Saltar ao contido

Uréter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os uréteres (4) van desde a pelve renal (3) á vexiga urinaria (5).
Sección do uréter.
Uréteres e outros vasos.

En anatomía humana, os uréteres son os tubos que conducen a urina desde os riles á vexiga urinaria. Teñen moitas fibras de músculo liso, e unha lonxitude no adulto duns 30 cm e ~3–4 mm de diámetro.

Nos humanos os uréteres nacen na pelve renal na zona medial de cada ril e descenden cara á vexiga apoiándose no músculo psoas maior. A primeira porción é abdominal e cando chega preto da bifurcación das arterias ilíacas, que cruza pola parte anterior, pasa á rexión da pelve menor. Os uréteres discorren posteroinferiormente polas paredes laterais da pelve e cúrvanse cara a adiante para entrar moi oblicuamente na vexiga pola súa parte posterior, na unión vesicouretérica, seguindo a parede da vexiga durante uns 2 cm. O fluído retrógrado da urina impídese pola existencia dunhas válvulas chamadas válvulas ureterovesicais. A luz do uréter non é uniforme; é máis estreita preto da pelve renal, na zona onde cruza as arterias ilíacas e na entrada da vexiga, zonas onde se poden aloxar cálculos renais.

Nas mulleres, os uréteres pasan a través do mesometrio (mesenterio do útero formado polo ligamento uterino) e baixo as arterias uterinas no seu camiño á vexiga urinaria.

Os uréteres tamén se encontran noutras especies de animais amniotas, pero nos anfibios e peixes hai outros condutos que desenvolven o mesmo labor.[1]

Histoloxía

[editar | editar a fonte]

Teñen un diámetro duns 3 mm e unha luz con forma xeralmente estrelada, xa que a súa mucosa ten moitos pregamentos, pero que se pode agrandar para deixar pasar a urina.

Da luz ao exterior a parede do uréter pode dividirse nas seguintes capas principais:

  • Mucosa constituída por un urotelio (epitelio de transición) con 4 ou 5 capas de células, máis grandes canto máis próximas á luz, cunha lámina basal, densa e elástica, que permite que o uréter sexa impermeable, e un tecido conectivo rico en fibras elásticas.
  • Capa muscular formada por fibras musculares lisas agrupadas en feixes separados e anastomosados circulares e lonxitudinais.
  • Adventicia, que forma unha vaíña fibrosa envolvente con moitos vasos sanguíneos e anastomoses.

Enfermidades

[editar | editar a fonte]

O cáncer ureteral é un tumor propio destes condutos.

Os cálculos renais poden desprazarse desde os riles e aloxarse nos uréteres, bloqueando o fluxo de urina, o que causa un forte cólico nefrítico con dor aguda abdominal (nas costas, partes laterais e inferior do abdome).[2] O ril afectado pode despois desenvolver hidronefrose, e inchar debido ao bloqueo do fluxo de urina.[3] Hai tres zonas do uréter onde xeralmente quedan aloxados os cálculos renais:

  • A unión uretérica na pelve renal (onde o uréter se une á pelve renal).
  • A zona onde o uréter pasa sobre as arterias ilíacas para entrar na pelve.
  • A zona onde o uréter se une á vexiga (unión vesicouretérica).

O uréter pode lesionarse ás veces durante unha histerectomía (extracción do útero), preto do ligamento suspensorio do ovario ou na zona onde o uréter pasa por detrás da arteria uterina.[4]

  1. Romer, Alfred Sherwood; Parsons, Thomas S. (1977). The Vertebrate Body. Philadelphia, PA: Holt-Saunders International. p. 378. ISBN 0-03-910284-X. 
  2. "Symptoms of Kidney Stones". MedicalBug. 1 January 2012. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2012. Consultado o 11 April 2012. 
  3. Resnick, Martin I; Lam, Mildred; Zipp, Thomas (4 September 2009). "Kidney Stones". NetWellness. Consultado o 11 April 2012. 
  4. Santucci, Richard A. "Ureteral Trauma". Medscape. Consultado o 11 April 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outras imaxes

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy