Mosteiro de San Xoán de Caaveiro
Mosteiro de San Xoán de Caaveiro | |
---|---|
Ben de Interese Cultural | |
Ábsida románica da capela. | |
Localización | |
País | Galiza |
Concello | A Capela |
Parroquia | A Capela |
Coordenadas | 43°25′03″N 8°04′06″O / 43.4175, -8.06833333 |
Datos xerais | |
Data | 18 de novembro de 1975 |
Categoría | Monumento, Mosteiro |
Código | RI-51-0004195 |
Construción | Século XII - Século XVIII |
Estilo | Arquitectura románica |
Mapa de localización | |
O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval situado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume.
Situación
[editar | editar a fonte]Sitúase na parroquia da Capela, no concello coruñés da Capela, na comarca do Eume.
Historia
[editar | editar a fonte]O mosteiro estableceuse no ano 934 nas Fragas do Eume para acoller os numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pero pronto importantes doazóns de Rosendo de Celanova engrandecen o seu patrimonio recibindo este a maior parte das terras cultivables existentes á dereita do río Eume e concédenlle a xurisdición sobre vilas e freguesías eximíndoo da autoridade do arcebispado de Santiago de Compostela.
Obtén así o cenobio un gran poder, acadando a súa igrexa a categoría de Real Colexiata (con seis cóengos) que conservará ata finais do século XVIII.
Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, pero no século XII converteríase en Colexiata de Cóengos Regulares de Santo Agostiño. Entre o ano 1220 e o 1259 prodúcese a máxima expansión do seu dominio, nela estivo á fronte do mosteiro o prior Don Martiño Rodríguez, quen logrou a ampliación do couto até a ponte de Pontedeume, incluíndo as parroquias de Cabanas e Irís.
Durante a Baixa Idade Media co auxe da casa dos Andrade perdeu moito poder económico, que recuperou en tempos dos Reis Católicos. A súa xurisdición abranguía as parroquias de Caaveiro, A Capela e Cabalar (concello da Capela), Santa Cruz do Salto, Cabanas, Soaserra e Irís (concello de Cabanas), San Pedro de Eume, A Faeira, Bermui, Goente e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez), San Xoán do Seixo, Queixeiro, Taboada, e parte da de Vilachá (estas tres coñecidas como Couto Pequeno, no concello de Monfero) e o couto de Belelle (Sillobre, concello de Fene).
Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.
A partir do ano 1800 queda abandonado, quedando ao coidado dun caseiro e inicia así a súa decadencia e deterioración. No século XIX Pío García Espinosa, que comprara boa parte das terras que rodean o mosteiro, consegue unha autorización do Arcebispo de Santiago para restauralo. Derruba, para acometer a restauración, a casa dianteira e a igrexa prioral (1896), edifica un pavillón ameado e reconstrúe a capela de Santa Isabel. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.
Descrición
[editar | editar a fonte]O mosteiro
[editar | editar a fonte]Éntrase no adro por unha escaleira de vinte chanzos de pedra e unha porta. Sobre a porta está a torre cuadrangular de estilo barroco compostelán do século XVIII, traballo de Clemente Fernández Sarela, da escola de Simón Rodríguez. Baixo dela pódese ver o escudo coas as armas de Castela e León, co Vélaro de ouro e a coroa real, e unha ventá rectangular.
No interior aínda se poden apreciar divisións que poderían corresponder a: un forno, as porterías, seis celas, un cabido, e as dúas igrexas.
No exterior, a casa dos canónicos e as cociñas do mosteiro tamén se conservan aceptablemente, a casa dos criados, as cabalarías, o conxunto do muíño e a Ponte Sesín.
O muro nororiental, que soportaba o pulo da antiga igrexa, fabricado de perpiaños, mostra catro arcos de medio punto rebaixados.
As igrexas
[editar | editar a fonte]Existían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios.
Os restos máis antigos son do século XII, destacando a capela de Santa Isabel, que se ergue sobre un montículo moi escarpado que obrigou aos seus construtores a salvar os desniveis do terreo por medio de altos muros con contrafortes e estancias subterráneas. Do templo románico só se conserva en bo estado a testeira, na que se abren tres pequenos vans románicos, e boa parte da nave. A antiga construción era dunha soa nave rectangular de 5,70 metros de largo, con ábsida circular. Foi restaurada por Pío García Espinosa aumentando a lonxitude da nave.
A portada do Oeste configúrase de dúas arquivoltas apoiadas en columnas codilladas cun tímpano decorado cun Agnus Dei de prominentes cornos.
Estado actual
[editar | editar a fonte]O conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.
Na actualidade é propiedade da Deputación da Coruña, que iniciou un proxecto de restauración para a posta en valor do conxunto.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes do mosteiro de San Xoán de Caaveiro.
-
Restos do muíño
-
Vista aérea
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Mosteiro de San Xoán de Caaveiro |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Carballido, E. (1907). "Monasterios olvidados de Galicia: A Capela". Boletín da Real Academia Galega (A Coruña) II (14): 40–44.[Ligazón morta]
- de Castro Álvarez, C. (1995). "El monasterio de San Juan de Caaveiro". El cañón del Eume: paraíso natural de Galicia. Pontedeume: Sociedad Círculo Filatélico Eume. pp. 28–34.
- de Soto Quiroga, E. (1916). La colegiata de Caaveiro. Buenos Aires: Suevia.
- del Castillo López, Á. (21 de novembro de 1915). "La colegiata de Caaveiro". Breamo (78).
- Porta de la Encina, A. (1986). "Aportación al estudio del Monasterio de Caabeiro". Estudios Mindonienses (2): 255–258.
- REVIEJO, M. (1993). FEGAMP: Revista da Federación Galega de Municipios e Provincias, ed. Monfero-Caaveiro, polas terras do Eume.
- Sandomingo, T. (1984-1986). "El dolor de la montaña: ¿la hora de Caaveiro?". Abrente (16-17-18): 143–152.
- Sandomingo, T. (1993). "Caaveiro, otra vez.". Arte Galicia: revista de información de las artes plásticas gallegas.
- Vaamonde Lores, C. (1924). "Importante escritura de donación otorgada por Don Bermudo, rey de Galicia, a favor del Monasterio de San Juan de Caaveiro: Año 934". Boletín da Real Academia Galega (A Coruña) (159): 49–58. Arquivado dende o orixinal o 20 de xuño de 2022. Consultado o 20 de xuño de 2022.
- VIDAL, X.M. (1983). "Acerca da orixe e fundación do Mosteiro de San Xoan de Caaveiro". Brigantium (4).
- VV.AA. (1996). "O Mosteiro de San Xoan de Caaveiro". Cátedra: Revista eumesa de estudios (3).