, únicos fragmentos coñecidos da actriz en cor.[5][6][7][8] Outra escena perdida foi atopada nun vídeo de YouTube que fora subido en 2007.[4] |
1926 | A Social Celebrity | Kitty Laverne | Filme perdido |
1926 | It's the Old Army Game | Mildred Marshall | |
1926 | The Show Off | Clara | |
1926 | Just Another Blonde | Diana O'Sullivan | Consérvanse fragmentos |
1926 | Love 'Em and Leave 'Em | Janie Walsh | |
1927 | Evening Clothes | Fox Trot | Filme perdido |
1927 | Rolled Stockings | Carol Fleming | Filme perdido |
1927 | Now We're in the Air | Griselle/Grisette | En 2016, atopouse un fragmento de vinte e tres minutos no arquivo nacional cinematográfico checo en Praga. O material supervivente preservouse e exhibiuse por primeira vez en The San Francisco Silent Film Festival o 2 de xuño de 2017.[9] |
1927 | The City Gone Wild | Snuggles Joy | Filme perdido |
1928 | A Girl in Every Port | Marie, Girl in France | |
1928 | Beggars of Life | The Girl (Nancy) | A versión sonora considérase perdida; só se conserva a versión muda |
1929 | The Canary Murder Case | Margaret Odell | Consérvanse as versións muda e sonora |
1929 | Die Büchse der Pandora | Lulu | |
1929 | Tagebuch einer Verlorenen | Thymian | |
1930 | Miss Europe | Lucienne Garnier | Título alternativo: Prix de Beauté. Consérvanse as versións muda e sonora |
1931 | It Pays to Advertise | Thelma Temple | |
1931 | God's Gift to Women | Florine | |
1931 | Windy Riley Goes Hollywood | Betty Grey | |
1936 | Empty Saddles | "Boots" Boone | |
1937 | When You're in Love | Chorus Girl | Sen acreditar |
1937 | King of Gamblers | Joyce Beaton | Escenas suprimidas |
1938 | Overland Stage Raiders | Beth Hoyt |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Tynan, Kenneth. "The Girl in the Black Helmet" (en inglés).
- ↑ "The price of greatness: resolving the creativity and madness controversy" (en inglés).
- ↑ Ficha "Beggars of Life" en IMDb
- ↑ 4,0 4,1 Louise Brooks Society
- ↑ Smithsonian
- ↑ Silent London
- ↑ Film News
- ↑ Art Daily
- ↑ See "Long Missing Louise Brooks Film Found" en Huffington Post
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Louise Brooks |
A Galipedia ten un portal sobre: Cine |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Böhme, Margarete. The Diary of a Lost Girl (Louise Brooks edition), PandorasBox Press, 2010.
- Brooks, Louise. Fundamentals of Good Ballroom Dancing, United States: autopublicado, 1940.
- Brooks, Louise. Lulu in Hollywood, Nova York: Knopf, 1982.
- Brooks, Louise. Lulu in Hollywood: Expanded Edition, Minneapolis: University of Minnesota Press, 2000.
- Cowie, Peter. Louise Brooks: Lulu Forever, Nova York: Rizzoli, 2006.
- Graves, Tom. "My Afternoon With Louise Brooks" in Louise Brooks, Frank Zappa, & Other Charmers & Dreamers, Memphis: Devault-Graves Books, 2015.
- Jaccard, Rolland (ed.) Louise Brooks: Portrait of an Anti-Star, Nova York: New York Zoetrope, 1986.
- Krenn, Gunter e Moser, Karin (eds.). Louise Brooks: Rebellin, Ikone, Legende, Austria: Film Archiv Austria, 2006.
- Mollica, Vincenzo. Louise Brooks: Una Fiaba Notturna, Italia: Editori del Grifo, 1984
- Oderman, Stuart. Talking to the Piano Player 2. BearManor Media, 2009. ISBN 978-1-59393-320-3.
- Pabst, G.W. Pandora's Box (Lulu), Nova York: Simon & Schuster, 1971. (guión de Pabst de 1928)
- Paris, Barry. Louise Brooks, Nova York: Knopf, 1989. ISBN 978-0-394-55923-0.
- Sherrow, Victoria. Encyclopedia of Hair: A Cultural History. Greenwood Publishing Group, 2006. ISBN 978-0-313-33145-9.
- Wahl, Jan. Dear Stinkpot: Letters From Louise Brooks. BearManor Media, 2010. ISBN 978-1-59393-474-3.