Municipio
O concello ou municipio é, nas súas diversas formas, e baixo diferentes designacións, a estrutura básica de administración local en moitos países do mundo. Con orixes diferentes, consonte ás tradicións locais, os concellos modernos teñen, porén, bastantes puntos de contacto na súa estrutura e competencias.
En xeral, poden distinguirse tres tipos de concellos:
- Urbanos: concellos constituídos exclusivamente, ou case, por territorio urbanizado;
- Rurais: municipios constituídos por un ou máis núcleos de poboación de pequenas dimensións e por territorio non urbanizado relativamente vasto;
- Mixtos: concellos que comprenden cantidades significativas quer de territorio urbano, quer de territorio rural.
Nalgúns países e nalgunhas subdivisións doutros países (como algúns estados norte-americanos), estes diferentes tipos están separados por lei, constituíndo diferentes unidades administrativas. Noutros, como en Portugal e España, todos os concellos son iguais ante a lei, aínda que por mor da súa poboación ou características estean suxeitos a un distinto trato financeiro, electoral, por exemplo (achegas doutras administracións, número de concelleiros elixibles, estatutos de capitalidade, áreas metropolitanas...).
Os concellos en España
[editar | editar a fonte]A lexislación básica das municipalidades españolas é a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.[1] Segundo esta, o goberno e a administración do municipio correspóndenlle ao Concello, integrado polo alcalde e polos concelleiros. Estes últimos son elixidos mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, por períodos de 4 anos.[2] O alcalde é elixido polos concelleiros en sesión plenaria, ou directamente polos veciños en certos casos contemplados na lei. Forma parte dunha provincia para todos os propósitos administrativos nacionais. Unha municipalidade contén unha ou máis parroquias.
Os órganos que integran a organización municipal son os seguintes:
- Pleno: formado polo conxunto de concelleiros electos, presididos polo alcalde e asistidos polo secretario.
- Alcalde: desempeña as funcións de dirección do goberno e da administración municipal, así como as demais atribucións que lle outorga a vixente lexislación e, entre elas, a organización das áreas que integran o goberno municipal e dos departamentos, servizos e outros entes que constitúen a administración municipal. Tamén é atribución do alcalde a representación do Concello, sen prexuízo da súa posible delegación. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polos tenentes de alcalde na orde e coas competencias que se deriven do seu nomeamento.
- Tenente de alcalde: substitúe o alcalde en caso de ausencia ou enfermidade, función que realiza de forma independente á competencia que lle corresponda na área como edil.
- Xunta de goberno: é o órgano que ten como atribución propia e indelegable a asistencia permanente ao alcalde no exercicio das súas funcións. Así mesmo, exercerá as competencias que lle deleguen o alcalde e o pleno municipal, cando teñan este carácter. Está integrada polo alcalde, que a preside, e polos concelleiros nomeados libremente por el como membros dela, que son asistidos nas súas reunións polo secretario xeral da corporación.
- Comisións informativas: estudan aqueles asuntos que son relevantes para o municipio e pásanlle, posteriormente, un informe ao pleno municipal, para a súa aprobación.
A nivel particular, cada un dos concelleiros que integran a xunta de goberno mantén unha serie de competencias municipais propias con respecto á área da súa responsabilidade.
A denominación máis común para o municipio en castelán é o de ayuntamiento. Na comunidade autónoma de Galicia, a municipalidade é chamada concello; en catalán, ajuntament; en eúscaro, udala; e en asturiano conceyos (singular: conceyu).
Municipios brasileiros
[editar | editar a fonte]O municipio é a menor unidade político-administrativa no Brasil, estando baixo das Unidades Federativas (UF ou Estado). Posúe só dous poderes: o Executivo (Prefeitura) e o Lexislativo (Cámara de Vereadores); o xudicial agrupa a varios municipios.[3] Xeralmente un municipio está composto dunha cidade, a súa sede, e veciñanzas rurais. Mais tamén se presenta na forma de varios núcleos urbanos dentro do mesmo territorio municipal. Cando son cidades que se desenvolveron moito e aproximaron a outros municipios, dáse o nome de Rexión metropolitana. En especial acontece coas capitais dos estados.
É o municipio o que coida directamente de varios aspectos prácticos da vida da poboación, como rexistro de inmobles, cometidos públicos menos importantes (rúas), asfaltamento de rúas, fiscalización do tránsito, mais a lexislación do tránsito é federal. Prové tamén o ensino básico nas súas escolas. Mantén postos de saúde para a súa poboación. Controla e fiscaliza o transporte público municipal (taxis, autobuses urbanos). Prové ou fiscaliza a recollida de lixo domiciliario. Controla e fiscaliza as feiras libres.[4]
As subdivisións políticas do municipio (distritos) son órganos sometidos ao poder da prefectura. Pode tamén presentar subprefecturas, descentralizando a administración no día a día. En todo caso, o poder político executivo é exclusivamente do Prefecto, sendo todos os outros auxiliares da súa indicación (cargos de confianza).
