Saltar ao contido

Talo (talófitas)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Talo da briófita Ptilidium pulcgerrimum.
Alga do xénero Laminaria.
Micelio dun fungo.

O talo é o corpo vexetativo non diferenciado en raíz, talo ou caule e follas, formado por tecidos pouco ou nada diferenciados, propio dos vexetais que, por iso, se denominan talófitas, como as algas, os fungos, os liques e as briófitas.

Os dous talos, ou o talo e o cuale?

[editar | editar a fonte]

En latín científico o talo denomínase thallus, plural thalli, termo que provén da latinización do grego clásico θαλλός (thallós), que significaba orixinariamente 'gromo verde'.

Pero hai que ter en conta que o termo do latín científico thallus pode dar nas linguas románicas dous derivados, un pola vía popular, por exemplo, talo (en galego-portugués) ou tallo (en castelán), e outro pola vía culta, talo (en galego-portugués e castelán).[1] Polo tanto, nos textos de botánica adoita empregarse, en galego e portugués, para así diferenciar o termo talo, corpo vexetativo diferenciado das plantas superiores, as vasculares ou metáfitas do talo, corpo indeferenciado dos talófitos, o cultismo caule, derivado da tradución latina de θαλλός, caulis, -is.

Así, por exemplo, a estrutura dun organismo que semella un talo denomínase taloide, taliforme ou taloso, -a. Mentres que cando tratamos de particularidades das plantas vasculares falamos de caulescente (con caule ben aparente), caulícola (planta que se desenvolve sobre o caule ou unha póla doutro), caulificación (formación do caule), caulifloro (que bota as flores no caule ou nas ramas), cauliforme (que ten forma de caule) etc.[2]

Características

[editar | editar a fonte]

Talo normalmente refírese ao corpo sinxelo dun organismo pluricelular no cal non hai diferenciación en tecidos biolóxicos nin, por tanto, en órganos.[3][4] Aínda que os talos non están organizados en distintas partes como as follas, raíces e talos ou caules que si teñen as plantas vasculares, teñen estruturas análogas equivalentes e con funcións similares, e ás veces tamén estrutura macroscópica similar, pero con diferente estrutura microscópica; por exemplo, este talo non ten tecido vascular.

Pese a que o talo ten unha anatomía en gran parte indiferenciada, poden verse algunhas diferenzas. Unha alga lamimaria, por exemplo, pode ter o talo dividido en tres rexións: unha de ancorado ou de suxeición, o estípite e unhas láminas que fan a fotosíntese.

O talo dos fungos normalmente denomínase micelio, formado por finísimos filamentos chamados hifas. Nos liques tamén o talo se refire ao corpo vexetativo. Nas algas mariñas os talos ás veces denomínanse fronda.

O gametófito dalgunhas plantas non talófitas, como os fentos e plantas relacionadas hepáticas, denomínase protalo (prothallus, en latín científico).

  1. Cf. Font Quer, P. (1993): Diccionadio de botánica, volume II, páx. 1026, Barcelona: Labor.
  2. Así, no VOLG, aínda que é un vocabulario sen definicións, é significativo que recolla os termos caule m, caulescente a, caulícolo m, cauliforme s e caulinar a.
  3. Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Bareclona: Omega, 8ª ed., páx. 171.
  4. Haupt, Arthur W. (1953): Plant Morphology. New York: McGraw-Hill Book company, páx. 7.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Font Quer, P. (1993): Diccionario de botánica. 2 vols. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3
  • Strasburger, E. (1994): Tratado de botánica. Barcelona: Editiorial Omega, S. A. ISBN 84-282-0979-0

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy