Saltar ao contido

Empanada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Empanada

Anacos de empanada.
Outros nomes Bola
Ingredientes
Vexetal Fariña de trigo ou millo
Variantes Empanada galega
Relacionados
Similares Empanadilla

Unha empanada ou bola[1] é unha preparación culinaria consistente nunha masa e un recheo que se frixe ou coce no forno.

Consiste nunha masa de fariña, elaborada máis ou menos como unha masa de pan rechea de carne ou outros produtos (tamén verduras, peixes, ou mariscos variados), previamente cociñados de formas moi variadas segundo a gastronomía local, pero sendo con moita cebola frixida en aceite o modo tradicional en Galicia. Este é un tipo de alimento de orixe moi antiga que se dá en case tódalas culturas.

A masa está preparada xeralmente con trigo, pero pode estar feita con outros cereais, como o millo, engadíndoselle ás veces na preparación algún tipo de graxa (que pode ser aceite, manteiga ou graxa de porco).

Empanadas galegas

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Empanada galega.
Empanada de millo
"Hai quen dixo que a empanada é invención do pobo pobre. Que o siga decindo. Galicia é país de empanadas, e convén dicir que entre nós téñense ensaiado empanadas de cáseque todo. Algunhas gozan de máis prestixio que outras. Outras soamente se fan nalgún sitio: a de "papuxas" en Monforte de Lemos, que é cousa boa. De Lugo e da Galicia fluvial son as empanadas de anguía. Nas Rías Baixas fanse, con pan de millo, escelentísimas empanadas de croques e de vieiras"
Cunqueiro

As empanadas galegas consisten basicamente nun prato feito no forno nun recipiente especial chamado empanadeira, feito de metal e normalmente redondo cun diámetro duns 60 cm e 5 cm de fundo. En Galiza hai dous tipos principais de empanadas:

Tamén se fan empanadas doces, principalmente a empanada de mazá, moi semellante ao apple pie inglés.

No Pórtico da Gloria unha das figuras ten nas mans o que se deu en identificar como a primeira representación dunha empanada galega.

Empanada de trigo

[editar | editar a fonte]

É a máis común e está estendida por todo o territorio, no interior é mais habitual o recheo de carne e no litoral de peixe ou marisco. O procedemento consiste en estender arredor dun quilo de masa de pan en dous círculos e situar entre ambos o recheo, xeralmente cru e cun sofrito de cebola (que pode levar pemento ou pementón), aínda que algúns tipos de empanada, xeralmente de carnes como a empanada de raxo, por exemplo, están cociñados previamente nun sofrito. Os dous círculos únense de diversas formas e o conxunto cócese arredor de 45 minutos. Tradicionalmente as empanadas levábanse a un forno de pan onde se cocían, porén este costume está a desaparecer. Aínda que as empanadas caseiras están máis comunmente feitas de masa de pan, teñen o problema de que axiña se poñen resesas, polo que son difíciles de encontrar en estabelecementos comerciais, que prefiren masas feitas con graxa ou aceite, de menores cualidades culinarias e máis indixestas, pero que se conservan moito máis tempo.

Algúns tipos :

  • Empanada de iscos, con fetas de touciño, típica de Lugo
  • Empanada de bacallau, tamén na versión moderna con uvas pasas.
  • Empanada de zorza. Típica do interior, especialmente na provincia de Lugo.
  • Empanada de polo, ou de polo con cogomelos ou champiñóns.
  • Empanada de raxo.
  • Empanada de bonito, a máis demandada e apreciada.

Empanada de millo

[editar | editar a fonte]

Típica das rías Baixas, o seu proceso é mais difícil, esténdese masa de boroa no fondo da empanadeira untada en aceite ou graxa, colócase o recheo e o sofrito e vaise cubrindo con pequenas tortas de masa soldadas a man. Normalmente é de produtos do mar.

As máis típicas son a de xoubas e a de berberechos.

A empanada na gastronomía internacional

[editar | editar a fonte]

A empanada española, contrariamente á dos países suramericanos (que equivalería máis ou menos a unha empanadilla) é grande, para varios comensais. Este é un prato moi popular en case todas as rexións españolas, aínda que quizais as máis famosas sexan as de Galicia e Asturias. Aínda así, son tamén moi famosos os diferentes "hornazos" (especie de empanada, típico das rexións castelás e andaluza) como por exemplo, o de Salamanca. As empanadas españolas poden ter recheos salgados -carne, peixe, marisco...- ou doces -mazá...- e en moitas localidades teñen unha especialidade particular.

Antigamente (aproximadamente no século XVI), chamábase "empanadas á inglesa" ás elaboradas cunha masa semellante á do pan. A empanada galega deriva en efecto dunha "empanada" medieval, que resultaba de colocar diversos alimentos -verduras, ovos, carnes, mariscos etc.- nun oco feito nunha bola de pan suficientemente grande, preparación que se realizaba sobre todo para o fornecemento de pastores e peregrinos polo práctico desta presentación de comida. Así e todo, co paso do tempo, no canto de encher o pan previamente enfornado, comezouse a enfornar directamente a masa de pan co recheo dentro, o que lle dá o seu sabor característico.

As empanadas suramericanas son do tipo da empanadilla, pero con recheos xeralmente máis variados e picantes.

As empadas ou empadinhas, son similares ás empanadillas españolas e moi comúns no Brasil.

Festas gastronómicas

[editar | editar a fonte]

Véxase artigo principal Festa da empanada

Dada a súa tradición na gastronomía galega, existen varias festas dedicadas a este produto.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy