Saltar ao contido

Pintura sobre táboa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Virxe das Rochas de Leonardo da Vinci, exemplo de pintura sobre táboa.

A táboa é un soporte pictórico ríxido, ao contrario có lenzo, e moble, ao contrario có muro. Tamén designa, por metonimia, á obra pictórica que soporta, independentemente da súa técnica (óleo ou témpera, principalmente).

Xa dende a Antigüídade aplicouse pintura na madeira.

Pintura sobre táboa da antigüidade: Retrato fúnebre da época romana en El Fayum

Os sarcófagos exipcios que datan do ano 2000 a. C. atópanse en numerosas ocasións pintados, xeralmente á encáustica. Son famosos os «retratos de El Fayum», de carácter funerario, que datan dos séculos II a IV.

Porén, foi na Idade Media cando se espallou a pintura sobre táboa e acadou o seu máximo esplendor. Na época románica pintáronse diversas pezas de mobiliario executadas en madeira, como baldaquinos ou frontais. A madeira que se pintaba era, en moitas ocasións, a de mobles e outros obxectos de uso cotián, que se adornaba mediante a pintura. Así, durante os séculos XIII e XIV, en Italia especialmente, pintábanse os crucifixos, como pode verse na obra de Giunta Pisano. Outros obxectos cotiáns decorados con pinturas foron as arcas de esponsais ou cassoni, exemplo das cales é La historia de Nastagio degli Onesti de Botticelli ou as caixas de partos.

Especialmente durante a Baixa Idade Media pintouse átémpera sobre madeira, en táboas individuais ou dispondo conxuntamente varias táboas, o que se denomina, segundo o seu número, díptico, tríptico ou políptico, aínda que eses termos aplícanse por extensión tamén a calquera outro soporte pictórico. Unha clase especial de políptico, no que a decoración que enmarca á pintura cobra especial relevancia é o retablo (onde o soporte das pinturas pode ser o lenzo, ou os soportes pictóricos planos substituírse por relevos policromados, ou mesmo esculturas exentas).

Considérase o punto culminante desta pintura sobre táboa a obra dos primitivos flamengos (século XV), quen xa traballaban co óleo, ben só, ou ben en técnica mixta con témpera. A pintura sobre táboa empregouse, aínda que en moita menor medida, no século XVI e mesmo no XVII ou o XVIII.

Características

[editar | editar a fonte]

A madeira que máis se usou historicamente é a de nogueira, piñeiro ou abeto, aínda que era algo que dependía da rexión onde se vivise e das especies arbóreas que estivesen dispoñibles en abundancia, pois en Italia empregábase o chopo, e no Norte de Europa, carballo, faia ou piñeiro. Outros taboleiros de madeira dura que se usan como soporte pictórico son os de especies coma o bidueiro, o cedro ou o álamo branco. Durante a Idade Moderna recorreuse a madeiras tropicais duras como a caoba.

Para preparar esta superficie eran necesarias técnicas complementarias. En primeiro lugar, si era unha obra moi grande, había que unir diversas táboas entre si, usando parafusos de madeira e non de metal, que se oxida; este proceso aparece descrito en obras como De Diversibus Artibus, de Teófilo (principios do século XII) ou Il Libro dell'Arte de Cennino Cennini (1390).

Tríptico do sete sacramentos, Roger van der Weyden

Nesta última obra tamén se describe o «entelado», habitual até o ano 1400, que cubría as xuntas e outros defectos da madeira mediante teas de liño con apresto pegadas á madeira. Co «enxesado» cubríase a madeira cunha fina capa de xeso (en italiano, gesso), impermeable á auga, sobre a que se podía pintar. Mediante o «estufado» ou «embutido» enchíanse determinadas zonas con xeso para darlle relevo. Finalmente, chámase «dourado» á aplicación de pan de ouro en determinadas partes da pintura. Un exemplo de relevo de gesso cuberto con folla de ouro é a coroa e a auréola do rei na Adoración dos magos (1423), de Gentile da Fabriano, conservado na Galería Uffizi.

Para fixar sobre a táboa a materia pictórica, adóitase someter a algún tipo de tratamento, como cubrila de albaialde para dar unha base luminosa.

A conservación da madeira adoita ser problemática, producíndose curvaturas, gretas, podremia, ataque de parasitos como o caruncho, o que esixe técnicas especiais de restauración. Outro dos inconvenientes deste soporte, fronte ao lenzo, é o seu peso. Ademais, na actualidade, recorrer ás madeiras tradicionais, resulta moi caro. Por iso, os artistas contemporáneos que desexen traballar con madeira teñen ao seu alcance outras superficies para pintar máis baratas, como o táblex ou masonita, o aglomerado de densidade media (DM) que proporciona unha superficie lisa, o tríplex e, máis caros, a madeira contrachapada que se atopa dispoñible en diversos grosores e o chamado blockboard.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • VV.AA., Pintura, en Gran Enciclopedia de las Ciencias. Arte, páXs. 58-60, Club Internacional del Libro, 1990. ISBN 84-7758-304-8
  • Laneyrie-Dagen, N., Los soportes, en Leer la pintura, páXs. 8-13, colección Reconocer el arte, Larousse, Barcelona, 2005 Spes Editorial, S.L. ISBN 84-8332-598-5
  • Sidaway, I., Soportes, en Enciclopedia de materiales y técnicas de arte, páXs. 106-119, Editorial Acanto, 2002. ISBN 84-95376-30-X
  • VV.AA., La estructura del cuadro: Soportes E Fondos en Enciclopedia Universal de la Pintura y la Escultura, Vol. I, SARPE, 1982. ISBN 84-7291-377-5
  • VV.AA., Soporte pictórico, en Historia del Arte, páX. 990, Ed. Anaya, 1986. ISBN 84-207-1408-9
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy