Saltar ao contido

Meiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Meiga, interpretación dunha intelixencia artificial de texto a imaxe.
Meiga vedoira, interpretación dunha intelixencia artificial (Midjourney).
Graffiti en Ordes (A Coruña)
Hand Baldung Grien: Meigas

Segundo a tradición popular, unha meiga é a muller con coñecementos de maxia e bruxaría, ademais de menciñeira. Entre as súas cualidades figuran a capacidade para facer feitizos e meigallos, males de ollo e adiviñación.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Segundo o antropólogo Carmelo Lisón Tolosana a meiga non debe confundirse coa bruxa, que fai o ben e é capaz de desfacer os conxuros maléficos e o mal de ollo das meigas.[1] Porén, en galego emprégase o termo meiga ás veces como sinónimo perfecto de bruxa, e outras con matices distintos e diversos,[2] ás veces sendo o termo meiga usado como curandeira e bruxa como muller maligna, e outras ao contrario.[3] Nos documentos históricos (Véxase tamén o apartado Historia neste artigo) mestúranse os significados, e ambas as dúas acepcións, tanto de meiga como de bruxa, están recollidas no DRAG.[4][5]

Etimoloxía de meiga

[editar | editar a fonte]

Existen varias teses sobre a súa etimoloxía. A máis común deriva o termo actual do latín medica.[6] Para outros autores o termo é homónimo de maga, que procedería do persa antigo maguš -sabio- por mediación do grego μάγος e finalmente do latín magus, do que sería o seu feminino, ou da mesma raíz persa maguš vía latín (mag-ister),[7] mestre, polo que as meigas serían as posuidoras e transmisoras da sabedoría popular, feito polo que serían perseguidas na época cristiá cando a Igrexa loitaba por monopolizar o coñecemento.

Etimoloxía de bruxa

[editar | editar a fonte]

O termo bruxa en galego e portugués ten equivalentes noutras linguas peninsulares (o catalán bruixa, rexistrado no século XIII, o castelán bruja, o aragonés broiksa etc.); porén, a etimoloxía da palabra non está clara, e hai diversas teorías, desde a que a vinculan á cidade belga de Brugis (en galego Bruxas/Bruxes, aínda que o topónimo ten que ver con ponte, da mesma raíz que Brücke e Bridge), o éuscaro buru-utza (cabeza oca), o protocéltico brixta (feitizo), a raíz indoeuropea *bru- (queimar, brillar, alumear), ou de variantes do latín vulgar relacionadas con súcubo, con roupas ou con voar.[8][9][10][11] Hoxe, as seguidoras da Wicca practican a bruxería e adoran a natureza, e algunhas chámanse bruxas a si mesmas, pero non están vinculadas ao sentido histórico do termo.

A referencia máis antiga da existencia de persoas no Reino de Galiza que recorren a algún tipo de maxia é de finais do século XIII: un sínodo en Santiago de Compostela en 1289 prohibe aos cregos, baixo determinadas penas, ser adiviños, augures, sortílegos e encantadores. A prohibición esténdese a todo tipo de persoas no século seguinte baixo pena de excomuñón.[12]

No XVI menciónase a existencia de "mulleres feiticeiras" que lanzan feitizos e maldicións aos homes. O sínodo do bispado de Ourense celebrado en 1543-1544 proclamou a excomuñón de todas aquelas «persoas, tanto masculinas como femininas, [que] querendo saber o que non saben, ou o que debe ser. ... van a adiviños e feiticeiras». O sínodo denuncia que cando o «óleo santo... está na pía bautismal, feiticeiras con imprudencia sacrílega e ousadía diabólica roubárono para mesturalo cos seus feitizos e supersticións erradas». Por outra banda, nin a palabra bruxa nin a palabra meiga aparecen na documentación da época.[13]

A corte da Inquisición de Compostela, que comezou a actuar na segunda metade do XVI, tratou de "feiticeiros" e "feiticeiras", tratados de bruxos e bruxas por outros tribunais.[14] Durante o resto do século denomínaselles "bruxas" e "bruxas" ás acusadas de practicar a maxia, pero algunhas delas serían consideradas bruxas e meigas por outros tribunais debido aos "tratos" que tiñan co demo. En 1579 unha feiticeira é interrogada e torturada por "ter invocacións, tratos e cópula co demo"; en 1582 outra "meiga e invocadora de demos" "confesou o pacto que mantivo co diaño e como ás veces... tivera acceso carnal con el, ás veces de día e outras de noite e se ofreceu [en] corpo e alma a o demo, ofrecéndolle tamén o sangue do dedo». Ou máis claramente no caso dun "feiticeiro... [que] ía onde ían as meigas... pola noite".[15]

O Sabbat das bruxas (1606) de Frans Francken o Mozo.