O municipio non posúe forza policial armada, mais posúe a guarda municipal, que en xeral non usa armas de fogo.
No Brasil, o deseño dos límites municipais raramente coincide cos límites urbanísticos, naturais ou culturais dunha cidade, atendendo primariamente a intereses políticos de oligarquías locais. Basta tomar como exemplo que a cidade (mancha urbana) do Río de Xaneiro ten extensión territorial totalmente desconexa do municipio de Río de Xaneiro; en canto aquela se expande por outros municipios limítrofes, este inclúe aglomeracións fisicamente separadas, como a Barra da Tixuca. O proceso de emancipación municipal no Brasil sufriu forte revés despois de 1996, ano en que unha lei aprobada no Senado Federal ampliou os requisitos necesarios para a creación de novos municipios.[5][6]
Dende 2013, Brasil posúe 5.570 municipios en 26 Estados máis dúas demarcacións equilvantes: o Distrito Federal de Brasilia e o Distrito Estatal de Fernando de Noronha.[7] O maior municipio do Brasil é Sao Paulo, que posúe 1522,986 km² e unha poboación de 11 451 999 habitantes segundo o censo de 2022.[8]
Municipios portugueses
[editar | editar a fonte]Os 308 municipios portugueses (autarquías locais) corresponden, en territorio, aos chamados concelhos, que son a subdivisión territorial máis consistente que o país tivo ao longo dos seus 800 anos de historia. Con orixe nas cartas de foral que os reis atribuían a certas terras e aos territorios limítrofes, o tipo de administración dos municipios/concellos foi variando substancialmente ao longo do tempo: fóronse creando uns, extinguindo outros, foron variando as súas competencias e nalgúns o territorio, mais os municipios/concellos permaneceron.[9]
Hoxe, os municipios son rexidos por unha Cámara Municipal, órgano executivo, e teñen unha Asemblea Municipal, que é o órgano deliberativo.[10] A Cámara é o órgano executivo que trata do goberno e dos asuntos correntes do municipio. Consonte a poboación do concello, a cámara municipal pode ser constituída por un número de vereadores impar entre 5 e 17, elixidos por sufragio directo e universal en listas, partidarias ou non. A Asemblea é a institución representativa do municipio, cuxa competencia principal é a fiscalización da actividade da cámara municipal. Parte dos seus membros, en número que varía coa poboación do concello e tamén co número de freguesías, é elixida por sufraxio directo e universal en listas que poden, ou non, ser partidarias, e a outra parte é composta por membros por razón do seu cargo: os presidentes das xuntas de freguesía do concello.[11]
Municipios noutros países
[editar | editar a fonte]Municipalidade como entidades de primeiro nivel
[editar | editar a fonte]- En Cabo Verde mantense a división administrativa herdada dos tempos dos portugueses con 17 concellos subdivididos en 31 freguesias (parroquias).
- Na República Popular da China, unha municipalidade (直辖市 en pinyin: zhíxiéshì) é unha cidade con igual estado dunha provincia: Pequín, Tiangin, Shanghai, e Chongqing.
- Na República da China en Taiwán, unha municipalidade especial (直轄市 en Wade-Xiles: chi-hsia-shih) é unha cidade con igual estatuto ca unha provincia. É o caso de Taipei, Taoyuan, Novo Taipei, Taichung,Tainan e Kaohsiung.[12]
- En Montenegro, a municipalidade é a maior división rexional.
- En Eslovenia, unha municipalidade (občina) é a unidade administrativa local primaria. Hai 193, 11 das cales posúen un estatuto "urbano" con autonomía adicional.
- En España, unha municipalidade (municipio) é a unidade administrativa local primaria que se integra nunha provincia.
- En Francia, as municipalidades son unidades administrativas de terceiro nivel: por debaixo das rexións (primeiro nivel) e dos departamentos (segundo nivel). Reciben o nome de comunas, herdado da Revolución Francesa. En xeral, as comunas urbanas son de maior tamaño. Porén, débese ter en conta que a maior parte das comunas son menores que os concellos galegos. En toda Francia hai máis de 36.000 comunas (36.783 ao primeiro de marzo de 2008).
Municipalidade como entidades de segundo nivel
[editar | editar a fonte]- En Alemaña, unha municipalidade (Gemeinde) é parte dun distrito (Kreis). Entidades grandes de mesmo nivel son chamadas de cidade (Stadt).
- En Australia, unha municipalidade é unha cidade, ou condado, sendo unha subdivisión do estado.
- En Austria, unha municipalidade (Gemeinde) é unha parte do distrito (Becirk), que é pola súa vez parte do estado (Bundesland).
- En Bélxica, unha municipalidade é parte dunha provincia
- En Bosnia-Hercegovina, unha municipalidade (općina ou opština) é:
- parte dunha cantón (kanton)
- unha subdivisión (agrupado en rexións)
- No Canadá, unha municipalidade é unha cidade condado ou municipalidade rexional que está incorporada polo estatuto pola lexislación das provincias e territorios do Canadá.
- En Chile, unha municipalidade (comuna) é parte dunha provincia
- En Croacia, unha municipalidade (općina) é parte dun condado (županixa)
- En Dinamarca, unha municipalidade (kommune) é unha parte dun condado (amt)
- Nos Estados Unidos, as entidades que posúen os estatos de municipalidade varían de estado en estado. Cidades, towns, vila ou vilarexo son termos comúns para as municipalidades. Distrito municipal (Townships), condados, e parroquias non son xeralmente considerados municipalidades, pero hai excepcións. Nalgúns estados, as cidades non posúen un estatuto de municipalidade similar ao distrito municipal.
- En Finlandia, unha municipalidade (kunta/kommun) é unha parte dunha provincia (lääni/län)
- En Filipinas, unha municipalidade (bayan) é unha parte dunha provincia (lalawigan) e está composta por barangays.
- En Grecia, unha municipalidade é tanto unha urbana (demoi) canto rural (koinotetes), que forman parte dunha prefectura (nomos) dunha rexión maior coñecida como periferias.
- En Honduras, unha municipalidade é un anaco dun departamento.
- En Italia, unha municipalidade (comune) é parte dunha provincia (provincia) que é parte dunha rexión (regione).
- No Xapón, calquera goberno alén do goberno nacional xaponés é chamado municipalidade.
- En México, unha municipalidade (municipio) é unha subdivisión dun estado (estado).
- Nos Países Baixos, unha municipalidade (xemeente) é unha parte da provincia (provincie).
- Calquera parte da Nova Zelandia é tanto chamado "cidade" (city) (xeralmente urbana) ou un distrito (district) (xeralmente rural). O termo "municipalidade" é raro na Nova Zelandia desde aproximadamente 1979 e non posúe ningún estatuto legal.
- En Noruega, unha municipalidade (kommune) é parte dun condado (fylke).
- En Polonia, unha municipalidade (gmina) é parte dun condado (powiat).
- En Porto Rico, unha municipalidade (municipio) é unha cidade. Cada municipalidade posúe un prefeito electo.
- En Romanía, unha municipalidade (municipiu) é parte dun condado (judeţ).
- En Serbia, unha municipalidade (opština) é parte dun condado (okrug)
- En Suecia, unha municipalidade (kommun) é parte dun condado (län).
- En Suíza, unha municipalidade (commune/Gemeinde/comune) é parte dun cantón (canton/Kanton/cantone) e defínese pola lei cantonal.
- En Suráfrica, as municipalidades son divisións dunha provincia, e organizadas polo tamaño. En orde decrecente: metrópole, distrito, local.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "BOE-A-1985-5392 Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de las Bases del Régimen Local.". www.boe.es. Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "BOE-A-1985-11672 Ley Orgánica 5/1985, de 19 de junio, del Régimen Electoral General.". www.boe.es. Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "CONSTITUIÇÃO DA REPÚBLICA FEDERATIVA DO BRASIL DE 1988, capítulo IV" (PDF). Biblioteca Dixital do Senado Federal.
- ↑ Calhau de Resenda, Antônio José (2008). "Autonomía municipal e lei orgániza" (PDF). Cadernos de Escola do Legislativo 10 (15): 7–42. ISSN 1676-8450.
- ↑ Rodrigo Emanuel de Araújo, Dantas (2015). "A criação de novos municípios no Brasil : o emancipacionismo brasileiro e os novos desafios legislativos". Revista Eleitoral 29. Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2021. Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ Rodrigo Emanuel de Araújo, Dantas (2015). "A criação de novos municípios no Brasil : o emancipacionismo brasileiro e os novos desafios legislativos". Revista eleitoral 29. Arquivado dende o orixinal o 06 de decembro de 2021. Consultado o 10 de xuño de 2024.
- ↑ "Com 5 novos municípios, Brasil agora tem 5.570 cidades". O Globo (en portugués). 2013-01-09. Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "Panorama: Sao Paulo". cidades.ibge.gov.br. Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "A organização urbana e concelhia dos reis de Portugal". RTP Ensina (en portugués). Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "Constituição da República Portuguesa: Título VIII, Poder Local". www.parlamento.pt (en portugués). Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "Lei n.º 169/99, de 18 de setembro que estabelece o quadro de competências, assim como o regime jurídico de funcionamento, dos órgãos dos municípios e das freguesias". diariodarepublica.pt. Consultado o 2024-06-10.
- ↑ "Local governments". english.president.gov.tw (en inglés). Consultado o 2024-06-11.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte] Este artigo sobre política é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |