Saltar ao contido

Isaías

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Profeta Isaías. Rafael Sanzio, 1511-1512. Fresco en Sant'Agostino, Roma.
"[Teredes ...] alegría no corazón como quen marcha ao son da frauta" (Isaías 30:29).[1]

Isaías, do hebreo, ישעיהו—Ieshaiáhu, e que significa "Yahveh é salvación" foi un dos profetas maiores de Israel,[2] cuxo ministerio tivo lugar durante o século VIII a.C.[3] O ministerio profético de Isaías tivo lugar no reino de Xudá durante as monarquías de Uzías, Jotán, Acaz, Ezequías e Manasés.[4] Profetizou durante a crise causada pola expansión do Imperio asirio. Escribiu polo menos a primeira parte do libro bíblico que leva o seu nome.

Vida e legado

[editar | editar a fonte]

Isaías naceu probablemente en Xerusalén contra o 765 a.C. e foi asasinado (aserrado), segundo se cre, polo rei Manasés en 695 a.C.[5] Segundo a tradición talmúdica, Isaías posiblemente foi primo de Ozías e parente dos reis contemporáneos de Xudá.

Isaías foi un estadista, asesor de reis, poeta, orador e escritor, fillo de Amós e está considerado un dos profetas maiores hebreos, chamado "o príncipe dos profetas" e sendo valorado, fundamentalmente, polas escrituras que legou ao seu pobo e ás subsecuentes xeracións.

Tivo dous fillos, con nomes profeticamente significativos, Sear-jasub (un remanente volverá)[5] e Maher-salal-hasbaz (o refugallo apresúrase), comenta que el e os seus fillos son presaxios para Israel. Á súa esposa chamábana "a profetisa".[5]

O ministerio profético de Isaías chegou a durar case medio século, dende fins do goberno de Azarías, rei de Xudá, até os tempos do monarca Manasés. Segundo os libros apócrifos Vida dos Profetas (1,1) e Ascensión de Isaías (5,11-14), o profeta morreu aserrado (partido) durante a persecución provocada polo rei Manasés; a iso tamén parece referirse a Biblia.[6]

Isaías foi un firme opositor á política de alianza dos reis de Xudá cos imperios estranxeiros e chamou a confiar na Alianza con Yahveh. Opúxose ao protectorado de Asiria que o rei Acaz propiciou para enfrontarse co norteño Reino de Israel e o de Damasco. O rei Ezequías quixo contrarrestar a hexemonía asiria, aliándose con Exipto, opóndose Isaías tamén a iso, pero cando as tropas asirias de Senaquerib cercaron Xerusalén, Isaías apoiou a resistencia e anunciou a axuda de Yahveh: a cidade salvouse.

A obra de Isaías mostra que era un gran poeta, con estilo brillante, precisión, composición armoniosa e imaxes novas. Académicos e críticos coinciden en que foi o autor dos capítulos 1 a 12, 15 a 24 e 33 a 35 do Libro de Isaías, en tanto que a autoría do resto do libro é un tema de debate. Os capítulos 36 a 39, que están escritos en terceira persoa, foron aparentemente escritos polos seus discípulos.

A segunda parte do Libro de Isaías, coñecida como Libro da Consolación de Israel (capítulos 44-55), é moi diferente á primeira e non nomea en ningures a Isaías. O escenario destes capítulos finais supón que Xerusalén foi arrasada, o pobo xudeu está cativo en Babilonia e Ciro xa é rei de Persia, xesta que provocará a liberación dos hebreos. O estilo do texto é máis oratorio e até repetitivo. O contido rexistra unha maior elaboración teolóxica. É entón probable que estes capítulos finais sexan obra dun autor anónimo ao final do desterro, despois de 560 a.C.[7]

Exexetas e estudosos recalcan con todo, que as dúas partes do libro de Isaías están unidas pola súa visión mesiánica:

  • Nos capítulos 6 a 12 anúnciase o nacemento do Emanuel, que significa en hebreo "Deus connosco".[8][9]
  • Na segunda parte (Isaías 42,1-7;49,1-9;50,4-9;52,13;53,12) preséntanse os Cánticos do Servo de Jhvh, seguidor perfecto de Deus que con plena fe sofre para expiar os pecados do seu pobo e é glorificado.

Estudos suxiren que o uso reiterado de derivados de נצר en ambas as partes do libro de Isaías, é unha alusión mesiánica: natser, transcrita Nazer, traducida como "fillo", "vástago", "rama" ou "renovo"; e noutros contextos como vixiar, gardar, observar, defender, arrodear, preservar (do perigo) ou esconder (refuxiar).[10] Consideran que a iso se refire Mateo 2:23 cando di que habitou na cidade que se chama Nazaret, e así se cumpriu o devandito polos profetas, que había de ser chamado Nazareno (נצר, Notsri).

O cristianismo estima que o Libro de Isaías anunciou o nacemento, sacrificio e gloria de Xesús e ademais, o alcance universal da salvación polo que se considera nalgunhas ocasións como o "Príncipe dos Profetas".

Segundo a tradición xudeocristiá, Isaías puido morrer como mártir.[11] Durante a súa vida, Isaías ensinou a supremacía, a santidade e o carácter ético da mensaxe de Deus.[11] Criticou os erros do seu pobo, ao que á súa vez alentou durante o cativerio en Mesopotamia, e profetizou así mesmo o futuro renacer de Sión e Xerusalén.[11]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. וְשִׂמְחַ֣ת לֵבָ֗ב כַּֽהוֹלֵךְ֙ בֶּֽחָלִ֔יל. "Flauta", estampa israelí; deseño de Miriam Karoly, 1955-56.
  2. Tradicionalmente, Isaías é por consenso ademais considerado entre os "profetas maiores" (xunto con Xeremías, Ezequiel e Daniel).
  3. Coñecido tamén como Ishaia, o nome hebreo Isaías tamén pode significar "Yahveh salvou" e "Yahveh é axudador".
  4. Isaías 1:1, 6:1, 7:3, 14:28, 20:1, 2:36-39. Philip Wilkinson, Religiões (20089, Río de Xaneiro: Zahar, 2011, p. 299.
  5. 5,0 5,1 5,2 BibleGateway. "Versión Reina-Valera 1960 © Sociedades Bíblicas en América Latina, 1960. Renovado © Sociedades Bíblicas Unidas, 1988.". Consultado o 6 de xuño de 2017. 
  6. Hebreos "11:37". BibleGateway (en castelán). 
  7. No manuscrito de Isaías atopado entre os manuscritos do mar Morto, ambas as partes están cosidas e evidenciarían así unha separación previa.
  8. Isaías "7,14". BibleGateway (en castelán). 
  9. עמנואלImanuel; Imanu = "connosco", El = "Deus".
  10. Miller, Fred P. "Isaiah's Use of the word "Branch" or Nazarene" (en inglés). Consultado o 17 de maio de 2011. 
  11. 11,0 11,1 11,2 Wilkinson, Religiões, p. 299.
  12. Coñecido como o "Salterio de París".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Philip Wilkinson, Religiões [Religions, 2008], Río de Xaneiro: Zahar, 2011.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy