Saltar ao contido

Zum ewigen Frieden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Zum ewigen Frieden
Título orixinalZum ewigen Frieden
Autor/aImmanuel Kant
OrixeAlemaña
Lingualingua alemá
Tema(s)filosofía e Paz
Xénero(s)ensaio e filosofía política
Data de pub.1795
editar datos en Wikidata ]

Zum ewigen Frieden (Sobre a paz perpetua) é unha obra filosófica de Immanuel Kant publicada en 1795. Se existe un deber e ó mesmo tempo unha esperanza fundada de que fagamos realidade o Estado dun dereito público, aínda que soamente sexa unha aproximación. A paz perpetua, que se deriva dos ata agora mal chamados tratados de paz, non é unha idea baleira senón unha tarefa que se irá resolvendo pouco a pouco ata acadar o seu fin.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Sobre a paz perpetua preséntase como un tratado estruturado en dúas seccións: A primeira contén seis artigos preliminares e a segunda tres artigos definitivos para a paz perpetua entre os Estados.

Consta tamén de dous anexos ou apéndices:

1. Sobre a discrepancia entre a moral e a política dende a perspectiva da paz perpetua.
2. Da harmonía da política coa moral segundo o concepto transcendental do dereito público.

O tema exposto neste ensaio filosófico é a posibilidade de lograr a paz efectiva e xusta no mundo. Kant establece unhas condicións obxectivas, xurídicas e políticas para que os Estados abandonen o militarismo e as ambicións territoriais. Deste xeito os Estados tentarán buscar a cooperación e a hospitalidade entre os pobos.

Kant considera que para conseguir a paz perpetua é necesario abolir ao exército así como crear unha Constitución republicana en cada Estado. Pretende que todos os Estados busquen a paz honestamente.

Primeiro artigo para a paz perpetua: A Constitución de todo Estado debe ser republicana

[editar | editar a fonte]

O estado de paz entre os homes que viven xuntos non é un estado de natureza senón que é un estado de guerra no que as hostilidades están presentes en calquera momento. Para Kant a Constitución republicana é a encargada de buscar a paz perpetua. Esta Constitución establece os seguintes principios:

1- A liberdade dos membros dunha sociedade.
2- A dependencia de todos respecto a unha única lexislación común.
3- A lei de igualdade entre todos os súbditos en canto cidadáns.

Pero aínda así esta Constitución precisará o consentimento de todos os cidadáns para decidir se haberá guerra ou non.

Polo contrario, nunha Constitución na cal o súbdito non é cidadán, é dicir, nunha Constitución non republicana, a guerra é sinxela, xa que o xefe do Estado non é membro do Estado senón o seu dono, polo que a guerra non lle causará ningunha perda.

Segundo artigo para a paz perpetua: O dereito de xentes debe fundarse nunha federación de Estados libres

[editar | editar a fonte]

Os pobos poden considerarse segundo a súa natureza individuos que se prexudican uns a outros para manter a súa seguridade. Cada pobo debe esixir ao outro que entre nunha Constitución semellante á civil para garantir os dereitos de cada un. Isto sería unha confederación de pobos. Porén, habería unha serie de contradicións porque nun Estado necesítase a relación entre un superior (lexislador) e un inferior (o pobo). Polo que moitos pobos nun mesmo Estado pasarían a formar un único pobo e isto non debe ocorrer. De maneira que a única forma que teñen os Estados para conseguir o seu dereito só pode ser a través da guerra. Pero, o dereito non pode ser decidido a través dunha guerra nin sequera a través dunha vitoria e un tratado de paz unicamente acabaría coa guerra pero non coa situación de guerra. Ademais o estado de paz non pode establecerse sen un pacto entre os pobos. Así a federación da paz buscará acabar coa guerra mentres que o estado de paz acabaría con todas as guerras para sempre.

A federación mantén a liberdade dun Estado e tamén dos Estados federados para que non se sometan a leis públicas nin a coaccións. Esta idea débena adoptar os outros Estados para acadar a paz perpetua.

Terceiro artigo para a paz perpetua: Hospitalidade universal

[editar | editar a fonte]

A hospitalidade é o dereito de propiedade que teñen todos os homes da superficie da terra. Os homes teñen que soportarse uns a outros e ningún posúe un maior dereito que o outro para estar nun determinado lugar da terra. Polo que ninguén deberá combater cun estranxeiro que chega a un territorio alleo.

Garantía da paz perpetua

[editar | editar a fonte]

Esta garantía é subministrada pola natureza que persegue unha finalidade: que os homes consigan a harmonía a través do antagonismo. Isto coñécese co nome de destino ou providencia. O termo natureza, como unha teoría é apropiado para os límites da razón humana que debe manterse dentro dos límites da experiencia. Para garantir a paz hai que examinar o modo no que se subministra esa garantía. A organización provisional da natureza consiste no seguinte:

1. Que os homes de todas as partes da terra poidan vivir.
2. A través da guerra levounos ás rexións máis inhóspitas para poboalas.
3. A través da guerra tamén obrigou ós homes a relacionarse legalmente.
  • Para que os homes poidan vivir sobre a terra, a natureza elixiu a guerra como medio. A guerra non necesita motivos especiais porque xa está presente na nosa natureza, incluso é considerada como algo nobre. Todo pobo acha outro pobo inimigo. Polo tanto, a Constitución republicana é a única adecuada para os dereitos dos homes, pero tamén é a máis difícil de instaurar e de conservar. Ademais os homes non están capacitados para unha Constitución tan sublime. Estes aproximan a súa conduta externa á idea de dereito pero non é a moralidade a causa dese comportamento. A natureza quere que o dereito se conserve na súa superioridade. O que non se faga agora rematará facéndose por si mesmo.
  • A idea do dereito de xente supón a separación dos Estados veciños. Aínda que esta situación é unha situación de guerra, é mellor que a súa unión a unha potencia que controle a todos os demais. Isto tamén faría perder a eficacia das leis xa que aumentarían os territorios a gobernar. Porén, todo Estado persegue a paz duradeira. Pero a natureza emprega medios para diferenciar os pobos causando o odio entre eles e a escusa para a guerra. A pesar de todo, estas diferenzas (lingua e relixión) conducen á paz.
  • Da mesma maneira que a paz separa pobos tamén os une. Trátase do espírito comercial que non pode convivir coa guerra. É o poder máis fácil de todos. Os Estados vense obrigados a fomentala paz e evitar a guerra por medio de negociacións.

Artigo secreto para a paz perpetua

[editar | editar a fonte]

O Estado deixará falar libre e publicamente ós filósofos sobre os principios da guerra e da paz.

Pero, non terá porque conceder prioridade ós filósofos fronte ós xuristas se non que unicamente deberá escoitalos.

Anexo I: Sobre a discrepancia entre a moral e a política respecto á paz perpetua

[editar | editar a fonte]

A moral é unha práctica no sentido obxectivo, un conxunto de leis obrigatorias que debemos obedecer e sobre as que debemos actuar. Non debe existir ningunha disputa entre a moral e a política polo que non hai ningún conflito obxectivamente entre ambas. Porén, esta disputa está presente subxectivamente na inclinación egoísta dos homes e sempre o haberá porque serve de estímulo á virtude. Esta pretenderá vencer a astucia do mal.

O moralista político comete unha inxustiza ó non respectar o concepto de dereito que sería o único que podería conseguir a paz para sempre.

Anexo II: Harmonía da política coa moral segundo o concepto do dereito moral

[editar | editar a fonte]

A incompatibilidade das máximas do dereito de xentes coa publicidade dá lugar ó desacordo entre a política e a moral. Este acordo só sería posible coa unión federativa (que é necesaria e está dada a priori conforme o principio dos dereitos). A prudencia política ten como fundamento xurídico a instauración desa federación na súa maior amplitude, sen esta finalidade, a habilidade política é ignorancia e inxustiza. Esta política ten:

  • Reservatio mentalis: redactar os tratados públicos de tal maneira que se poidan interpretar de moitos xeitos.
  • O probabilismo: o sometemento doutros Estados pacíficos.
  • O peccatum philosophicum: para conseguir un mundo mellor o Estado pequeno poderá ser conquistado por outro maior.

A política empregará para os seus propósitos unha ou outra rama da moral.

A política coincide coa moral no primeiro sentido, é dicir, sacrificar o dereito dos homes ao superior; pero, no segundo sentido da moral, a política non está de acordo e prefire negarlle toda realidade á moral e entender todos os deberes como actos de benevolencia.

A filosofía faría fracasar a unha política tenebrosa mediante a publicidade das súas máximas (dereito político, dereito de xentes, dereito cosmopolita).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy