Saltar ao contido

Polbo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Polbo común
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Cephalopoda
Orde: Octopoda
Familia: Octopodidae
Xénero: 'Octopus'
Subxénero: 'Octopus'
Especie: O. vulgaris
Nome binomial
'Octopus vulgaris'
Cuvier, 1797
Sinonimia
  • Octopus octopodia
    Tryon, 1879
  • Octopus vulgaris
    Lamarck, 1798
  • Octopus rugosus
    Bosc, 1792

O polbo común[1] (Octopus vulgaris, Cuvier 1797) é un molusco cefalópodo octópodo, da familia Octopodidae, de grande importancia pesqueira e moi apreciado na gastronomía.

O nome "polbo" deriva do latín polypus, que tamén dá pulpo en castelán, pop en catalán, polpo en aragonés ou pulpu en asturiano. Á súa vez o termo latino deriva do grego πολύπους (polýpous; de moitos pés).

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]
Polbo común (Octopus vulgaris), no Aquarium Finisterrae

De corpo globoso, superficie rugosa e sen aletas, provisto de oito tentáculos (ou raxos) dotados na cara interna de dúas filas de ventosas cada un, situados ó redor da boca e unidos entre si por unha membrana na base. Estes tentáculos, con dúas ringleiras cada un, poder rexenerarse de seren amputados.[2] Os tentáculos frontais (o primeiro par) son máis curtos que os laterais. O terceiro brazo dereito é o brazo hectocotilo, con funcións copuladoras, e ten un ensanchamento no extremo pouco destacado, a modo de culler. Alcanza tamaños de ata 160 cm, incluíndo os tentáculos, que veñen sendo 2-3 veces máis longos que a cabeza, e pesos de ata 14 kg. O seu manto pode medir ata 25 centímetros.

A cabeza é grande, ovalada ou arredondada. A boca está provista dun forte pico córneo. Os ollos, moi desenvolvidos. O sifón, na parte traseira do corpo, ten forma de W.

A cor é moi variable, dependendo do estado do animal e da cor e características da contorna na que se agocha, para permitir unha camuflaxe co medio. Normalmente é de cor marrón agrisado, máis ou menos escuro, con manchas irregularmente dispostas de cor verde ou amarela. Poden cambiar voluntariamente a cor da pel e mesmo a textura, imitando as rochas.

Hábitat e bioloxía

[editar | editar a fonte]
Polbo común en mar aberto e logo escondéndose nunha greta

Vive en áreas litorais, sempre cerca da costa, ata os 100 metros de profundidade, sobre fondos rochosos, agochado durante o día en grutas ou entre rochas. É activo de noite e de hábitos carnívoros (crustáceos, moluscos e peixes pequenos).

O seus modos de locomoción son por unha parte o arrastrarse polo fondo axudándose dos seus oito brazos ou mediante a propulsión a chorro, grazas ao seu sifón.

No apareamento, o macho introduce o seu brazo hectocotilo nunha cavidade do manto da femia, segregando esperma nela. A femia pode poñer entre 100.000 e 500.000 ovos,[3] dispostos en forma de acios esbrancuxados, en lugares protexidos. A femia coida da posta, revolvendo a auga circundante para osixenala. Durante este tempo a femia non se alimenta, e a maioría das veces morre despois da eclosión dos ovos. Ao naceren os bebés de polbo adquiren unha forma de vida planctónica que dura ata case dous meses, cando adquiren o hábito de vivir no fondo.

Interese pesqueiro e económico

[editar | editar a fonte]
Polbo á feira.

Péscase con diferentes artes de pesca durante todo o ano, especialmente cunha nasa específica para o polbo. Tradicionalmente pescábase tamén ao espello dende embarcación, á seca ou con raña. Os caladoiros de Marrocos e as illas Canarias son especialmente abundantes.

Na costa de Perú consúmese o cebiche de polbo.[4]

O 8 de outubro celébrase o Día Mundial do Polbo.[5]

En Galicia

[editar | editar a fonte]

En Galicia, a forma típica de cociñalo é á feira, con aceite de oliva, sal e pemento, pero tamén se consome cociñado doutras formas (con cachelos, en empanada, en caldeirada, encebolado etc.). Constitúe un prato típico de moitas romarías e festas patronais.

Ríos Panisse atopou o castelanismo pulpo con tanta extensión como a forma propia polbo[6], e Rosa Ramonel matiza que se lle dá o nome de polbo cando está vivo e de pulpo unha vez pescado e, sobre todo, cociñado.

Pode distinguirse do polbo cabezudo mediante a adxectivación polbo da pedra, polbo da costa, polbo da praia, mentres que aquel sería o polbo de altura ou polbo do limpo.

Na cultura

[editar | editar a fonte]

O documental My Octopus Teacher, sobre a amizade entre un polbo común salvaxe e un cineasta de mergullo, e rodado no seu medio natural durante case un ano, revelou a gran intelixencia do polbo. Acadou un gran éxito en todo o mundo e gañou o Oscar á mellor longametraxe documental en 2021.[7]

  1. "Entrada polbo en Digalego". Arquivado dende o orixinal o 12 de decembro de 2017. Consultado o 12 de decembro de 2017. 
  2. "Contribucion al estudio de la degeneracion y regeneracion del tentaculo de octopus vulgaris cuvier (mollusca cephalopoda)". Dialnet. Consultado o 24 de decembro de 2024. 
  3. Mangold, K; en Boyle, PR (1983). Cephalopod Life Cycles, Vol. I. Londres: Academic Press. pp. 335–364. ISBN 9780121230012. 
  4. "Ceviche de Pulpo, Receta Tradicional Peruana". el Rey del Pulpo. Consultado o 24 de decembro de 2024. 
  5. world-octopus-day (en inglés).
  6. Vázquez Monxardín, Afonso (2014-01-09). "OUTRO FERVOR AO POLBO/PULPO". laregion.es. Consultado o 2022-06-22. 
  7. Redacción La Voz (15 de maio de 2021). "Lo que se aprende de un pulpo" [O que se aprende dun polbo] (en Castelán). Consultado o 24 de decembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
pFad - Phonifier reborn

Pfad - The Proxy pFad of © 2024 Garber Painting. All rights reserved.

Note: This service is not intended for secure transactions such as banking, social media, email, or purchasing. Use at your own risk. We assume no liability whatsoever for broken pages.


Alternative Proxies:

Alternative Proxy

pFad Proxy

pFad v3 Proxy

pFad v4 Proxy