Saltar ao contido

Atanasio de Alexandría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaDoutor da Igrexa Editar o valor en Wikidata
Atanasio de Alexandría

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Ἀθανάσιος Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento296 Editar o valor en Wikidata
Alexandría, Exipto Editar o valor en Wikidata
Morte2 de maio de 373 Editar o valor en Wikidata (76/77 anos)
Alexandría, Exipto Editar o valor en Wikidata
Bispo ortodoxo
Patriarca de Alexandría
Papa da Igrexa Ortodoxa Copta de Alexandría
Bispo
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCristianismo niceno Editar o valor en Wikidata
EducaciónEscola Catequética de Alexandria (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióndiácono (319–), escritor, teólogo, haxiógrafo, sacerdote ortodoxo Editar o valor en Wikidata
Período de tempoBaixo Imperio Romano Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAlexandre I, arcebispo de Alexandría Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa31 de xaneiro
15 de maio
2 de maio Editar o valor en Wikidata
Participou en
325Primeiro Concilio de Nicea Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteNordisk familjebok
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1054698


Atanasio de Alexandría, nado en Alexandría no 295 e finado na mesma cidade o 2 de maio de 373, foi un relixioso exipcio, arcebispo de Alexandría e recoñecido pola Igrexa ortodoxa e pola Igrexa católica como un dos Pais da Igrexa. Defendeu a fe de Nicea contra o arianismo. Sufriu o exilio ata cinco veces por esta causa. É especialmente venerado pola Igrexa ortodoxa copta de fe monofisita. O Papa copto Shenouda III recibiu de Paulo VI as súas reliquias.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Tivo unha infancia turbada polas derradeiras persecucións promovidas polo emperador Maximiano contra os cristiáns. Lector e diácono, foi conselleiro fiel do arcebispo de Alexandría Alexandre, a quen acompañou no Concilio de Nicea, onde se proclamou o dogma na divindade do Verbo, do Fillo de Deus, homoousios, da mesma esencia que o Deus Pai, encarnado no home Xesús de Nazaret, salvador da humanidade da escravitude do pecado e da morte. Mais lonxe de acadarse a unidade, as discusións dogmáticas non fixeron senón exacerbarse.

Á morte de Alexandre, no ano 328, foi elixido bispo da cidade máis culta do Imperio romano, onde as disputas teolóxicas acadaban especial virulencia e desorientaban e dividían ao pobo cristián. Ario negaba a divindade do Verbo, para el o Fillo de Deus era unha criatura e, xa que logo, en Xesús falara, amara á humanidade e se entregara á morte, non Deus mesmo, senón un mediador creado por El.

Con teimosía, Atanasio decidiu extirpar estas ideas da súa Igrexa, mediante a predicación e a disciplina do clero do seu bispado. O Emperador Constantino que convocara Nicea, acabou buscando o favor dos arianos e impuxo á Igrexa de Alexandría a orde de permitir as actividades eclesiásticas de Ario. Atanasio foi inflexíbel, contestou que isto era entrar en contradición co pronunciado nun concilio e que ameazaba a fe do pobo crente.

Para Atanasio a Igrexa vivía da adhesión a Xesucristo vivo, verdadeiro Deus e verdadeiro home, e non de doutrinas morais ou de especulacións filosóficas ou cósmicas. Deste xeito, entra nun frenético labor teolóxico que ten como finalidade desactivar a forza argumental e espiritual dos seus adversarios. As súas predicacións en grego e en copto propiciáronlle a adhesión das xentes sinxelas da súa comunidade.

Moi cedo foi obxecto de aldraxes e calumnias incluídas a acusación de asasinato e despezamento, con fins de maxia, dun bispo meleciano. Atanasio puxo a funcionar a súa rede de adictos ata que se encontrou ao presunto asasinado, oculto nun convento do alto Exipto. Este fuxiu antes de ser apreixado, pero foi descuberto polos fieis de Tiro e identificado polo bispo desta cidade.

Os inimigos de Atanasio eran persoeiros da Corte imperial e urdiron un xuízo contra el. Atanasio desafiounos non presentándose perante o tribunal. Acusado de gravar a produción de liño, de non ter a idade canónica cando fora proclamado bispo e dos máis diversos vicios e delitos, viuse envolto en difamacións nun concilio en Tiro. Cando ía ser arrestado, conseguiu escapar embarcado, pero para volver a expoñerse na defensa do seu ideal.

Nas rúas de Constantinopla, reapareceu de súpeto para encarar ao propio emperador, quen foi incapaz de enfrontarse á súa impetuosidade. Desacostumado a un desafío destemido, devolveulle o seu favor.

Entón os arianos influentes pretenderon facer ver ao emperador o poder do bispo de Alexandría sobre o vital mercado do trigo exipcio e o seu boicot ao fornecemento da capital imperial. Constantino, presa da carraxe, ordenou a deportación de Atanasio a Tréveris. Este foi o seu primeiro desterro, que aproveitou para buscar o apoio da Igrexa latina ata ese momento non familiarizada coas sutilezas filosóficas dos debates orientais. Os cristiáns latinos vían reflectida a súa fe máis simple na claridade de ideas de Atanasio. O bispo de Roma Xulio I concedeulle o seu apoio. O emperador occidental Constante, fillo de Constantino, obrigou ao emperador de Bizancio Constancio, seu irmán, a rehabilitar a Atanasio. Este, lonxe de refuxiarse en Alexandría, percorreu Anatolia e a relevante Igrexa Siríaca co fin de fortalecer o seu partido.

Novamente desterrado, a súa popularidade de santidade, bondade e coraxe, acabou por debilitar a autoridade moral do emperador, quen tivo que pregarlle ata tres veces que se presentase perante el. Atanasio saíu desta proba fortalecido no seu prestixio, foi recibido no sínodo de Xerusalén e volveu aclamado á súa cidade.

Constancio acabou reunificando o Imperio no ano 353. Co gallo dunha acusación de alta traizón, o exército imperial intentou capturar a Atanasio quen, con grande apoio popular, conseguiu fuxir de novo.

Aínda que non contraatacou con calumnias e difamacións, Atanasio foi duro nos seus cualificativos. Tendo como acusadores aos aduladores do emperador, el non dubidou en atacar o propio Constancio directamente como o emperador da herexía, e aos seus conselleiros dirixiulles duros epítetos pero sen caer nas falsas imputacións, tal como el as sufría. A súa dialéctica cinguiuse ao nivel dunha, certamente apaixonada e contundente, disputa teolóxica e pastoral. Atanasio afirmou tallante que: a Igrexa non é asunto do emperador. E hai quen ve nel un dos precursores na defensa da liberdade da comunidade eclesiástica fronte a un concepto omnímodo do poder na antigüidade. Tampouco se perturbou polas vacilacións do bispo de Roma Liberio temoroso de enfrontarse ao poderoso partido ariano e cómplice da expansión da herexía.

No ano 362 subía ao poder un emperador inimigo do cristianismo e partidario da restauración do paganismo Xuliano o Apóstata. Atanasio negouse a colaborar no que para el era a volta á idolatría e novamente foi desterrado, abandonando a cidade entre o adeus dunha desconsolada multitude que ameazaba cun levantamento violento. A esta calmouna e consolouna dicindo que a súa nova marcha era unha nube pasaxeira, como así foi, pero o novo emperador Valente volveríao a desterrar unha vez máis chegando a sumar en total 17 anos de desterro que non conseguiron dobregar a súa tenacidade.

Ensinanzas

[editar | editar a fonte]

Toda a obra de Atanasio pode concentrarse nesta frase súa extractada: O Verbo de Deus, apiadado da raza humana, compadecido da nosa debilidade, condescendente coa nosa corrupción, non aceptando que a morte dominase sobre nós, para que non perecese o que comezara e para que non fose inútil a obra do Pai, tomou un corpo, un corpo que non é diferente ao noso... O Verbo fíxose home para que nos fixésemos Deus; fíxose visíbel polo seu corpo para que teñamos unha idea do Pai invisíbel; aturou as aldraxes para que teñamos parte na inmortalidade.

Atanasio atribuíu tamén calidades divinas ao Espírito Santo, facendo progresar, xunto con Basilio o Grande a configuración dogmática do misterio da Santa Trindade. Se o Pai é fonte e luz e o Fillo río e resplandor, o home bebe e é alumado polo Espírito (Carta a Serapión).

O seu relato sobre a vida de Antón Abade, supuxo un pulo decisivo do monacato. O seu retrato do monxe exipcio como un home avezado nas loitas contra Satán, admirado pola súa bondade, humildade equilibrio e ascetismo e como vencedor de todas as tentacións demoníacas: a gloria, o poder, a luxuria, a anguria, a tristura e a desesperación, fixeron del unha das figuras claves do cristianismo popular.

  • Escritos apoloxéticos e dogmáticos:
Tratado contra os xentís.
Tratado sobre a encarnación do Verbo.
Discursos contra os arianos.
Apoloxía contra os arianos.
Apoloxía ao emperador Constancio.
  • Escritos histórico-polémicos:
Apoloxía da súa fuxida.
Historia dos arianos.
  • Escritos esexéticos e ascéticos:
Comentarios aos Salmos.
Comentarios ao Xénese.
Comentarios ao Cantar dos Cantares.
Vida de Antonio.
  • Cartas.
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy