Rosa Bonheur
Marie-Rosalie Bonheur, nada en Bordeos o 16 de marzo de 1822 e finada en Thomery o 25 de maio de 1899,[1] foi unha pintora francesa, que se especializou na representación de animais de estilo realista.[2] Foi amplamente considerada unha das artistas femininas máis destacadas do século XIX.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Bonheur era filla de Sophie Marquis e do debuxante Raymond Bonheur[4] e formouse co seu pai e mais no taller de Léon Cogniet.[5] Os seus irmáns foron Auguste Bonheur que se converteu en pintor de paisaxes e de animais, Isidore Bonheur, escultor, e Juliette Bonheur, que tamén foi pintora de animais.[6]
A súa nai, de pai descoñecido, foi adoptada por un rico comerciante de bordelés, Jean-Baptiste Dublan de Lahet. Bonheur compracíase en imaxinar que o misterio das súas orixes ocultaba algún segredo de estado, que era de sangue real, mais actualmente sábese que o seu protector, Dublan de Lahet, era en realidade o seu avó.[7]
A familia Bonheur adheriuse ao grupo político dos Saint-Simonians, que promovía a educación igualitaria entre homes e mulleres.[7] Rosa tivo problemas de aprendizaxe, e para axudala a memorizar o alfabeto, a súa nai suxeriulle que escollese un animal para cada letra e o debuxase. Esta foi a súa oportunidade para desenvolver o seu talento para o debuxo, así como a súa preferencia polos animais, que foron o tema de moitas das súas obras.[1] Os pais de Bonheur tiveron boas relacións con españois exiliados en Bordeos como Francisco de Goya e Leandro Fernández de Moratín. Este último chamaba a Bonheur ma boule ronde (a miña bóla redonda).[4]
Pasou varios anos no campo, no Château Grimont (Quinsac), preto de Bordeos, onde gañou a reputación de "marimacha" («Eu era o máis rapza de todos»), fama que a seguiu toda a vida e non buscou desmentir, xa que levaba o cabelo curto e fumaba puros.
París e éxito profesional
[editar | editar a fonte]En 1828 mudouse a París coa súa familia, e alí o seu pai fundou unha escola feminina de debuxo.[4] Comezou a visitar o Museo do Louvre para copiar ao óleo os animais de artistas como Poussin, Rubens o Géricault. Visitou tamén os matadoiros para estudar as disección e facer esbozos a lapis da anatomía dos animais. Tamén asistiu como ouvinte a clases universitarias de anatomía e osteoloxía veterinaria.[7] Nese período coñeceu os zoólogos e naturalistas Etienne Geoffroy Saint-Hilaire e Isidore Geoffroy Saint-Hilaire.
En 1843 e 1844 obtivo medallas na Exposición de Rouen.[4] Expuxo por primeira vez no Salón de 1843. Obtivo unha medalla de terceira clase no Salón de 1845 e unha medalla de ouro no de 1848.[5] O ano seguinte expuxo Arando no Nivernais (hoxe no Museo de Orsay), encarga estatal.
En 1849 faleceu o seu pai Raymond Bonheur, o que a obrigou a facerse cargo da escola que fundara el.[4]
Con Feira de cabalos (MET, Nova York), presentado no Salón de 1853, coñeceu unha gloria internacional que lle valeu para efectuar viaxes, no curso dos que lle presentaron personalidades como a raíña Vitoria, a emperatriz Uxía, e mesmo o Coronel Cody (Buffalo Bill), que lle ofreceu unha auténtica panoplia dos síux.
En 1857 obtivo da policía a autorización para aparecer en público vestida con pantalóns para non ser a olada mentres traballaba, xa que frecuentaba as feiras de gando onde tomaba apuntamentos do natural.[8] Cada seis meses, alegando motivos de saúde, acudía á Prefectura de Policía de París para solicitar o Permission de Travestissement, asinado por un médico.[9]
En 1859, instalouse en By, aba vinícola do concello de Thomery en Sena e Marne onde puxo o seu taller.[4]
Participou con dez obras na Exposición Universal de París de 1867. Presentou Cambio de pasto, que fora un encargo persoal da emperatriz Uxía de Montijo e foi condecorada cunha medalla. Tamén participou na Exposición Universal de Londres de 1871.[4] As súas obras foron moi apreciadas: en 1888 un cadro dela acadou as 4200 libras en Christie's.[8]
Faleceu o 25 de maio de 1899, no château de By e foi inhumada no cemiterio do Père-Lachaise (división 74). O seu antigo taller fai parte do Museo Rosa Bonheur no castelo de By.[4]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Bonheur era abertamente lesbiana.[10] Viviu dúas relacións amorosas, unha con Nathalie Micas, á que coñeceu en 1837 (Bonheur tiña 14 anos e Micas 12), e que se converteu tamén en pintora, e da que non se separou ata que Micas faleceu en 1889; e outra, coa estadounidense Anna Elizabeth Klumpke, tamén pintora, coa que viviu dez anos ata a súa morte e que foi a súa herdeira universal. Isto non provocou escándalo ningún, a pesar de ser un tempo tan preocupado polas convencións, dada a súa fama de excéntrica e o seu carácter forte.[11]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Sultan and Rosette, les chiens des Czartoryski, 1852, Museo Nacional de Varsovia
-
Relais de chasse, 1887, Museo de Arte de Saint Louis
-
Étude de lionne, Museo de Arte e Historia de Langres
-
Le Colonel William F. Cody (Buffalo Bill), 1889, Buffalo Bill Center of the West, Cody
-
Reunión para a caza, 1856
-
Sangliers dans la neige, c. 1870
-
La foire du cheval, 1835, Metropolitan Museum of Art, Nova York
-
Labourage nivernais, 1849, Museo de Orsay
-
León
-
Desteta dos cuxos, 1879
-
O Cid, 1879
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Rosa Bonheur, la gran pintora de animales". historia.nationalgeographic.com.es (en castelán). 2021-03-16. Consultado o 2021-05-26.
- ↑ Strickland, Carol (2007). The annotated Mona Lisa : a crash course in art history, from prehistoric to Post-modern (2nd ed.). Andrews McMeel Pub. ISBN 978-0-7407-6872-9. OCLC 165408871. Consultado o 2020-11-20.
- ↑ Janson, H. W., Janson, Anthony F. History of Art. Harry N. Abrams, Inc., Publishers. 6ta edición. ISBN 0-13-182895-9, páxina 674
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Merino Rodríguez, Francisco. "Rosa Bonheur (1822-1899): Estrategias para su dinamización y puesta en valor en su museo casa-taller." (PDF). I Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres (en castelán).
- ↑ 5,0 5,1 "Bonheur, Rosa - Colección - Museo Nacional del Prado". www.museodelprado.es. Consultado o 22 de abril de 2020.
- ↑ Ilecara (29 de xullo de 2019). "Siglo XIX - Rosa Bonheur". Mujeres que hacen la historia - Breves biografías (en castelán). Consultado o 22 de abril de 2020.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Rubayo, Sara (21 de novembro de 2018). "Rosa Bonheur, la pintora de animales - MUJERES ARTISTAS". Acercándote la Historia del Arte (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de agosto de 2020. Consultado o 22 de abril de 2020.
- ↑ 8,0 8,1 Greer, Germaine (2005). La Carrera de obstáculos : vida y obra de las pintoras antes de 1950. Bercimuel. ISBN 84-932964-3-0. OCLC 803694222. Consultado o 22 de abril de 2020.
- ↑ "Autoriser · Femmes au masculin · MUSEA". musea.fr. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2022. Consultado o 2020-12-04.
- ↑ Stewart, Jessica (30 de agosto de 2019). "10 Famous Female Painters Every Art Lover Should Know". My Modern Met (en inglés). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
- ↑ "Rosa Bonheur, Biografía, Citas y Arte". The Art History Archive (en inglés). Consultado o 1 de febreiro de 2021.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Rosa Bonheur |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dore Ashton, Rosa Bonheur: A Life and a Legend. Illustrations and Captions by Denise Browne Harethe. New York: A Studio Book/The Viking Press, 1981 NYT Review
- Catherine Hewitt, Art is a Tyrant: The Unconventional Life of Rosa Bonheur. UK Published by Icon Books Ltd in 2020.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Obras expuestas en Francia. Goberno de Francia (en francés)
- Museo Rosa-Bonheur en Thomery-By (en francés)
- Rosa Bonheur na ArtCyclopedia (en inglés)
- Rosa Bonheur na National Portrait Gallery, Londres (en inglés)