Nalgúns rexistros dos procesos da Inquisición, pódese observar que se comeza a facer unha distinción entre feiticeira e meiga, como sinalou Carmelo Lisón. O concepto de feiticeira está relacionado "máis coa manipulación de feitizos, herbas, nóminas, bendicións, filtros, po, cabelo, roupa, incenso, terra de cemiterio, auga bendita, feitizos, ligar e desatar, etc., mentres que a dunha meiga ou bruxa adquire aos poucos características demoníacas (facer o mal, voos e encontros nocturnos, pacto e acceso carnal co demo, morte de nenos, etc.)". A palabra bruxa comeza nese tempo tamén a usarse a nivel popular, como o contrario dunha muller moralmente "honesta e limpa".[16]

A partir de 1612, a actividade da corte da Inquisición de Santiago dirixiuse máis contra as “bruxas” que contra as “feiticeiras”. E é precisamente nesa segunda década do XVII cando aparece a palabra meiga para referirse á bruxa malvada que ten como finalidade enmeigar, é dicir, facer o mal ás persoas e aos animais.[17]

Dese século en diante, o estereotipo de bruxa-meiga reproduce a idea das mesmas que predomina daquela en Europa Occidental e chega a Galiza a través da bruxería vasca. Deste xeito, nas actas do tribunal de Santiago aparecen as fantasías atribuídas en Logroño ás bruxas de Zugarramurdi: "respeitan unha xerarquía entre elas, úntanse para saíren de casa e voar, renegan da fe e cumpren co ósculo infame e, asi mesmo, despois da apostasía teñen relación carnal co demo (en figura de macho cabrío) polas suas partes traseiras"; casan co diabo que as marca coa unlla por súas, destrúen os froitos dos campos en saídas nocturnas, matan a meniños, entran en apousentos para pór feitizos aos que dormen e para consumirlles a vida". Reúnense xunto a unha fonte de Cangas na noite de San Xoán.[17]

Tradición

[editar | editar a fonte]

A figura da meiga está moi arraigada na tradición popular, e diferénciase da bruxa en que esta actúa sempre con maldade, podendo tratar e mesmo pactar co demo. A figura da bruxa correspóndese en gran medida co arquetipo clásico da bruxa vestida de negro, con sombreiro cónico e a súa vasoira, mentres que a figura da meiga achégase moito máis a unha muller de aldea, con certa idade, mais con maior heteroxeneidade no demais.

Gravado do século XIV con meigas botando ingredientes nun caldeiro.

A meiga rivaliza en popularidade coa propia Santa Compaña, e achégase bastante á figura da curandeira dos druídas. Expresión típica pola que se recoñece a cultura galega en gran parte de España e Portugal é aquela de eu non creo nas meigas, mais habelas hainas.[18]

Tipos de meigas

[editar | editar a fonte]

Dise que hai un gran número delas, cada unha con diferentes poderes:

