Pilro de pescozo rubio
Calidris ruficollis Pilro de pescozo rubio [1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Calidris ruficollis coa plumaxe de inverno | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada[2] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Calidris ruficollis (Pallas, 1776) | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
O pilro de pescozo rubio[3] (Calidris ruficollis) é unha especie de ave da orde das caradriformes e familia dos escolopácidos, unha das 24 integradas no xénero Calidris.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1776 polo médico, zoólogo e botánico alemán, célebre polos seus traballos realizados en Rusia, Peter Simon Pallas,[4][5] na súa obra Reise durch verschiedene Provinzen des Russischen Reichs,[4] baixo o nome de Trynga ruficollis.[4][5]
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]Para a do xénero, ver Calidris.
O epíteto específico, ruficollis, está formado polos elementos do latín científico rufi- e -collis. O primeiro está tirado do xenitivo do adxectivo do latín rūfus, -a, -um, "de pelo vermello", e o segundo do xenitivo do nome latino collum, -i, "colo", "pescozo". Literalmente, "de pescozo vermello".[6]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo nome actualmente válido, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:[5]
- Trynga ruficollis Pallas, 1776 (protónimo)
- Tringa albescens Temminck, 1821
- Calidris australis Lesson, 1831
- Calidris ruficolis (erro ortográfico)
Características
[editar | editar a fonte]O pilro de pescozo rubio é unha das aves limícolas máis pequenas, moi semellante a Calidris minuta (especies que antigamente eran consideradas conespecíficas). O pequeno tamaño do pescozo vermello (en verán), o bico fino e escuro, as patas escuras e os movementos máis rápidos distinguen a esta especie de todas as limícolas agás as outras que tamén teñen as patas escuras.[7]
Mide entre 13 e 17 cm de lonxitude, a súa envergadura alar vai dos 28 aos 37 cm, e a súa masa corpotal oscila entre os 21 e os 51 g. Pódese distinguir de Calidris mauri en todas as plumaxes pola súa combinación de punta fina do bico, os dedos non palmados.[7]
Os adultos reprodutores ten un peito de cor laranxa sen raias, bordeado por marcas escuras abaixo, e unha V branca no lombo. No inverno a identificación da plumaxe é difícil, aínda que ten as patas máis curtas e as ás máis longas que Calidris minuta. Os xuvenís teñen unha plumaxe máis contrastadaolo lombo e liñas brancas máis débiles polas costas que o seu parente. A chamada é un "stit" rouco.[7]
Distribución
[editar | editar a fonte]O pilro de pescozo rubio é unha ave que realiza grandes migracións. Cría ao longo do litoral ártico do leste de Eurasia, e pasan a estación non reprodutora no sueste asiático e en Australasia, chegando polo sur até Tasmania e Nova Zelandia.
É raro visitante na Europa occidental, coa maioría dos rexistros realizados en Irlanda. Adoita verse no oeste de Alasca e, ocasionalmente, noutros lugares de América.
Comportamento
[editar | editar a fonte]O pilro de pescozo rubio é unha especie moi gregaria e forma bandadas con outras limícolas pequenas do xénero Calidris, como Calidris acuminata e Calidris ferruginea nas áreas nas que non se reproducen.
Cría
[editar | editar a fonte]O seu hábitat de reprodución é a tundra. Aniñan no chan e crían desde a primavera até o verán.
Dieta
[editar | editar a fonte]Aliméntanse en prados húmidos e en zonas lamacentas, principalmente collendo alimentos que localizan coa vista. No seu hábitat non reprodutor aliméntanse de en zonas lamacentas intermareais e ao longo das marxes de lagos de auga doce. Comen principalmente insectos e outros pequenos invertebrados.
Ameazas
[editar | editar a fonte]A especie está restrinxida á ruta migratoria de Asia oriental-Australasia e sospéitase que a perda de hábitat en lugares críticos na zona do mar Amarelo é a súa ameaza máis importante. Pénsase que a perda de hábitat na rexión do mar Amarelo está a provocar o descenso da poboación de aves acuáticas.[8][9] Até o 65 % do hábitat intermareal no mar Amarelo perdeuse nos últimos 50 anos e, actualmente, este hábitat está a desaparecer a un ritmo dun 1 % anual desde a década de 1980 debido á recuperación das terras para a agricultura, a acuicultura e outras actividades.[10] Centos de aves morreron como resultado do uso de pesticidas en Australia Occidental.[11]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]Esta especie está restrinxida á ruta aérea de Asia oriental-Australasia, onde se pensa que a perda de lugares clave na rexión do mar Amarelo é a responsábel do descenso das poboacións de aves acuáticas. Pénsase que a especie está a diminuír a un ritmo que se aproxima ao limiar de vulnerábel baixo o criterio de redución do tamaño da poboación, segundo trinta anos de datos de seguimento en Australia e Nova Zelandia. Por iso, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o stauts da especie como NT (case ameazada).[2]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Comendo
-
Plumaxe de verán
-
En Queensland, Australia
-
Comendo
-
De perfil
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Calidris ruficollis (Pallas, 1776) en Avibase.
- ↑ 2,0 2,1 BirdLife International (2016): Calidris ruficollis na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 3 de setembro de 2022.
- ↑ "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 2024-12-07.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Calidris ruficollis (Pallas, 1776) no GBIF. Consultado o 3 de setembro de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Calidris ruficollis (Pallas, 1776) na BioLib. Consultado o 3 de setembro de 2022.
- ↑ Jobling, James A (2010): The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Dunning, John B. Jr., ed. (2008): CRC Handbook of Avian Body Masses, 2ª ed. Boca Raton, Florida: CRC Press. ISBN 978-1-4200-6444-5.
- ↑ Amano, T.; Szekely, T.; Koyama, K.; Amano, H. & Sutherland, W. J. (2010): "A framework for monitoring the status of populations: an example from wader populations in the East Asian-Australasian flyway". Biological Conservation 143: 2238-2247.
- ↑ Yang, H. Y., Chen, B., Barter, M., Piersma, T., Zhou, C-F., Li, F-S. & Zhang, Z-W. (2011): "Impacts of tidal land reclamation in Bohai Bay, China: ongoing losses of critical Yellow Sea waterbird staging and wintering sites". Bird Conservation International 21: 241-259.
- ↑ Murray, N. J., Clemens, R. S., Phinn, S.R., Possingham, H. P. & Fuller, R. A. (2014): "Tracking the rapid loss of tidal wetlands in the Yellow Sea". Frontiers in Ecology and the Environment 12: 267-272.
- ↑ Van Gils, J., Wiersma, P. & Bonan, A. (2013): "Red-necked Stint (Calidris ruficollis). En: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E. (eds.): Handbook of the Birds of the World. Volume 3. Hoatzin to Auks. BirdLife International, Cambridge, Reino Unido e Lynx Edicions, Barcelona. España. ISBN 978-8487-334-20-7.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pilro de pescozo rubio |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pilro de pescozo rubio |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- J. del Hoyo, A. Elliott & J. Sargatal (1996): Handbook of the Birds of the World. Volume 3. Hoatzin to Auks. BirdLife International, Cambridge, Reino Unido e Lynx Edicions, Barcelona. España. ISBN 978-8487-334-20-7.
- Jonsson, Lars; Grant, Peter J. (1984). "Identification of stints and peeps". British Birds 77 (7): 293–315.
- Alström, Per; Olsson, Urban (1989). "The identification of juvenile Red-necked and Long-toed Stints". British Birds 82 (8): 360–372.