  • Meigas-chuchonas: son as máis perigosas, e preséntanse con distintas caras ou caretas, chúchanlles o sangue aos nenos e róubanlles os untos para seren empregados na confección de pomadas.
  • Asumcordas ou bruxas da rúa: espreitan á xente e vixían quen entra e sae da casa.
  • Marimanta: é a meiga do saco, rouba raparigos e fainos desaparecer.
  • Feiticeira: vive preto dos ríos e regatos, aínda que anciá, o seu aspecto non repele, posúe unha voz moi fermosa que hipnotiza os mozos que se achegan ao río e fai que se vaian metendo no río, onde ao fin afogan.
  • Souvenir de Galicia dunha meiga e elementos típicos.
    Lavandeira: esta meiga sorprende o camiñante pola noite mentres lava a roupa, invitando a este a que colabore. Esta persoa ha de facelo pois pola contra estará exposta a serias desgrazas. O seu aspecto é totalmente común, é como calquera outra anciá diferenciándose porque as pezas que lavan están manchadas de sangue, a consecuencia, segundo se di, dun mal parto. Dise que a lavandeira non pertence ao reino dos vivos e o xeito de liberarse dela é pasar de longo sen dirixirlle ningunha palabra.
  • Lobismuller: ten que nacer en Noiteboa ou Venres Santo, ou ben ser a sétima ou novena filla dunha familia na que tódolos fillos son mulleres.
  • Vedoira: é esvelta e agradable no trato. Posúen facultades divinatorias, e son expertas en contactar co alén para dicir se alguén falecido está gozando eternamente no ceo ou se aínda pena no Purgatorio.
  • Cartuxeiras: son meigas que botan as cartas e sempre acertan nos seus vaticinios.
  • Agoreiras: estas meigas avellentan prematuramente, pero viven moitos anos.
  • Dama de castro: esta meiga vive baixo castros milenarios ou baixo terra nun castelo de cristal, leva sempre un longo vestido branco de cola e sempre atende a solicitudes da xente. Xa que goza de benestar e fortuna, ningún tipo de favor serve para recibir dela consellos ou agasallos; ao contrario adoita aparecerse a persoas aflixidas por algunha situación difícil da súa vida, e a esas persoas de condición humilde outorga os seus favores.
  • Xacios: son seres mitolóxicos coa metade inferior dun peixe e a metade superior humana, masculina ou, sobre todo, feminina. Encántalles a auga e habitan nas pozas dos ríos.

A meiga en América

[editar | editar a fonte]

En Chiloé, Chile, coñecida nos primeiros tempos da colonia como "Nueva Galicia", a crenza en meigas foi posibelmente introducida por conquistadores de orixe galega nos séculos XVI e XVII. Nesta rexión reciben a denominación de meicas, asociadas a curandeiras benignas asimilables ás machis do pobo huilliche. [19] Nesa zona hai múltiples similitudes coas tradicións galegas, como a crenza na herba de namorar, sereas, trasnos etc.[20]

  1. Lisón Tolosana 1993, pp. 299-324.
  2. "Meigas y bruxas en Galicia: habelas, hainas". Galicia Máxica (en castelán). 2020-11-23. Consultado o 2023-08-13. 
  3. Lopez, Juan (2020-06-30). "MEIGA". Conozcamos Todas Las Mitologias De Nuestro Planeta (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2023. Consultado o 2023-08-13. 
  4. "meiga". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-13. 
  5. "bruxa". Dicionario da Real Academia Galega. Consultado o 2023-08-13. 
  6. Galega, Consello da Cultura. "Meigas ; Album de Galicia". CONSELLO DA CULTURA GALEGA. Consultado o 2023-08-13. 
  7. "Palabras Desconxeladas" (PDF). palabrasdesconxeladas.gal ; Henrique Arguindey. Consultado o 13 de agosto de 2023. 
  8. "Etimologia de “bruxa”". OrigemDaPalavra.com.br. Consultado o 2023-08-12. 
  9. "BRUJA". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2023-08-12. 
  10. Geographic, National (2019-10-31). "¿Cuál es el origen de la palabra bruja en inglés y español?". National Geographic en Español (en castelán). Consultado o 2023-08-12. 
  11. Casals, Escola Marilo (2017-01-03). "Etimología: La bruixa". escolamarilocasals (en castelán). Consultado o 2023-08-13. 
  12. Lisón Tolosana 1993, p. 299.
  13. Lisón Tolosana 1993, p. 300.
  14. Lisón Tolosana 1993, pp. 300-301.
  15. Lisón Tolosana 1993, p. 301-302.
  16. Lisón Tolosana 1993, pp. 302-303.
  17. 17,0 17,1 Lisón Tolosana 1993, p. 304.
  18. "A frase «Eu não acredito em bruxas, mas....» - Ciberdúvidas da Língua Portuguesa". ciberduvidas.iscte-iul.pt. Consultado o 2023-08-13. 
  19. "Chiloé y Galicia. Confines mágicos". calameo.com (en inglés). Consultado o 2023-08-13. 
  20. "CHILOE, CHILENIDAD y CELTISMO (II parte) :: ChileCelta". www.chilecelta.cl. Consultado o 2023-08-13. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Lisón Tolosana, Carmelo (1973). Las brujas en la historia de España (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Temas de Hoy. ISBN 9788478802197. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy